RECANTO DE REFLEXIÓNS

05 agosto 2010

MARÍA AMPARO GARCÍA LÓPEZ

Naceu en Ourense e accedeu aos estudos de maxisterio en 1922 á idade mínima que eran os 15 anos e rematounos con brillantez en 1926. No ano 1933 estaba destinada na escola unitaria número 2 de Godos e logo na de Valdepereira. No ano 1934 déronlle a escola de nenas número 1 de Ourense.

(Fonte: La Región, 3 de outubro de 1926, p. 1)

Mestra nacional de Ourense represaliada que figura nos Expedientes da Depuración de Mestres Nacionais. A depuración estableceuse no decreto do 8 de novembro de 1936. Anteriormente á publicación do decreto, a purga foi levada a cabo polas autoridades académicas de cada distrito universitario, seguindo as directrices da autoridade militar e civil de cada provincia, quen redactaban as primeiras listas de mestres sancionados, para despois facelas públicas en cada un dos B.O.P. Podemos definir esta primeira depuración como unha purga militar, non soamente por ser decidida polos estamentos militares provinciais, senón porque estaba suxeita á lexislación castrense de urxencia. Posteriormente, cando se constitúe o Ministerio de Educación Nacional, a depuración entra nunha segunda fase; a partir deste momento a depuración regúlase por un corpo de leis e normas establecidas como desenvolvemento do Decreto 108, e o control da depuración pasa das mans militares a converterse nunha competencia do Ministerio de Educación, que paulatinamente vai establecendo unha serie de organismos estatais, creados especificamente para xestionar o enorme volume de traballo administrativo que a depuración estaba a crear. Entre os organismos estatais máis importantes estaban as distintas Comisións Depuradoras Provinciais, formadas por funcionarios xa depurados do Ministerio franquista. 

Fonte: Ministerio de Cultura e Deporte e Hemeroteca.