RECANTO DE REFLEXIÓNS

31 mayo 2010

ELVIRA ACEVEDO RODRÍGUEZ

Naceu en Ourense e accedeu ao maxisterio en 1 de novembro de 1896. Casou en 1911 co empregado do Concello Manuel Álvarez do que enviudou en outubro de 1938. O matrimonio tivo un único fillo que se chamaba Álvaro. En 1912 estaba de mestra na escola de Santa María de Moreiras e logo rexentaría a escola de párvulos de Ourense e nesta escola sería a titora de prácticas de Cleofé Osorio. 

Formou parte da Asociación de Mestres Católicos de Ourense; era asistente aos Congresos Nacionais de Educación Católica e estaba suscrita á Xunta de Protección da Infancia.

Pero debemos destacala pois ocupou un cargo de representación que, en certa medida, nestes anos tiña a súa importancia. En efecto, saíu escollida para o Consello Local de Primeira ensinanza en 1931 ocupando o cargo de Presidenta. Ostentando este cargo levou a cabo varias reunións informativas para o maxisterio da capital, charlas ou asembleas que se realizaban na escola Graduada.

(Fonte: Vida Gallega, 10 de decembro de 1931, p. 49)

Pode sorprender que aparezan mestres e mestras en listas de depuración, pero como digo, en moitos casos tratábase de revisar as súas referencias. Elvira Acevedo puido ser unha das que apareceu nas listas mais non foi apartada da ensinanza nin foi sancionada. De feito, tras o golpe de Estado á República, reuniuse o Consello Local de Primeira ensinanza de Ourense no que se manifestou de xeito claro o apoio ás novas ideas do réxime:

Reorganizados los Consejos locales de Primera enseñanza, con elf in de que puedan ser rápidamente tramitados, cuantos asuntos se refieran al buen funcionamiento de las escuelas primarias, según lo dispuesto por la Junta de Defensa Nacional y la Comisión de Cultura y Enseñanza de Burgos, se hace indispensable, de igual modo, la reorganización del Consejo Provincial. la cultura primaria debe robustecerse con los nuevos ideales de esta España que surge briosa, y por eso tanto los maestros como los Consejos nacionales y el provincial deben orientar sus actuaciones en este sentido, lleno de rotundas afirmaciones...(1)

Elvira sería unha mestra implicada co ensino e, en moitas ocasións, facía públicos os traballos escolares realizados na aula.

(1) "Consejo Local de Primera Enseñanza en Orense", La Región, 9 outubro de 1936, p.2
Vid: Ministerio de Cultura e Hemeroteca.