RECANTO DE REFLEXIÓNS

19 marzo 2010

PEREGRINA POUSA ÁLVAREZ

Peregrina Pousa naceu en Regodeigón, Ribadavia, no ano 1877. Verificou o exame de Ingreso na Normal de Pontevedra o 22 de xaneiro de 1913. Matriculouse o primeiro ano na Universidade de Madrid pero non o supera e xa en 1914 rexístrase  na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela na que realiza os dous cursos obtendo a máxima cualificación de sobresaliente.  No ano 1915 acada o título tras realizar o exercicio teórico-práctico no que sacou sobresaliente.


A partir de entón comeza a exercer como profesora de partos en Pontevedra onde atenderá á súa clientela na rúa Arzobispo Malvar e, posteriormente, na de Cousiño, nº 12, 2º piso. Publicita os seus servizos, ampliándoos a masaxes, na prensa local co nome de Peregrina Pousa de Varela, en referencia ao apelido do seu home.

Era unha opción bastante atractiva para aquelas mulleres que quixeran desempeñar unha profesión de certo rango xa que non implicaba ningún tipo de cuestionamento nin traba, pois considerábase moi adecuada para a muller (precisamente porque as propias parturientas así o preferían). 

Quizais o difícil foi determinar como organizar estes estudos. A tal fin ditouse a Real cédula o 10 de decembro de 1828, e de forma máis exhaustiva, a do 21 de novembro de 1861 onde se regulou o ensino de practicantes e matronas. 

Para realizar esta especialidade requiríanse unha serie de condicións: ter cumpridos 20 anos, ser casada ou viúva, ter cursado a primeira ensinanza elemental completa e ter aprobado as disciplinas seguintes: obstetricia, fenómenos do parto e sobreparto naturais e os laboriosos, regras para asistir ás parturientes e paridas e aos nenos, primeiros e urxentes auxilios e maneira de administrar auga. 

Os estudos e prácticas efectuaríanse a porta pechada e en horas distintas dos practicantes. Dita sección autorizouse en Madrid, Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid. O RD de 10 de agosto de 1904 no seu artigo 13 dicía que para facer a inscrición no primeiro curso de matronas esixíanse estes requisitos: primeiro, ser maior de idade; segundo, certificado de aprobación nunha Escola Normal de mestras, da ensinanza primaria superior; terceiro, autorización do home se fora casada.

(Elaboración propia. Vid: Cid Galante, Rosa María, Educación e Muller en Ourense (1900-1930) Tese de Doutoramento.ORTIZ GÓMEZ, Teresa, “De matrona a matrona: Francisca Iracheta y la divulgación de la ciencia obstétrica en España en 1870”, en Arenal, nº 1, vol. 6, pp. 183-195; Fontes de Hemeroteca de Galiciana. El Correo de Galicia , 25 de xaneiro de 1916; Diario de Galicia, 22 de outubro de 1915; El Diario de Pontevedra, 23 de xaneiro de1917.