RECANTO DE REFLEXIÓNS

08 septiembre 2009

MARÍA BOUZAS PÉREZ (MARÍA CONCEPCIÓN RAQUEL BOUZAS PÉREZ)


(Entrada suxeita a publicación nun libro.)

María naceu en Allariz ás nove da noite do 28 de maio de 1908 na casa de Allariz e era filla de Antonio Bouzas Alonso que se posesionou como médico forense e tamén da prisión na vila en 1913, e de Aurora Pérez Buján. O pai de María faleceu en febreiro de 1916 aos 41 anos, un feito que conmocionou á localidade pois era un home moi considerado. María tiña 8 anos, aínda era moi nena. A súa nai levou o peso da mantenza familiar e sacou aos fillos adiante.

O día 19 de setembro de 1927 realizou o exame de ingreso na Normal de Ourense no que desenvolveu tres temas:“Venida de los romanos a España” no que indicou da influencia da cultura romana na poboación autóctona. Tamén dedicou un apartado a “Viriato” e a súa resistencia contra os romanos. Finalmente desenvolveu a resistencia de “Numancia” e como a cidade se inmolou antes que concellerlle a gloria aos romanos. 

Superado o ingreso matriculouse pola opción non oficial e con gratuidade da matrícula, por ser orfa de pais, nos catro cursos da carreira ata rematalos no ano 1931. O seu expediente académico foi moi bo destacando con sobresaliente nas materias de Teoría e Práctica da lectura; Costura; Pedagoxía; Historia Moderna dos tres primeiros cursos e levando todo sobresaliente no cuarto curso (1).

Casou en 1926  co médico pediatra Antonio Fernández Carnicero afiliado ao Partido Comunista e que tiña a súa Clinica na Ponte fronte á Estación de Ferrocarril.

María afiliouse ao Partido Comunista e foi unha das dirixentes de ATEO (Asociación de Traballadores de Ensino de Ourense) e por tal motivo sufriu a represión da Comisión Depuradora que determinou o seu cese en agosto de 1936 xunto cos seus compañeiros do sindicato, edito asinado polo comandante militar Luís Soto.

Embarcou o 21 de decembro de 1938 en Francia no buque vapor Orinoco cos seus dous fillos, Antonio de catro anos e Roberto de dous, rumbo ao exilio en Veracruz (México) a onde chegaron o 16 de febreiro de 1939. Levaba unha tarxeta de turista temporal expedida no consultado de México en Marsella e alegou que ía visitar ao seu home que se topaba en Veracruz como exiliado político e que tiña permiso para desempeñar actividades non ilícitas ata outubro de 1939 (2).

(Antonio Fernández Carnicero. Fonte: AGA,RIEM,076,122)

Durante o seu exilio María foi mestra en México e, xunto co seu home, continuou o seu activismo político (3). O 13 de decembro de 1971 consta que María Bouzas viaxou no voo 464 da compañía aérea de Cuba procedente da Habana a México. Tras a morte de Franco, María máis a súa familia retornaron a España.

(Fonte: La Zarpa, 7 de abril de 1936, p. 5)

(Fonte: El Pueblo Gallego, 8 de agosto de 1935, p. 15)



(Fonte: Esta documentación ten como referencia a Caixa 2510, fondo: Dirección Federal de Seguridad (D.F.S.); serie: informes diarios; expediente: único; años: 10/12/1971 al 14/12/1971. Perteneciente a informes diarios según la identificación del Archivo General de la Nación (A.G.N.)

(1)AUVIG. Expedientes Acadécicos . María Bouzas Pérez.
(2)ES.28005.AGA. Signatura. AGA,RIEM,083,100.
(3) dos, C. (2014, February 20). médico e político galego. Wikipedia.org; Wikimedia Foundation, Inc. https://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_Fern%C3%A1ndez_Carnicero (consultado o 20 de maio de 2024)-


Vid: Méndez lois, Mª José (Coord.), Mulleres na Educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 64; Diario de un médico de guardia, e hemeroteca. Portal de Archivos Españoles do Ministerio de Cultura e Deporte.
Foto: Movimientos Migratorios Iberoamericanos. (2024). Pares.mcu.es. https://pares.mcu.es/MovimientosMigratorios/viewer2Controller.form?nid=24391&accion=4&pila=true