RECANTO DE REFLEXIÓNS

02 marzo 2009

PAZ PARADA PUMAR

Naceu en O Canedo, Ourense o 23 de febreiro de 1905. Era filla de Abelardo Parada Justel, veterinario e natural de Esgos e de Julia Pumar Builla natural de Maceda.  Os avós por parte materna eran Cesario Parada natural de Esgos e tamén veterinario e Petra Justel natural de Zamora. Por parte materna os seus avós eran Francisco Pumar Rodríguez e Suesora? Builla.

En 1915 realizou o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Ourense e alí estudou  os seis anos de bacharelato, desde 1916 ata 1922, obtendo un brillantísimo expediente (en varias materias acadou o premio extraordinario) e o 2 de setembro de 1922 realizou a expedición do título e o Certificado para a Universidade de Santiago. As súas irmás Margarita e Acacia tamén estiveron rexistradas no instituto. 

Paz trasládase a Santiago para realizar os estudos de mediciña. Alí estará tres cursos nos que acada a máxima cualificación para, finalmente, solicitar traslado a Madrid onde remata a carreira licenciándose no ano 1929. Ese mesmo ano casa co pediatra Julio Freijanes Malingre. Contraen matrinonio na Capela de María Auxiliadora de Salesianos o 24 de setembro 

Comeza a traballar en Mérida xunto ao seu marido, logo trasládanse a Lugo pero nuns anos volven a Ourense e Paz entra a traballar na sección de Análises.

O matrimonio tiña tamén unha consulta na Alameda, 4, primeiro piso.
Paz dedicouse á súa profesión ata 1969.

(Fonte: La Región, 2 de xaneiro de 1947.

(Fonte: Auriensis. Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense. nº 24, xuño 2005, p. 12. Homenaxe que se lle fixo a Paz Parada polo seu Centenario e por ser a primeira médica colexiada en Ourense.)

Das irmás de Paz podemos dicir que Margarita naceu o 5 de maio de 1895 en Maceda. Estudou no Instituto Xeral e Técnico de Ourense unha vez que fixo o exame de ingreso o 7 de xuño de 1912. Posteriormente rexistrouse por libre durante o curso 1911-12 examinándose en varias materias que preparou no Colexio Modelo dirixido por Angel Ferrín e o 10 de febreiro de 1914 expediuselle un certificado oficial de estudos para a Escola Normal de Mestras de Zamora. Alí cursaría os estudos de maxisterio con cualificacións moi destacadas en todas as materias e principalmente na de Francés, Labores e Álxebra. En xullo de 1916 aprobou os exames de reválida na Normal de Mestras de Ourense. Consta que logo se trasladou a Vigo a residir.

Acacia naceu o 10 de abril de 1914 e realizou o exame de ingreso o 28 de setembro de 1914. Consta que se matriculou un curso en materias soltas. Casou con Jesús Domínguez o xuíz municipal de Montederramo e alí residía. Enviuvou protamente pois Jesús faleceu aos corenta anos o 22 de maio de 1937. Acacia seguiu residindo en Montederramo dedicándose e á explotación gandeira de gandería vacúa de raza caldelana.

(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" (I e II) en Minius, nº XI-XII, 2003, 2004; 
La Región, 24 de setembro de 1929; Heraldo de Zamora, 1 de xuño de  1915; 15 de setembro de 1948.; Heraldo de Zamora, 2 de xuño de 1915; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, 22 de xullo de 1916.
Foto: cedida pola súa filla Inés Freijanes.