Olga
Gallego Domínguez naceu en Ourense o 8 de decembro de 1923 e foi unha ávida
investigadora, amante da historia e da arquivística. Os seus logros déronlle o
mérito de pertencer á Real Academia Galega[1].
Os seus pais chamábanse Pilar Domínguez Castro e
Manuel Gallego Lamas que eran comerciantes e tiñan unha tenda de tecidos na rúa
Barrera número 5[2]. Era a irmá de Pilar, Luís e Manolo Gallego. Tiña sete
anos cando a súa nai faleceu o día 6 de febreiro de 1931, e os seus
irmáns tamén eran moi nenos e a familia decidiu que foran vivir á casa dunha
tía, a irmá da súa nai chamada Corona Domínguez e que estaba casada cun curmán do pai.
Realizou os estudos primarios no Colexio de Don Ruperto
que estaba situado no Xardín Bispo Cesáreo e os secundarios no Instituto
Provincial e logo de obter o título de bacharelato solicitou o Certificado de
traslado á Universidade de Santiago escollendo os estudos de Filosofía e
Letras. Matriculouse na Facultade o ano 1940 e licénciase en 1946[3].
Rematada a Carreira, a Olga
entusiasmáballe o mundo dos libros e a investigación e segundo dixo: “El interés por la paleografia y el conocer a Ferro Couselo hicieron que me
identificase con el mundo de los archivos y que viese que quería dedicarme a
ellos"[4] . E comezou a preparar as
oposicións para Arquivos acadando a praza en 1955 no Corpo de Auxiliares de
Arquivos, Bibliotecas e Museos. A partir de entón comezou a traballar na
Biblioteca Provincial de Ourense[5].
Posteriormente ocupou o cargo no Corpo Facultativo de Arquiveiros,
Bibliotecarios e Arqueólogos, un posto que lle permitiu estar preto de
publicacións antigas, de facer catalogacións pero sobre todo investigar. Olga
escapaba, deste xeito, dos propósitos que a sociedade viña marcando para as
mulleres. Ela quería estudar, quería
investigar e dedicou toda a súa vida a estas facetas.
No ano 1958 recibe o cargo de Dirección dos Servizos de
Arquivos e Bibliotecas de Vigo[6].
Trasladouse a Vigo e alí desenvolveu unha intensa actividade pois levou adiante
a instalación e o bo funcionamento da biblioteca do Instituto Santa Irene, a
Municipal Jaime Solá e da Fundación Penzol. Tamén asesorou a que instalou a Caixa
de Aforros. Foi tan interesante os eu labor que algúns destes centros chegou a
deteriorarse progresivamente cando ela veu de novo a Ourense en 1965[7].
Outro paso máis na carreira de Olga foi o nomeamento en 1969 para dirixir o Arquivo Histórico Provincial
e Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense sucedendo a Ferro, unha das
persoas coas que tivo unha importante e interesante relación intelectual. Olga
xa tiña un grande recoñecemento na cidade. A profesionalidade para levar os
cargos, a súa dilixencia e saber facer facían que fose un referente no ámbito
cultural e intelectual da cidade. Por iso, en 1975, vai ser nomeada Directora
do Museo Arqueolóxico Municipal[8].
Olga foi
adquirindo cargos de maior responsabilidade nun
eido tan especializado como a Arquivística. A súa capacidade de entrega ao
traballo fixo que o Arquivo Histórico da cidade se convertese nun espazo de
estudo e de investigación pois ofrecía
unhas magníficas condicións e unha valiosa documentación. No ano 1975 o
Arquivo era todo un referente en Galicia, por tal motivo foi seleccionado para
que nel realizaran cursiños grupos de profesores que proviñan de Arxentina,
Panamá, Colombia, Venezuela e outros becados polo Ministerio de Asuntos
Exteriores e a Organización de Estados Americanos[9].
Olga Gallego
estableceu uns criterios arquivísticos que foron fundamentais para que outros arquivos
seguiran as mesmas pautas de recompilación e organización dos documentos.
Pódese salientar, por exemplo, o referido a arquivos familiares e que publicou en
1993 nun artigo titulado “Manuel de
archivos familiares” na que
establecía como debían facerse as referencias documentais e dicía que a
organización dos arquivos familiares obedecían ao orden das actividades dos
seus creadores, de tal xeito que debían ordenarse segundo cronoloxía da súa
orixe. Ditas directrices foron empregadas para a ordenación de documentos e
arquivos legados por familias insignes, non só en Galicia, senón tamén no resto
do territorio español[10].
No ano
1978 os funcionarios do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e
Arqueólogos que servían os Arquivos do Estado en Galicia presentaron un estudo
serio sobre os Arquivos de Galicia, en especial dos públicos. Expresaron a
urxencia de que os organismos políticos propios se ocupasen de realizar unha
política de arquivos e de defensa do patrimonio documental. Insistiron no feito
de que os arquiveiros e arquivos estivesen tanto ao servizo da administración e
da investigación científica e tamén das clases populares e a súa cultura. Olga
foi unha das asinantes dese informe onde se facía fincapé na necesidade de que os
arquivos debían incluír a axuda e recuperación da identidade nacional de
Galicia. Olga foi unha fervente defensora da recuperación histórica de Galicia por
iso apoiou e asinou este informe para que as instancias superiores galegas
propulsaran tanto a recuperación histórica como o achegamento documental a
todos os investigadores: “Una política en
Galicia debe tener en cuenta una futura organización autónoma que estaría
dotada de los organismos políticos y técnicos encargados de la planificación
archivística y de los Archivos y del Patrimonio documental de Galicia”[11].
A prensa
eloxiou á figura de Olga pola transformación que fixo na estrutura e
funcionamento das bibliotecas e arquivos e pola divulgación e o achegamento á cidadanía
que quería investigar. Era considerada a “alma mater” dos centros de lectura.
Foi pioneira na arquivística pero tiña claro que non debía limitarse a unha mera
recompilación de documentos, para ela un
Arquivo debía ser algo máis por iso colaborou estreitamente co Museo
Arqueolóxico e entrou a formar parte do Grupo Marcelo Macías en 1971 no que
ocuparía o cargo de Secretaria ata 1975 e de Presidenta durante vinte anos,
desde 1990 ao 2010. O grupo creárase en 1942 polos máis insignes intelectuais
ourensás como Cuevillas, Ferro Couselo, Risco, Xocas e Vázquez Varela. O
obxectivo principal era o fomento do Museo a través da publicación periódica
Boletín Auriense na que se recollían traballos de investigación
histórica-arqueolóxica. Olga achegaría interesantísimos estudos ao Boletín Auriense
sobre familias nobiliarias ourensás, sobre aspectos artísticos, xurídicos,
educativos, administrativos, sobre historias locais… Foi sacando á luz
numerosos aspectos da historia da nosa cidade e provincia. Unha longa
enumeración na que se pon de relevo a capacidade de traballo da nosa ilustre
arquiveira. Traballos de investigación que requirían unha grande exhaustividade
e elevado grao de autoesixencia. As investigacións rigorosas de Olga levárona a
ser correspondente da Real Academia da Historia desde 1980, e tamén da Real
Academia Galega a partir do 15 de novembro de 1986 a proposta de Manuel Chamoso Lamas, Francisco Ogando Vázquez
e Francisco Xavier Río Barja. O discurso que pronunciou no solemne acto de
académico titulábase: “As barcas e as
barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime”. Sería a segunda muller
en formar parte desta magna institución despois de Francisca Herrera Garrido
que fora nomeada en 1945 pero non chegou a ocupar o sillón.
Olga
contaba na provincia e Galicia cun grande recoñecemento social e profesional e era
unha asidua asistente aos eventos culturais e intelectuais como invitada
destacada e preferente, entre os máis salientables, os actos da Real Academia
que tiveron lugar no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, por exemplo, cando
se nomeou membro da mesma a Carlos Casares en 1978.
Chegados
os anos noventa, presidirá a Asociación de Arquiveiros, museólogos e
documenalistas, foi vogal da Fundación Penzol, un patronato creado en 1963 por
Fernández del Riego e Ramón Piñeiro e outros galeguistas ilustres co fin de
preservar o legado de Fermín Fernández Penzol-Labandera e crear un centro de
estudos galegos[12].
Fotografía dos membros da Fundación Penzol
en 1998
A
Fundación Otero Pedrayo que ten como obxectivo manter na memoria a un dos
patriarcas galegos, Ramón Otero Pedrayo, tamén contou entre os seus máis insignes
membros con Olga Gallego.
Todo o
que tiña que ver coa reconstrución histórica galega tiña que contar con Olga
Gallego pois, tal como indica Pedro López Gómez no Album de Mulleres do
Consello da Cultura Galega: “era brillante na xestión administrativa,
na docencia arquivística e na investigación documental e histórica, sen
desatender, coma tantas outras mulleres, o fogar do que foi cabeza.
Laboriosidade, ética profesional e cidadá foron os modos en que desenvolveu as
súas actividades” [13].
Todo recoñecemento é
meritorio cando se fai tanto pola cultura e Olga así fixo dentro dunha notable
discreción e sentido de humildade. Era incansable no traballo e ávida da
curiosade histórica, e non temía en adentrarse en temáticas históricas de
grande embergadura, temas nos que a muller tamén sería protagonista, pois como
ela dicía “A muller no Antigo Réxime non
tivo historia”. Publicou o libro “Historia
da muller. Mulleres ourensás dos séculos
XIV e XVIII” un estudo inédito que é froito dunha investigación
escrupulosa e detallista no que se reconstrúen e relatan historias individuais
das mulleres deses séculos. Ofrece un amplo espectro das mulleres ourensás pois
están as fidalgas, as burguesas, a vexadas, as protagonistas, as prostitutas, as
beatas…e como dixo Xulio Rodríguez: “Latexa
unha realidade que fai referencia a unha vida, a unha supervivencia”. É,
polo tanto, un estudo pioneiro polo punto de vista desde o que aborda. Un libro
do que dixo Carme Adán “o libro é
importante porque a historia non adoita escribir con nomes de mulleres” e
referíndose a autora: “é un referente para
as mulleres galegas”[14].
Olga foi exemplo e mestra de
arquiveiros. Efectivamente, ademais de investigadora tamén foi docente entre
1988 e 1990 na Escola Taller do Arquivo do Reino de Galicia onde formaría a
futuros arquiveiros e bibliotecarios no valor e a
importancia de preservar as fontes arquivísticas para a reconstrución da
historia e sobre todo, para a historia de Galicia, algo que Olga sempre
defendeu.
Foron moitas as distinciones que lle tributaron como o Lazo da Orden de
Alfonso X o Sabio (1969), a Medalla de Anabad (1999), a Medalla de Prata
de Galicia da Xunta de Galicia (2000), a Medalla Castelao (2006) e o
Premio Trasalba, de la Fundación Otero Pedrayo (2008). A
Universidade de Vigo fíxolle unha homenaxe póstuma o día 19 de xullo de 2012 e
nomeou un dos pavillóns do Campus de Ourense. A isto había que sumarlle o
recoñecemento e admiración do seu alumnado e da ourensanía en xeral, dese
Ourense que ela tanto amou e para a que investigou.
Olga faleceu en Ourense o día 4 de
setembro de 2010, cando tiña 87 anos. Deixounos as súas letras, os seus libros,
as súas investigación sobre as terras ourensás, todo feito coa humildade desde
ese “silencio” da investigación.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Cortés Alonso, Vicenta (coord..) Olga Gallego, arquiveira, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia,
2006.
Gallego Domínguez, Olga, Historia da
muller. Mulleres ourensás dos séculos
XIV-XVIII, Ourense, Grupo Marcelo Macías, 2008.
Fernández Aparicio, Javier “Cuestiones y estado previo a la ordenación del
archivo personal de Hoyos Sáinz”, Anales del Museo Nacional de Antropologia: Nos-Otros: Número V - 1998
Martínez Tamuxe, X.: “Gallego Domínguez, Olga”, en
Gran Enciclopedia Gallega. Gijón: Silverio Cañada, ed., D.P. 1974, p. 100.
[1] Olga Gallego foi proposta por persoas e
institucións diversas da cidade de Ourense como a Fundación Olga Gallego, a
Asociación de Viúvas María Andrea, a
Asociación de profesionais de Arquivos , Bibliotecas, Museos e Centros de
Documentación de Galicia, a Asociación
Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miiño, o Grupo Municipal Socialista do
Concello de Ourense para que unha das rúas levase o seu nome.
[2] La
Región, 4 de abril 1911.
[3] El Correo gallego, 30 de maio 1946.
[4] Xosé Manuel Pereiro “Olga Gallego Domínguez”
El
País, http://culturagalega.gal/album/detalleextra.php?id=4561consultado
o 26 de abril de 2020.
[5] La Noche 13
de decembro 1956.
[6] La Noche 4
de decembro de 1958.
[7] Begoña M. “El primer problema de las
bibliotecas viguesas. La falta de personal cualificado”, El Pueblo gallego, 8 de febreiro de 1979.
[8] El Pueblo gallego, 4 de maio de 1975.
[9] El Pueblo gallego, 9 de novembro de 1976.
[10] Vid: Javier Fernández Aparicio, “Cuestiones
y estado previo a la ordenación del archivo personal de Hoyos Sáinz”, Anales del
Museo Nacional de Antropologia:
Nos-Otros: Número V - 1998
[11] Isaac Otero “Archivos de Galicia” El Pueblo
gallego, 31 de marzo de 1978; Isaac
Otero, “Instalaciones en Galicia”, El
Pueblo gallego, 2 de abril de 1978.
[13] Pedro López Gómez, “Olga Gallego Domínguez” http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=1079
consultado o 26 de abril de 2020.
[14] L.R. “Un libro de Olga Gallego recopila
historias de la mujer ourensana entre el XIV y el XVIII”, https://www.laregion.es/articulo/ourense/libro-olga-gallego-recopila-historias-mujer-ourensana-xiv-y-xviii/20080608093402054709.html
consultado o 26 de abril de
2020.