RECANTO DE REFLEXIÓNS

27 marzo 2009

MARÍA LUZ VILLAR OTÓN

Mariluz Villar Otón naceu en Madrid en 1937. Muller polifacética da que destacamos que é actriz, escritora e periodista. Instalada en Galicia, Mariluz cofundará en Santiago a Agrupación Teatral Ditea co que realizou numerosas representacións exitosas e da que era a primeira actriz[1]. Creábase así unha agrupación teatral de carácter innovador, contemporáneo e de vangarda, achegando ventos frescos en tempos da ditadura. Destácanse as obras representadas: “Milagro”[2] de Nicolás Manzari e Adolfo Lozano, unha bella obra teatral de grande calidade tanto polo texto como pola poesía que trasmitía. Ademáis empregaba técnicas cinematográficas nunha trama complexa. Mariluz desenvolveu un papel encomiable e insuperable na representación[3]. Outra das obras emblemáticas foi “El hospital de los locos”, unha obra en verso que entrañaba grande dificultade para os intérpretes pero onde Mariluz Villar brilou con luz propia: “la atriz Mariluz Villar toda sensibilidad y poesía que traspasó al público las congojas espirituales del Alma”[4]. As obras nas que participaba Mariluz como primeira actriz eran cada vez máis esixentes. Tamén representaron na Praza da Quintana o Auto Sacramental “ El Pleito Matrimonial del cuerpo y del Alma” de Calderón de la Barca onde Mariluz, no papel de Alma, fixo unha xenial interpretación e contribuiu notablemente ao éxito obtido[5].

            A Compañía Ditea atrevíase con textos que propiciaba a “incomodidade” do espectador ao sometelo a unha seria reflexión da existencia. Representaron con grande éxito a obra “En la Red”  de Alfonso Sastre, un drama da condición humana onde o protagonista que se atopaba encerrado nunha habitación recibindo efectos escénicos auditivos creaba un ambiente de patetismo. Mariluz Villar representou o seu papel con grande veteranía sendo recoñecido polo público que aplaudiu prolongadamente[6].
la Noche, 23 de xuño de 1962
La Noche, 5 de febreiro de 1966

            A compañía de Mariluz, Ditea, tiña un traballo continuado. Representou unha grande cantidade de obras e tras unha obra viña outra: “Deja que los perros ladren”; “La Siega”; “Entre bobos anda el juego”; “Pedro Telonario”; “La Locura de don Juan”; “Asia”; “El obrero de la providencia”; “La Herencia”[7]ao que lle hai que engadir os recitativos musicais de versos onde Mariluz demostraba a súa faceta tímbrica musical[8]. Formaba parte do elenco de actores de Ditea, na súa maioría universitarios, Luís Rodríguez Míguez con quen Mariluz casaría o 16 de maio de 1965. Mariluz entregábase en cada interpretación e comezou moi pronto a ser recoñecida e a ser merecedora de premios e galardóns. En 1966 no II Certame de Teatro Nuevo concedéronlle o premio á mellor actriz principal a Mariluz Villar[9]. Recibirá tamén a máscara de ouro de Lugo e Hércules de Plata de A Coruña e, en 1990, o primeiro premio no I Certame de teatro Rexional de Galicia[10].
            
            Pero a nosa polifacética Mariluz tamén tivo un relevante papel como directora teatral e nos anos noventa comezou a dirixir interesante obras. Atreveuse con autores tan relevantes como Pedro Calderón de la Barca levando a cabo a montaxe da obra “Pleito matrimonial del alma y del cuerpo”. A súa autoesixencia levábaa a facer un estudo rigoroso da obra para posteriormente dirixir a un gran elenco de intérpretes. Un afán perfeccionista que a levaba a facer un estudo exhaustivo do propio vestiario xa que é un elemento primordial nunha montaxe teatral[11].  A obra representouse nos teatros ourensáns como o antigo Teatro Losada e o Teatro Principal, obtendo moito éxito. Deste xeito, Mariluz Villar  consagraríase como unha importante directora de teatro sendo en Ourense un importante referente. Creará en 1984 o Estudo de Artes Escénicas cuxas oficinas estaban na rúa Xoan XXIII, 14 e colaborou con importantes agrupacións teatrais como o Centro Dramático Galego.
            A literatura foi outro eido que traballou Mariluz. Xunto con Jesús Rial publicou unha antoloxía de poemas de diferentes tendencias e técnicas titulado “Cauce desnudo”[12]. Mariluz levou ao campo da poesía as tendencias máis modernas como un xeito de espertar a unha sociedade que estaba subsumida nunha ditadura pechada e con falta de iniciativas. Para ela a misión da poesía era o dinamismo, a reflexión, o cambio, a transformación…Mariluz céntrase nunha poesía transcendente que alude á existencia, á insolidariedade, as relación sociais…
la Noche, 30 de xullo de 1966       
Hoja Oficial del Lunes, 8 de decembro de 1975.

            Pero a nosa ilustre muller tiña unha voz declamativa o que lle abriu as portas doutra das súas grandes paixóns, a radio. Comeza traballando na Radio Galicia. En 1978 trasládase a Ourense e comeza traballando na Radio Cope e logo na SER. Nos medios radiofónicos atópase cómoda realizando interesantes entrevistas. De aí pasou a colaboradora na prensa escrita e era habitual ler as súas colaboracións chegas de reflexións no Faro de Vigo, La Voz de Galicia e principalmente La Región. Pero seguiu publicando libros como “Ruega por nosotras” publicando en 2020; “27 cuentos para despertar” publicado no 2004 e “Con acento humano” publicado no 2011.
            En Ourense residiu moitos anos co seu tamén ilustre marido, o médico experto en termalismo e profesor universitario, don Luís Rodríguez Míguez, con quen tivo unha filla, Alejandra Juno, muller cunha grande formación. É licenciada en Historia e en Periodismo e na actualidade adentrouse no mundo da interpretación e da literatura, sen dúbida, vocacións herdadas da súa nai.
            Mariluz, unha muller sensible, unha muller viaxada, unha intelectual e unha grande traballadora. Non naceu en Ourense pero fixo desta cidade a súa vida. Aquí rendéronlle merecidos homenaxes moitos sectores culturais e periodísticos pola súa traxectoria e integridade.



[1] “Mariluz Villar” en https://es.wikipedia.org/wiki/Mariluz_Villar_Ot%C3%B3n  consultado o 23 de marzo de 2020.
[2] La Noche, 12 de decembro de 1960.
[3] “Presentación de Ditea con el drama Milagro” La Noche, 17 de decembro de 1960.
[4] “Reposición de “El Hospital de los  locos” por Ditea en la Quintana”, La Noche, 29 de xullo de 1961.
[5] “Auto Sacramental en la Quintana” La Noche, 22 de xuño 1962.
[6] “Ditea” La Noche, 5 de decembro de 1962.
[7] Luis Santamaría, “Carta a Fray Félix Lope de Vega” La Noche, 15 de xuño de 1963; “Ditea puso en escena Deja que los perros ladren” La Noche, 4 de maio de  1963; La Noche, 12 de novembro de 1966; La Noche, 24 de novembro de 1967; La Noche, decembro de 1959.
[8] Toda esta traxectoria foi recollida pola súa filla nu libro: Alejandra Juno, Cuando Compostela subió el telón, (A Coruña, Alvarellos, 2014)
[9] Manuel de Sanhernan, Hoja Oficial del Lunes, 29 de agosto de 1966.
[10] “Mariluz Villar”, https://es.wikipedia.org/wiki/Mariluz_Villar_Ot%C3%B3n consultado o 23 de marzo de 2020.
[11] “Estudio de Artes Escénicas” Anuario teatral : 1991-1992
[12] “Dos maneras distintas de entender la misión poética” Hoja Oficial del Lunes, 8 decembro 1975.