Etiquetas

Vileza

Non pode existir maior irracionalidade que a de encarcerar a mulleres baixo unha tupida tea. Non pode haber máis perversidade. Ignominia que chega ao paroxismo. A anulación como seres humanos das mulleres que viven naqueles lugares onde impera a lei dunha relixión terxiversada supón a degradación humana máis insondable. 

Ao longo dos tempos os poderosos abrigáronse cos mantos da relixión para xustificar todo tipo de tropelías, magnicidios, inxustizas, opresións e tiranías e respaldados coas espadas dos seus secuaces, sempre expectantes para executar as súas vontades e caprichos. Formaban unha tríada, o poder, a relixión e os secuaces, para rexer as vidas de todos e todas ao seu libre albredío. En moitos países do mundo, en numerosos países do mundo, este réxime trifásico aínda impera a golpe de arrebatos e asáñase contra o seu propio pobo, contra as súas propias avoas, nais, mulleres.

Non podo permañecer impasible ante o que me chega como noticia. Mulleres que en moitos lugares viven sumidas na condición de "subhumanas" ou "infrahumanas", mulleres perseguidas ás que se lle esixe obediencia, docilidade, ocultamento social...mulleres ás que se lle nega a vida mesma. Mulleres que acaban falando só cos seus ollos mentres todo o demais está recluído.

Todo isto acontece mentres o resto do mundo miramos para outro lado e, o peor de todo, non o denunciamos mundialmente. Onde están esas institucións mundiais que poñen a lupa en certos lugares pero son miopes noutros? O poder da riqueza, iso é o que os leva a non querer ver.

Mulleres que son coma min, son do meu xénero, do meu grupo! Non podo esquecelas! Pésame a dor ao velas protestando nas rúas arriscando as súas vidas. Talvez, ou seguro, nin teñan medo ao que lles poida pasar pois a vida mesma para elas é como a propia morte. 

Falan e protestan coa forza das súas almas pois iso, os que mandan, non conseguirán achantalo.

25 de setembro de 2022.