RECANTO DE REFLEXIÓNS

Quen "Aplaudere", outorga

Aplaudir vén da palabra APLAUDERE, que é aprobar algo, outorgar. Pois ben, recentemente escoitáronse case dez minutos de aplausos dun público "entregado" a un cantante tenor que recoñeceu que abusara e acossara a varias decenas de mulleres. Eses abusos cometeunos por sentirse "falo dominante", "home alfa" que  foi conformando a arrogancia grazas a un público que o enalteceu.

É un perigo ser divo. A culpa da existencia dos divos está nas persoas que os veneran pois nesa pleitesía  van moldeando unha criatura que non ten medida, que se cre un ser supremo, un veleidoso, un carpriccioso. Por iso, estes "divos" contan coa liberdade de facer o que lles veña en gana. Neste caso, como o artista forma parte do xénero operístico, considerado un xénero para elites, están claqueados e arroupados por unha sociedade que se cre superior conformada por uns cantos aristócratas residuais de título nobiliario anacrónico que xa non vale para nada, só para presumir (e, por certo, a quen se lles perdoa ou se lles rin as súas excentricidades); empresarios esaxeradamente enriquecidos; burgueses de profesións liberais con caché que queren emular a eses nobles e xogan a ser os aristócratas de novo cuño e intelectuais "snob" que queren sentirse "distinguidos". Todos eles aplaudiron a malsalva ao "divo" e nos seus aplausos demostraron que estaban con el. 

Como non, hai que estar na testa da ola! 

Son tartufos de dobre moralidade que perdoan aos seus e que miran por riba do ombreiro. Son aqueles que ao longo da historia viñeron ocultando as súas miserias, os seus adulterios, os seus acosos, os seus abortos, os seus desenfrenos...tras unha apariencia de "respectuosidade" con roupaxes e "poses". Eles que se senten tan "honorables", que son os de "quedar bien" para seguir manténdose onde están, que farían se a persoa acusada de acoso a mulleres fose un operario calquera de calquera oficio? Aplaudirían tamén? Talvez farían ascos, quen sabe, igual ata o feito lles resultaría indiferente, o que sería aínda máis verecundo. Agora actúan así porque quen está no escenario é unha criatura creada por eles e os dous, "veneradores" e "divo-venerado" retroaliméntanse e son cómplices.

Agora din que aplauden ao artista non ao home. Non hai que crelos, a espontaniedade delatounos. Co seu aplauso están dicindo, "estamos contigo". 

Tanto aplaudir! Tanto palmear!. Dá vergoña ver de que parte están. Mentes obtusas que van de entendidos da ópera, un xénero que cren que aínda  permite diferencialos do resto da sociedade.

A ti, "divo",  eu acuso.

28 de xuño de 2021.