RECANTO DE REFLEXIÓNS

Presentación do libro de Xabier Par "A Galera de Xelmírez"


PRESENTACIÓN DO LIBRO

“A GALERA DE XELMÍREZ”

23-9-2015


Hoxe teño a honra de presentar o novo libro de Xabier Paz titulado A Galera de Xelmírez e publicado pola editorial Xerais. Para min é unha situación estupenda para dicir a viva voz a admiración que me profesa a súa literatura. Xabier, nado na terra de Hércules, olla a toda Galicia nos seus libros.

Esta nova obra sitúase no século XII e trata de tres carpinteiros de Pisa do obradoiro de Eurico: o mestre Fuxón, o oficial Stéfano e o aprendiz Francesco, que se encamiñan a Iria para realizar o encargo do arcebispo Xelmírez que, emulando aos grandes papas da época, quere realizar unha cruzada contra os musulmáns, para a cal quere construír unha galera.

Na novela hai dúas partes destacadas. Na primeira parte é Stéfano quen fala en primeira persoa. El vai de regreso a Pisa pero nesa volta vai lembrando os acontecementos do camiño a Iria. Nese traxecto foi espectador das peregrinacións a Compostela, coñecerá por Honorato as rivalidades político-relixiosas da época; aprenderá as verbas de procedencia árabe e, en certa medida, aproveita a viaxe para coñecer unha nova terra. Pero vai vivir a metamorfose de Fuxón , a súa decadencia, a súa adición e depravación, o que fará que tome a decisión de suplantalo ao chegar a Iria, facéndose pasar por mestre e relegando a Fuxón.

Na segunda parte Fuxón é quen fala e desvélanos os dous motivos da súa transformación, do seu descenso ao submundo da carne, ao máis instintivo do ser humano.

A novela ten, ao meu entender, un tema pretexto pois máis que deterse na construción da galera, incide nos cambios dos personaxes que narran a historia, Stéfano e Fuxón. De como o camiño vai cambiar a súa relación e se van metamorfoseando. Esa é unha idea recorrente na novela:

“A viaxe foi o xerme da nosa desgracia….”

“O camiño confunde, mestura volve diferente á xente…”

“De volta a Pisa poderei ser eu mesmo…”

“O camiño, convivencia extrema , foi a proba que revelou a índole da nosa camaradería…”

Francesco será o personaxe que sae indemne de todo pois non se deixa levar por ningún inimigo da alma mentres que Stéfano amigou co Mundo e Fuxón co Demo e coa Carne. Son este dous os que sofren o Camiño ata chegar a un desenlace dramático.

Xabier fai que o lector percorra tamén ese camiño e describe o amplo mosaico de xentes que por el discorren, detalla a súa iconografía, achega un amplo vocabulario que os árabes nos deixaron; fala de Cluny e o seu influxo político, fala da madeira, das galeras, dos ritos relixiosos, etc, etc. Pero sobre todo nos introduce nun relato intenso, profundo e incluso duro que fai difícil deixar a lectura. É unha novela pictórica que me leva a escenas “goyescas” das pinturas negras de romerías e aquelarres onde as faces se deforman con ollos crispados e con olleiras e bocas desdentadas.

Estamos ante un escritor tecelán das palabras, pois as novelas de Xabier Paz non están escritas ás presas, senón que son construídas cunha linguaxe onde as verbas se van urdindo de xeito poético, de expresións sensibles, de recursos estilísticos que fan da novela unha poesía, como eses cadros que son escultopinturas, tamén os seus escritos son, se me permiten a expresión, “prosopoesía”. Isto fai que pensemos que Xabier é un poeta sensible que escribe en prosa, e tamén fai que vexamos a unha persoa moi reflexiva ante a vida.

A súa recente novela é máis breve que as anteriores pero non menos densa e interesante e garda, ao meu entender, bastante puntos en común coas anteriores que el escribiu: “Follas de Bacallau” “Renacer” “As vidas de Nito”. Esas coincidencias poden ser, por unha banda, a idea de camiño. Os camiños sempre son unha metáfora da vida ou son a propia vida pois fannos avanzar e nese avance transformámonos paulatinamente. O libro de Xabier Paz é ese camiño un camiño no que non se mira a meta senón o traxecto, o proceso, tal como Michel Ende dicía en Momo, non penses en chegar, pensa no paso seguinte. Tamén en Follas de Bacallau liamos o libro de bitácora do biólogo embarcado que ía a un camiño polo mar espeso como “ un manto de raxo negro” e expresaba como se sentía ante o afastamento da terra e da súa benquerida Carmen. En Renacer tamén liamos o camiño cara atrás, de volta, para ver en perspectiva a historia do pai de Adria. Nas vida de Nito voltamos a percorrer camiños cara adiante, cara atrás da man de Casiano Cendán e a súa neta. Aquí, neste novo libro, de novo voltamos ao camiño que fan os tres protagonistas e como se van recoñecendo e transformando. Son camiños de vida que nos fan transformar como tamén se transforman os tres protagonistas desta historia nova de Xabier.

Coinciden os libros nas características dos seus personaxes. Xabier preséntanos aquí uns personaxes de vida, persoas intensas pois deixa ver a substancia e deixa o “accidente” ( elude a descrición dos personaxes) que no seu andar vanse desestruturando para volver a estruturarse. Se descoñecen e se descobren ou se desfan e nacen de novo ou perecen. Polo que os personaxes son de todos os tempos, ou acaso non é propio do ser humano o de ir desfacéndose para reinventarse ou redescubrirse? Non nos asombramos cando descubrimos algo novo de cada un de nós? Pois Xabier aquí o plasma nestes personaxes.

E logo a idea das idades. Nos libros de Xabier, e neste último tamén, os personaxes son de idades diferentes como se a experiencia se mesturase co novato ante a vida.

E de novo Xabier, volve a xunguir Italia con Galicia. Xabier é un namorado da Italia clásica, e seguro que estamos ante un escritor humanista, un admirador da intelectualidade e do individuo íntegro e crítico.

Para finalizar, quixera amosar o meu agradecemento polas túas obras pois os teus libros sempre me fan reflexionar sobre a vida e o que somos. Fronte a literatura plana, preséntasnos unha literatura en primeira persoa, de relevo accidentado con montañas, vales, chairas…pois son un camiño a percorrer onde o lector ten que facer dedicarlle tempo. Unha lectura lenta, pausada, saboreando cada frase e palabra. Son libros que non teñen presa e é unha literatura en profundidade. É unha honra contar con el na nosa literatura galega e agardamos con interese a súa nova creación de ambientes e personaxes, e sobre todo, as súas reflexións. E invito a todos a ler A galera de Xelmírez pois seguro que non serán lectores pasivos ante a historia que nos narra.


21 de setembro de 2015.