RECANTO DE REFLEXIÓNS

Poderoso cabaleiro é don diñeiro

A veneración total cara o diñeiro e o desexo de ascender e ser poderoso é o que está imperando no mundo. Riquezas que se acumulan e que son conseguidas a través de prácticas totalmente amorais. 

É o diñeiro o sangue que corrompe un capitalismo cada vez máis cruento e impío. Hai que TER para SER esa é a consigna.

O diñeiro é o que fai mover ao mundo...cantaba Liza Minnelli na película Cabaret recreando os anos vinte cheos de bonanza. Tamén é a orixe de todos os males dicía Pink Floyd na súa canción Money...

Non vou negar que o diñeiro fai falta, eu podo disfrutar da tranquilidade de ter o suficiente para vivir de xeito sinxelo, creo que gran parte da sociedade fai o mesmo, malia que temos a metade do mundo que vive sen apenas recursos. O reparto é totalmente inxusto, o sistema mundial quere que a situación de desigualdade da riqueza permañeza así. O 1% da poboación ten tanta riqueza como o 99% restante. Parece incrible.

Hoxe en día, o afán de riqueza leva a guerras económicas de carácter mundial. As finanzas, accións, os fondos...son as balas que se empregan para facer esa guerra. A Gran Banca é a que xestiona o mundo e incluso os organismos internacionais operan en función dos seus mandatos. Tamén Grandes empresas que gañaron fortunas durante períodos de crises ou mesmo coa pandemia a conta de sabe deus que!. Tal vez provoquen as crises para gañar?

O outro día escoitei unha entrevista a unha doutora de comunicación e marketing que falaba sobre as series documentais que se están poñendo nas plataformas audiovisuais sobre ricos e famosos. Indicaba que estaban pensadas para "disfrutar" da riqueza, de tal xeito que a xente que as vía podía ver  a verdadeira felicidade. A min escandalizoume pois nada teño que aprender da xente rica cuxa única preocupación é ver que se pon para vestir ou cando vai á perruquería ou a masaxe...Tampouco teño que envexar da xente que sae nas revistas amosando as súas mansións...Pero, por que ese exhibicionismo da riqueza? 

As mulleres somos o obxectivo da maior parte destas mensaxes. Nada hai peor que querer emular ás "ricas" paseando coas bolsas das compras de roupa e zapatos. Por iso tamén comparto un artigo que escribiu...non me lembro...sobre as alfombras vermellas nos certames, eventos e festivais, que afán de exhibicionismo e protagonismo.

Sexamos coherentes e se verdadeiramente queremos un mundo mellor e pacífico, un mundo onde se respecte a natureza, un mundo sen guerras e pobreza...loitemos por iso...que non nos ceguen con series televisivas, con adobios e falsas felicidades.

Non caiamos no pan e circo.

Ollo aos ricos e ricas, que non vos pase como o Gran Gatsby, era rico pero estaba só.

27 de febreiro de 2022.