RECANTO DE REFLEXIÓNS

O feminismo está na cabeza

 Moléstame o exibicionismo dalgunhas mulleres. Incomódame que estean contornsionándose nas fotografías e que a preocupación sexa o de estar espectaculares. E non que penso non é por beatería pois non me caracterizo precisamente por iso. Pero non chego a entender como hai unha ambición por expoñerse co fin de querer demostrar as súas cualidades físicas.

Algunhas pensarán que co seu corpo poden facer o que queiran. Por suposto, non llo vou negar, tampouco me caracterizo por quitar liberdades e de impoñer a miña perspectiva. Quizais algunhas sexan da idea de que iso é liberarse ou que forma parte da liberación feminina. Mais, na miña opinión, están erradas. Ese querer mostrarse tan perfectamente preparadas están transmitindo a idea de "mirádeme", "olládeme" e eu pregúntome, para que? para que os homes as ambicionen? Para que as demais mulleres queiran ser como elas? Para que...?

Non estou a falar de fotografías espontáneas  de grupos, amigas, compañeiras....esas son graciosas, estou a falar de poses ex profeso para algo, pero para que?

Talvez algunhas mulleres pensen que deste xeito o seu físico axuda a ter á súa parella "dominada" e pensarán que elas son feministas porque ao fin as súas parellas as manteñen e elas non teñen que preocuparse por nada, nada máis que por estar ben preparadas e chegan a considerar que están facendo algo polo empoderamento da muller. Mais nada máis lonxe da realidade. 

As mulleres temos que valernos por nós memos, sen exibicionismos, sen estridencias. Temos que pensar que o feminismo está na cabeza, no raciocinio, non no corpo. O corpo non é feminista. É a cabeza a que pensa en feminismo. Moitas mulleres renegan do feminismo porque pensan que é querer que a muller se faga "home", incluso pensan que fisicamente, pensan que é ameazar aos homes, pensan que é deixar de ser "muller". Pero é totalmente o contrario. O feminismo reivindica un igual a igual, dentro do noso físico, dentro do físico de cada quen.

Tanto se nos humillou ao longo dos anos, en tan baixa estima nos tivo a historia, en tan baixa consideración nos tiveron os homes que ata incluso o noso movemento principal que é o Feminismo é vilipendiado e mal considerado por moitas mulleres.

Ao final, non pode ser que sexamos as nosas propias inimigas. Todas as mulleres deberían ser feministas, partir desa premisa, sen cuestionamento. Porque ese feminismo levaráa a conseguir os seus logros, a ser respectada. 

Pero  moitas mulleres pensan que o feminismo é algo negativo e que implica perder feminindade, de aí o exibicionismo exacerbado dalgunhas e as ataduras pola apariencia. Pero o feminismo non é perder feminindade pero non fai falla que esa feminidade sexa unha obsesión pois non van por aí as  reivindicacións. 

Hai moitas mulleres que día a día, anónimas, demostran que somos imprescindibles para construír o mundo e a nosa valía é igual a dos homes. Esas mulleres, estas mulleres tamén son espectaculares e non lles fai falta exibirse.

Non pensemos que por conseguir algúns obxectivos xa chegamos á meta. Ata agora foron concesións o que nos deron pero faltan os dereitos verdadeiros.

12 de setembro de 2021.