RECANTO DE REFLEXIÓNS

Monólogo coas miñas tres ilustres: Concepción, Rosalía e Emilia

Hoxe vou conversar coas miñas escritoras, a tríada das ilustres das letras galegas das que sinto verdadeira admiración. Son tres mulleres que chegaron a ser coetáneas pero cada unha tiña a súa particular forma de enfocar e ver a vida. Non se lles pode negar a súa intelectualidade e a súa capacidade de pensamento aínda habendo nacido e vivido nunha época na que as mulleres non tiñan máis vida que a privada. Estou a referirme a Concepción Arenal que naceu en 1820; a Rosalía que naceu en 1837 a  e Emilia Pardo Bazán, a máis nova das tres, que naceu en 1851. Tres piares das letras e revolucionarias de pensamento.

Tiña ganas de falar contigo, Concepción. Acabo de rematar de ler a túa biografía, escrita por Anna Caballé titulada "Concepción Arenal. La caminante y su sombra" e disfruteina moito. Trátase dunha biografía que a ti che gustaría moito pois a medida que fala da túa traxectoria vital introduce e analiza os escritos que ao longo da túa vida fuches escribindo. É unha biografía na que se che ve, se che ole, se che escoita e se te imaxina. Tal é así, que mentres a lía parecía que estaba eu ao teu carón constantemente, véndote e escoitándote. De feito, cando rematei de lela, sentinme soa.

Ti andaches pola vida tal como pensaches e tal como pensabas así andaches na vida,. Non hai en ti contradición ningunha xa que fuches fiel aos teus ideais. Fuches muller adusta, estoica, nada dada ao luxo pois ti eras IDEA e PENSAMENTO que carecen de florituras e adornos. A túa sinxeleza entusiásmame pois, coma ti, eu tamén renuncio a edulcorarme. Con iso reivindícaste como unha muller sinxela sen estar suxeita a convencionalismos do feminino propios da época na que naciches. O teu propio físico emana limpeza e transparencia: peitado sen artificios e rulos; roupa escura e varonil; muller de poucas falas vanais e frívolas, de aí que che gustasen as tertulias serias e intelectuais. Comprendo perfectamente que non che guste a vida social, niso coincido contigo, pois ti estaban entregada ao traballo e a á escrita e non querías perder tempo recollendo premios ou dando conferencias. Ademais a túa vida familiar tamén foi dura e tiveches que soportar fortes golpes na vida e a túa saúde tampouco te axudou moito xa que, a pesares de ter un aspecto aguerrido, eras delicada aínda que iso non restaba que tiveses un carácter férreo.

Moitas foron as cousas que souben de ti e sentín contigo a perda dos seres que máis querías xa que non fuches muller de verte rodeada de moita xente. Os teus amigos, os teus apoios fóronse indo, entre eles a Condesa de Mina a quen tamén me gustaría coñecer. Xa no comezo do teu matrimonio perdiches a túa filliña, logo ao final da túa vida, perdiches o teu fillo menor. Foi Fernando, o máis vello, o que sempre estivo contigo, incluso cando casou el. Vagaches por cidades e pobos diversos: Potes, Xixón, Madrid, Ferrol, Vigo...e arrastrabas as poucas pertenencias que tiñas, pois non viviches moi folgadamente. Agora ben, os teus libros, si te acompañaban. 

É asombroso a capacidade que tiñas para escribir, malia ter os problemas, coma min, de osos e de xaquecas intensas que facían que tiveses que gardar repouso. Presentábaste a concursos cos teus ensaios, tamén enviabas artigos á prensa, creaches a revista "La Voz de la caridad" na que escribiches case durante catorce anos que durou...Eras un torrente de ideas, unha fervenza de carácter. Ti non escribías por se famosa ou para que vangloriasen, ti escribías pois tiñas necesidade de cambiar a sociedade a través das túas ideas, nas que crías cegamente. 

Os teus escritos tiñan transcendencia no estranxeiro e incluso te carteabas con mulleres de fóra do país e tiveches resonancia en moitos países. Ti fuches a que protestaches pola situación das penitenciarías en España e conseguiches que algo se fixera ao respecto. Intentabas que o país se modernizase no xeito de tratar aos presos e sobre todo ás mulleres presas. Considerabas que había que darlles un trato digno para que puidesen resarcirse e rehabilitarse. Tremenda idea nos teus tempos!! Efectivamente. Estabas sempre de parte dos máis humildes e marxinados, e iso é o que me gusta de ti.

Comparto contigo o feito de que para ti o ser humano debería encamiñarse á virtude. Tamén eu considero que a evolución debe levarnos a ser persoas máis xustas e virtuosas para que sociedade progrese. Tamén comparto contigo o teu pacifismo, o inútil das guerras. Unha idea que ti aprendiches do teu admirado pai. Por suposto, comparto contigo a defensa que fas da muller e da necesidade de elevala da súa condición dándolle a posibilidade de acceder a uns estudos, e escribiches "La educación de la mujer". Lembro que participaches nos Congresos Pedagóxicos de 1882 e 1892 e non aforraches palabras para defender a educación da muller.

Tería tantas cousas que dicirche, Concepción...Quizais o que lamento é que non escribises en galego, pero iso pode perdoarse, pero te imaxinas o que sería? Marchaches a Vigo nos últimos anos antes de que faleceras. Menos mal que che acolleron moi ben na cidade e tíñante en consideración, pois nas outras que viviches....como que pouco ou case nada queda do teu paso por elas. En Vigo faleciches e non quixeches curas que te che rezasen nos últimos alentos. Aínda que ti eras crente non eras de misas e predicamento. 

Agora lembrándote, chóroche. Quero que saibas que deixaches un gran poso en min e non te esquezo nunca. 

Ola, Rosalía. Non sei se ti coñeciches directamente a Concepción Arenal, sei que Manuel Murguía, o teu home se puxo en contacto con ela nalgunha ocasión. O caso é que cando ti naciches, Concepción xa apuntaba maneiras e sería un revulsivo social. Tería dezasete anos cando ti naciche e, dalquela, andaría Concepción por algunha pasaxe de Potes cos seus libros, o seu can e co seu andar e vestido varonil para sentarse nun recuncho a ler. Concepción era moi andarina.

Ti Rosalía tiveches o grande atrevemento de escribir en galego. Concepción non. Tiveches, Rosalía, o gran mérito de prestixiar a nosa lingua. Tampouco a túa vida foi doada e non o foi porque a túa espiritualidade e sensibilidade facía que a vida fhe fose hostil, era demasiado pedregosa para unha alma tan chea de sentimento. Tiveches unha infancia máis ou menos feliz na casa da túa tía e logo cando che levou túa nai a Santiago aínda que segundo ías medrando e camiñaban pola vida, a melancolía envolvíate. Ser filla dun crego e de nai solteira marcoute pois a sociedade é unha lousa das apariencias. Logo, un matrimonio con Manuel que, aínda que non foi excesivamente feliz, soubestes levar e compenetrarvos pasando trances de verdadeiras estreiteces. 

Malias túas ocupacións caseiras atopaches tempo para escribir. Teño que dicirche que "Follas Novas" para min é imprescindible. Aí síntote como unha irmá pois véxome contigo. As imaxes, metáforas, os versos, algúns desgarradores...déixanme nun estado de pesadume e se puidese apertaríate forte para aliviarte. Identifícome totalmente cos versos que nel escribes e cada vez que o leo descubro novos sentimentos que me afloran e fai que me coñeza máis a min mesma. 

Tampouco fuches muller de sociedade pois preferiches sempre a intimidade e o recollemento. Niso es como Concepción. As dúas fostes sinxelas na vosa vida, na vosa forma de ser, no voso silencio. Fostes mulleres máis de reflexión que de expresión. Mais os versos dos teus libros amosan unha muller que non estaba arredrada e a través deles transpiraches os perfís dunha muller valente e forte. Ti tamén defendías á muller e querías darlle o seu lugar.

Faleciches uns anos antes de Concepción, no ano 1885. Pero do non foi pasamento pois ti es presente sempre.

Querida Emilia, ti es das tres a máis resolta, a alegría, a explosión e emoción non contida, un torrente de enerxía. Fuches sempre moi traballadora e intelectual, malia que naciches nunha familia de alcurnia, ti embriagácheste de cultura. Sei que coñeciches a Concepción cando aínda eras unha nena. Os teus pais invitárona á túa casa e, estando Concepción no salón, quixeches vela. Víchela alí, sentada, hierática, tal como ela adoitaba a estar, coas mans pousadas nas pernas, enloitada, ou sempre de escuro e moi seria. Ti acudiches alí cos teus bucles e os teus vestidos. Ela nin te mirou pois, segundo se di, non lle interesaban as nenas que parecían "caprichosas". A partir de aí, ti non negarías a túa admiración, aínda que a vosa relación foi máis ben distante cando ti comezaches a escribir e a ter notoriedade no mundo intelectual. Así mesmo tiveches encontronazos con Manuel Murguía cando se trataba da homenaxe a Rosalía na que a penalizabas por escribir no galego de pobo. Gustaríame que coa lingua foses máis respectuosa.

Fuches unha muller que procedías a facer o que che viñese en gana e ademais gustábache o mundo social, a diferenza das túas case coetáneas. Ti estabas e facíaste notar  nos lugares, nos sitios, tamén xogabas coa vantaxe de ser nobre, e xa se sabe, aos de arriba permíteselles e perdóaselles todo, incluso as maiores excentricidades. O teu aspecto era notorio, sempre ampuloso, pero non por iso frívolo. Escribiches moito e te soubeches rodear de intelectuais. Pero...non te quixeron na Real Academia. 

Sabes que no carácter non me parezo en nada a ti, aínda que me gustaría ter un pouco máis de desparparxo, pero non sei, son máis rosaliana e arenalia, un tanto calada e fuxidía do social e o público. Non obstante, seguro que contigo atoparíame ben, malia que me resultarían algo confusas as túas contradicións e non me agradaría moito que non foses máis apaixoada pola terra.

Defendiches a educación da muller e tamén defendías a súa liberación do seu encorsetamento social. Por iso non che importou ser unha muller que, en certa medida, "escandalizase á sociedade". Sei que reflectías nas túas obra a Galicia, pero non sei se te sentiches galega pois, parece ser que non querías vir vivir a Coruña que se che quedaba pequena e preferías Madrid. Fuches tamén valente. Gústame de ti a túa enerxía contaxiosa. Nalgunha ocasión chocastes ti e Concepción, concretamente, nun concurso convocado en Ourense co gallo do Padre Feijoo. Pero iso é normal, sodes dúas incomensurables.

É un mérito tervos de referencia.

6 de xuño de 2021.