RECANTO DE REFLEXIÓNS

Eu tamén camiñei con Exeria da man do libro "Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV" de Marisa Vidal Collazo con ilustracións de Sole Pite Sanjurjo


Os libros son imprescindibles, abren as portas da mente, son ventás polas que entra o fresco, son como árbores que dan sombra e son axitadores das ideas. Tras os libros están os seus creadores, que ademais de demostrar os seus saberes, dan a luz ao coñecemento. Eu aprendo de todos eles.

Os libros que tratan das Mulleres son precisos e necesarios pois rescátanas dos lugares onde estiveron recluídas. Por iso hoxe teño o gusto de escribir sobre un libro do que aprendín sobremaneira pero tamén disfrutei. Disfrutei pois fun levada da man nunha longa viaxe e vin cousas e souben cousas, moitas cousas.

Este libro do que falo é "Eu son Exeria" escrito por Marisa Vidal Collazo. Un libro en galego que fala desta viaxeira galega do século IV ávida de coñecemento, muller curiosa, muller que se pregunta e que emprendeu unha grande empresa, peregrinar polas terras do imperio romano, ata o seu confín. 

O libro que nos presenta Marisa é a longa peregrinaxe de Exeria, pero non conforme con iso, Marisa pescuda nos sentimentos, nas sensacións, nas emocións de Exeria ao longo do seu traxecto e de aí o valor deste libro. A autora do libro, tras unha profunda investigación e unha lectura concienzuda dos escritos de Exeria,  Itinerario, foi capaz de narrar un libro en primeira persoa para contar pero tamén para emocionar.

E en efecto, emociona. Segundo imos lendo o libro séntese ír á par na compaña de Exeria, que Exeria te leva da man e ves o que ela ve. E iso é o que deixa prendado: "Cada paso é como unha inxección de enerxía no meu traxecto. Son unha muller positiva, na procura do lado bo da vida". Esta é a Exeria forte e aguerrida que nos transmite Marísa Vidal. A autora non se conformou con facer un libro narrativo e descritivo dos lugares a onde acudiu Exeria, a autora quería manifestar a súa fortaleza, o seu positivismo, a súa sabedoría. 

Polo camiño percorrido, desde Gallaecia ata as lindes do imperio romano, imos vendo cos ollos de Exeria o nacemento do monacato, a expansión do cristianismo nun senso de comunidade, as diferentes formas de vida dentro do imperio, pero sobre todo, as mulleres. Fala Exeria  das mulleres coas que se vai cruzando, e de todas fala. Di das mulleres do primeiro cristianismo consideradas á par dos homes pero que logo a Igrexa as foi relegando. Di da raíña Helena que tamén foi viaxeira e quixo coñecer a tumba de Xesús; di da nobre Paula que percorreu territorios de Chipre ata Exipto; di de Hipatia de Alexandría da que conta a inxustiza de que a historia perdera os seus escritos; di de Macrina que fundou un mosteiro na súa casa e formou a moitas mulleres; di de Vibia Perpetua que sufriu tortura pola súa conversión ao cristianismo e que logo escribirá un diario no cárcere sobre as súa experiencia; di das Ammas, nais do deserto, mulleres que daban consello espiritual; di das mulleres nobres do imperio que organizaban grupos de estudos bíblicos; di de Melania, exemplo de fuga mundi; di de Marcela de Roma que viúva reúne un grupo de mulleres para estudar e tamén auxiliar aos pobres e enfermos; di de Fabiola de Roma que funda o primeiro hospital-pousada; di de Tegra que se salvou do lume á que condearan por escoitar as palabras de Paulo e disfrazada de home comezou a predicar e bautizar; di de Marthana, diaconisa e directora de varios mosteiros; Eufemia, muller devorada no circo romano, tras ser torturada, pola defensa da súa fe. Muller que dirimiu o dilema da condición divina-humana de Xesús

É posible que nos decatemos de cantas historias aquí hai recollidas? É un libro de historia dentro da historia como un cadro dentro dun cadro. 

Desde a Gallaecia, pasando por Galia Narbonensis, Roma, Constantinopla, Anatolia, Exipto, a emoción no alto do monte Sinaí, ata Xerusalén para logo a Mesopotamia de Siria, andou e coñeceu e viviu...tres anos de vida, tres anos de coñecemento e de enriquecemento espiritual.

Non hai nada máis difícil que narrar un libro de lectura fácil. Marisa Vidal consegue construír unha narración na que o peso adusto das fontes se dilúen. Ben se vé que está moi documentado, que hai moitas horas de estudo, pero o libro é un deixarse levar, cunha redacción próxima, lonxe de eufemismos, que discurre fácil e que ensina moito. Á par da narración están as ilustracións suaves, elegantes, acuareladas e sutís de Sole Pite que dan unha lectura visual complementaria.

Exeria é a condutora, a que nos leva, a que en primeira persoa nos fai ser partícipe das súas experiencias e nos vai presentando a todas estas mulleres que forman parte da historia. Por todo isto, é un libro de mulleres, un libro feminista, visto desde unha óptica cristiá pero de grande interese.  O valor desta publicación é que nos amosa, ademais da figura magnánima e humilde de Exeria, que o cristianismo é nas súas orixes feminista pois foron moitas as que contribuíron e obraron para a súa difusión. Exeria preséntanolas amosando o seu respecto por elas e en alusión ás diaconisas (Olimpia, Pentadia e Procla, Sabiniana...) xorde esta emocionante reflexión: "As mulleres son tamén chamadas ao servizo ás comunidades eclesiais, e teñen todo o dereito a desenvolver todos os seus carismas en igualdade. Is si, primeiro penso que haberá que quitar do medio o verme do clericalismo, pois de pouco serviría que as mulleres ocuparan responsabilidades na Igrexa se estas responsabilidades non deixan de ser parte dunha estrutura piramidal de poder". Non podía rematar mellor o libro que con esta defensa á igualdade.

A orixinalidade do libro está nese camiño de vida e de coñecemento e no rescate das primeiras mulleres que contribuíron e conformaron as bases do cristianismo.

Cando rematei o libre Exeria soltoume da man pero non se evaderá da miña memoria.

1 de maio de 2022.