RECANTO DE REFLEXIÓNS

Entre o comunitarismo e o individualismo dos nosos días. O feminismo entendido dentro dun mundo polarizado.

Vaia por diante que eu son historiadora, non socióloga nin filósofa, por tal motivo non quero usurpar o lugar de grandes pensadoras e pensadores históricos e actuais. Non obstante, como sempre veño a dicir, sei pensar. Esa capacidade para pensar dáme pé para poder facer as miñas reflexións particulares que, por suposto, non están exentas de lecturas que me enriquecen e, precisamente, propician que eu pense e reflexione. En efecto, tras lecturas de grande enxundia que me ensinan e me ilustran, acabo sacando o proveito necesario para poder PENSAR. Todas aquelas lecturas que promoven o pensamento son as verdadeirament produtivas.

Acabo de ter nas miñas mans a Revista CLAVES, revista de pensamento crítico e de ensaio que engloba interesantes artigos e que no último número, o de novembro-decembro de 2021, nº 279, aborda o tema Individualismo. Chamoume poderosamente a atención pois este é un dos meus temas prefiridos xa que observo a perda do sentido comunitario da sociedade cara un individualismo exacerbado que leva á competitividade, á insolidariedade e á máxima de "se eu estou ben non importa como vai o mundo".

Un dos estudos escritos por Helena Béjar titúlase "Desde la sociología: individualismo y felicidad" onde plantea que se entende por individualismo. Acode á definición de Tocqueville "O individualismo é un sentimento reflexivo e apacible que induce a cada ciduadán a aillarse da masa dos seus semellantes e a matnerse aparte coa súa familia e os seus amigos; de sorte que, despois de formar unha pequena sociedade para o seu uso particular, abandoa a grande ao seu destino·. Non podo estar máis de acordo. Na actualidade o ser humano tende ao individualismo. Tras a conquista dos dereitos individuais propugnados polos liberais do século XVIII e XIX que, sen dúbida, foron afortunados pois categorizouse ao ser humano como "persoa" con dereitos, transcendeuse a unha lectura radical, extremista e exclusiva que levou a moitos a considerar o dereito e a liberdade como algo privativo,para un,  sen ter en conta o colectivo. Esas liberdades e dereitos teñen sentido de lectura cando poden ser exercidos dentro dunha comunidade non illándose dela ou vivindo de costas. Polo tanto, é grave pensar que a liberdade está no individualismo de cada quen. Esa liberdade debe demostrar a madurez e adultez do ser humano, homes e mulleres, e insisto de novo na necesidade dunha ética moral individual para convivir co social. Se un se illa é porque é inmaduro, non ten unha moral social e invoca ao egoísmo.

Continuado co artigo da autora que de novo volve a Tocqueville, fala de individualismo utilitario que é o que ten unha visión económica pois busca compensar o eu, e o invidualismo expresivo e romántico. A autora fala de que hoxe en día hai unha mestura dos dous, sobre todo na cultura norteamericana, na que o individualismo psicoterapéutico incide en que "un é responsable de si mesmo" polo tanto, o que aconteza aos demais é froito do que eles por si mesmo buscaron, é dicir, é responsabilidade deles. Intepretando a autora sobre a deriva da sociedade occidental e sobre todo norteamericana, hai que pensar que quen está no paro, quen está na indixencia, quen sofre un delito, é por causa de si mesmo entón non ten que buscar axuda en ninguén, nin o Estado ten que ir na súa axuda. 

Se esta está sendo a tendencia social, o individualismo está poñendo en perigo a estabilidade da sociedade pois está eludindo a parte de responsabilidade que ten a sociedade en que existan seres humanos que teñen moitos problemas. Seguro que o paro dunha persoa non é culpa dela, o paro pode ser da crise que outros crearon; a indixencia dunha persoa, non é causa dela, pois poida ser que alguén soubo aproveitarse da situación e o condeou á marxinalidade; os problemas das mulleres, non son culpa delas, son porque moitos sectores sociais e o devir histórico a supeditaron...Entón, os individualistas non poden escudarse nese argumento e eles tamén deben corresposabilizarse, como di, Helena Béjar, "La individualización libérase de cargas morais, da obriga e a responsabilidade co outro".

Aquí encaixa moi ben o libro que lin hai pouco e que me chamou poderosamente a atención. Dito libro titulábase El lugar de la espera de Sonia Fernández onde un grupo de mozos estaban en situación de crise de identidade de non atopar un encaixa na sociedade e na vida e un deles quería chegar a denunciar ao Estado e aos seus pais por sentirse enganado e non preparalo para o que a vida lle estaba ofrecendo. O libro, que ten unha base crítica, é un proclama ao desencanto social. 

Outro dos artigos presentados no número da revista Clave é o titulado "Entre yo y los míos" asinado por Enrique Gil Calvo. Un artigo interesantísimo pois vai á raíz mesma do individualismo. Neste caso fai un repaso excepcional de como o individualismo garda relación cos diferentes tipos de construcións familiares e incluso relixiosas. Parte da idea de que o individuo nas sociedades preindustriais estaba determinado polas seu parentesco e vinculación familiar; na sociedade industrial, estaba predeterminado pola situación que ocupaba na cadea produtiva e o estatus social que lle viña dado por iso; pero na actualidade está determinado polo que cada un sexa capaz de facer (emanciparse da familia, construírse o seu propio destino...) e isto é o que o leva a ser individualista. Interpreto que na actualidade, tanto hai en xogo que cada un ten que "buscarse a vida" e iso fai que se afiance máis o seu invidualismo, é como dicir ou pensar, "eu cheguei a onde cheguei polos meus medios e agora non vou a sacrificar nada en beneficio dos demais pois eles deben facer tamén o mesmo".

O autor fala de catro modelos de individualización:

O nórdico cuxo proceso de individualización vén determinado polos axentes invidualizadores como é o Estado. É o estado o que se encarga de desfamiliarizar e individualizar aos mozos, procurando que se emancipen canto antes.

O anglosaxón que vén determinado polos mercados. Interpreta que é o traballo e a busca de traballo o que permite individualizarse creando unha desigualidade de clase.

O Continental determinado polo Estado e as familias. É conservador e a ideoloxía cristiá. As familias serán as que procuren a individualización deixando ao Estado unha parte para esa axuda. A individualización neste caso é tardía.

O mediterráneo determinado polas familias polo que fai que os mozos dependan das familias ata idades tardías.

Y todo isto o liga ás tendencias relixiosas: luteranismo, calvinismo e catolicismo. En todo caso, as familias nucleares absolutas propias dos países nórdicos son as que tenden a ser máis individudialistas e aislacionistas. Pero ninguna se libra pois, dun xeito ou outro.

Eu observo que hai moitos modos de ser individualista. Pódese ser por propio illamento, por egoísmo, porque así non sufro por nada nin por ningúen pois eu estou ben, ou por propio sentido de seguridade. Mentres o primeiro que conduce a unhas políticas neoliberais o segundo a unhas políticas populistas de protección.

En efecto, segundo este criterio, atoparanse persoas máis individualizadas que outras, pero está claro que a sociedade se encamiña cada vez a ese individualismo malia que hoxe en día esteamos impregnados de redes sociais. No artigo "La pólvora de la modernidad" de Danilo Martuccelli incide na idea da busca da felicidade por riba de todo colectivismo. A revalorización de vivir ben e sen problemas fai que perdamos a perspectiva dos demais.

Fronte a esta tendencia atopamos o polo contrario, que é o da solidariedade. Numerosas persoas contrarrestan a tendencia do individualismo e egoísmo exercendo uns labores encomiables de solidariedade e axuda aos demais. Veñen por parte de xente do común, e dicir xente do común non é en sentido pexorativo, é máis ben un cualificativo positivo, isto é, son xente anónima que ten un valor engadido excepcional pois non o fan para saciar o seu ego ou lavar as súas conciencias. Estas xentes entenden a sociedade sen a axuda e o compartir e cada día dan leccións de vida. Mentres moitos estamos sentados tranquilamente nun sofá, lendo un libro, escribindo, vendo a TV, eles están no traballo social solidario. Os individualistas pensarán que ese contínuo dar esmola fai que a persoa non medre por si mesmo e non procure saír da súa situación. Eu tamén lles digo que cando imos pola rúa e alguén cae é o noso deber axudala para que volva a andar.

O feminismo está vivindo un mundo polarizado. Antes de nada dicir que a situación das mulleres é un dos casos de crise de lesa humanidade porque ela non buscou a súa situación senón que lle foi imposta per secula seculorum. Polo tanto, non ten responsabilidade ningunha. Polo tanto, o movemento feminista e o feminismo é de todos para recuperar. O individualismo aquí non vale, pois é de todas e todos. Ao feminismo non lle vén nada ben as ideas individualistas pois unha non se salva por si mesma, ao feminismo faille falta a outra versión da sociedade, a solidariedade. 

Se a sociedade se fai individualista, o feminismo e situación das mulleres empeorará.

A eses individualistas contéstolles ante a súa indiferencia co poema de Martín Niëmoller:

«Cuando los nazis vinieron a llevarse a los comunistas,
guardé silencio,
ya que no era comunista,

Cuando encarcelaron a los socialdemócratas,
guardé silencio,
ya que no era socialdemócrata,

Cuando vinieron a buscar a los sindicalistas,
no protesté,
ya que no era sindicalista,

Cuando vinieron a llevarse a los judíos,
no protesté,
ya que no era judío,

Cuando vinieron a buscarme,
no había nadie más que pudiera protestar».


7 de novembro de 2021.