RECANTO DE REFLEXIÓNS

Conversas cos meus tres ilustres galeguistas

Se tiven conversas coas miñas ilustres amigas, Rosalía, Concepción e Emilia, tamén quero disertar cos meus referentes no galeguismo como son Castelao, Otero e Risco.

Imaxínovos sentados aos tres nunha mesa argallando a Revista Nós. Queriades dar relevancia á Terra, queriades que todos sentisen o orgullo de pertencer a unha nación auténtica con ideosincrasia propia. E non puidestes escoller mellor nome para a publicación. En efecto, ti Castelao tiveches a ocurrencia de querer chamar así á revista. Porque quen somos NÓS. Nós somos os e as galegas, NÓS somos Galiza, Nós somos galegos e galegas. Unhas simples tres letras son capaces de conter todo un orgullo. NÓS, si, porque O SOMOS!!

Sodes a tríada galeguista. Cada un dun xeito, cada un dunha idea, incluso dunha fisonomía diferente pero complementaria.

Vicente Risco, ti coñeciches a Ramón Otero pois erades viciños, aínda que ti eras catro anos máis vello que Ramón. Quero imaxinarvos indo ao instituto ou paseando pola rúa, un alto, robusto e outro máis baixo e miúdo, falando das vosas cousas. Quen vos ía dicir a vós que faríades historia, que seriades historia e recoñecidos mundialmente!

Risco, introvertido e discreto, xa maxinaba un mundo céltico e incluso exótico, curioso polo budismo e as ideas do pensador Rabindranat que, daquelas, parecerían tolemia na cidade pequena e pechada de Ourense. Con 31 anos fundas a Centuria que é o embrión da revista Nós. Xa ves o mundo en galego. Falas galego e fas discursos en galego. Ti conferenciante de infinitos temas levabas aos oíntes ao mundo da raíz galega pola túa paixón romántica. O teu é un galeguismo de dentro, do natural, un galeguismo intrínseco pois o ser débese á terra. Non é o teu un galeguismo tan político, é un galeguismo de sentimento, de querenza, de defensa da Terra pois lévase no sangue. Case me atrevería dicir que é un galeguismo de esencia, do natural biolóxico e substancial pois conduces o amor á Patria pola senda do intrínseco. O teu galeguismo en todo caso é conservador pois é consustancial á Terra. Iso foi o que te fixo discrepar dos teus grandes amigos pero nunca, nunca te abandonaron. Esa é a esencia do respecto, malia a discrepancia na óptica nacionalista e política, o aprecio entre vós era sublime. Ti dicías "O nacionalismo non é somente cousa política. O nacionalismo abrangue toda-las manifestacións da vida nacional, todo-los aspectos do pensamento, do sentir, do saber, do traballo, da tradición, da expresión...". Ti ías á esencia por iso a túa obsesión pola etnografía. Por coñecer todo o intrínseco da nación galega. Por iso sempre ensinabas no Maxisterio dicindo que había que galeguizar a escola, levala de novo á Terra. Por iso ti mandabas ao teu alumnado facer traballos sobre os seus pobos para que se sentisen parte del, arraigados. 

Ti presidiches as Irmandades galegas e fuches exemplo pois ti e Otero fostes as principais figuras galeguizantes. Presidías a Mesa na que se acordou crear as Irmandades da Fala Galega, tamén o pago dos asociados e a creación dun Partido autonomista agario e, Otero estaría no Comité executivo. Canto compromiso!! Envexable, quixera estar alí e ser coma vós de forte e dicir en alto coma vós: ¡PRIMEIRO GALICIA ¡GALICIA SEMPRE!

Logo o Partido Galeguista foi a materialización do nacionalismo feito política. Sufriches nas Asembleas do Partido Galeguista e non estiveches conforme coa adhesión á Fronte Popular...e marchaches...creaches a túa propia proposta...pero aínda así queríante, Vicente. Sempre che quixeron pois sabían que eras un namorado da Terra, da Patria.

Ti e Otero, sempre aliados. Otero grande e elocuente e campechán. Canto sentimento puñiades nas Asembleas do Partido Galeguista! 

Risco, elocuente, ensoñador, místico, no transfondo da etnia, da raíz, da patria. Entendiches que era algo máis que política. Quizais vías o Partido Galeguista como algo necesario pero para ti "ser galego" transcendía a máis. Hai quen te quere acusar de non seguir a senda dos galeguistas de esquerda, pero é que ás veces creo que nin te deixabas levar por postulados ideolóxicos, creo que o teu era un desexo de harmonizar a terra coa persoa, co "eu". 

Otero escoitábate. Falabas, Risco, e pedías unha Galiza que gozase de liberdade. Coñeciches a Castelao en febreiro de 1912, tiñas 28 anos e liches con atención o que Castelao escribiu no xornal El Miño. Era un Castelao novo, tiña 26 anos e xa tiña éxito e recoñecemento. Veu a Ourense, ao Liceo, e deu unha conferencia sobre a caricatura e ía expor máis de sesenta debuxos caricaturescos. Ese día acudiu moita xente a escolitalo e porque querían que lles fixese a caricatura. Castelao xa estaba militando en Acción Gallega e ti, Risco, aínda non te sentías atraído pola política. Ese Castelao quen dicía que un galeguista tiña que sentir a Patria e enxalzala.  A túa morte, en abril de 1963 tinguiu de tristura todo Ourense e toda Galiza. Xa morrera Castelao e ti choráchelo.

Castelao, eras dos tres, o máis enérxico  o nacionalista e pai estatutario. Enchíanseche as veas pedindo unha Patria Liberada, a redimida. Enchíanseche os ollos de bagoas cando falabas nas Asembleas do Partido Galeguista e máis que falar, sentías, sufrías. Fuches deputado en Madrid con Otero. Quen vos viría pedindo para Galiza! Nunca se vira outra. Pero logo veu o teu  desterro, a ausencia da patria, a orfandade máis humillante para ti. Logo na guerra civil tiveches que marchar e fuches a Norteamérica. Que facía un home coma ti nun lugar tan gris e cheo de cemento cando os teus llos estaban plenos do verdor galego? Non houbo home no mundo que quixera tanto á súa terra! As túas dores, a túa saúde ía a menos....Estabas en París en 1947 e Virxinia, a túa fada, quixo voltar rapidamente a Bos Aires onde residiades. Otero e Fita foran invitados ao Centro Galego e puidestes vervos. Otero, que non te vira desde 1936 alegrouse tanto!!! Pero viute débil e emocionouse moito e sentiu unha pena enorme.  Chorastes, chorastes ao vervos! Chorastes por vós e polos que perderades.  Canto vos queriades!! E ti tamén querías a Risco...Dixeches:"Cando volva a Galicia e atope a Risco, doulle unha rabacada e cae ao chan, e cúspolle nun ollo, pero despois recólloo nos brazos e doulle un abrazo, e póñome a chorar con il porque, debémoslle tanto!"

Meu querido Castelao, xa non puideches velo, fuches morrer en 1950 en Arxentina, tiñas 62 anos. Canto se chorou por ti!! Eduardo Blanco Amor foi testemuña do teu enterro con vinte carrozas de flores! Alguén podía non quererte, meu Castelao!!! Iso era algo imposible!

"Cando volva a Galiza", dicías insistentemente. Pero non che deu tempo.  Agora estás no Panteón dos ilustres desfe o 28 de xulo de 1984. Eres patrimonio e símbolo de Galiza. Sempre en Galiza, como ti escribiches, o grande libro para todo galeguista.

O flemático Otero. O orador, o mestre. Eras o que estaba entre os dous, no centro, na ponderación. Tiñas tres grandes amores, a túa terra,  Fita e a túa nai. Logo o amor de compañeiro cos teus grandes amigos de loita, Risco e Castelao.  Eras un home buscado en Ourense para dar charlas, para dar conferencias ás xentes, aos mozos e mozas, nas escolas. Todos dicían de ti que eras moi campechán. Non faltabas ás asembleas do Partido Galeguista e tamén te emocionabas falando e cantando o himno galego e fuches a Madrid, a capital, representando a túa Terra. Logo viches marchar a Risco do Partido pero  ti quedaches pois sabías que se non era así non se gañaba nada. Si, Adrián Solovio, en Arredor de si deixáchenos escrito como foi a túa achega ao galeguismo. Un libro que merece ser lido varias veces. Faleciches en 1976. Veu a morte cando tiñas 88 anos. Fuches o que máis viviches pero tamén o que máis perdeu, pois xa Castelao, xa Risco, xa túa dona e tantos outros non estaban.  Ti fuches o que máis choraches porque viviches máis por iso a túa pena era moi grande. Quixeches enterrarte nun sartego da madeira do piñeiro que plantara teu pai, coa bandeira galega e co hábito de san Francisco. Todo sobrio e silencioso. As rúas de Ourense enchéronse e os teus amigos, coma Xocas, portáronte nos seus ombreiros. Marchábase outro dos grandes.

Risco, Castelao, Otero. Os inadaptados, os loitadores. "Nós os inadaptados andamos Arredor de si pero Sempre en Galiza". Sodes merecedores do meu inmenso respecto. 

(Fundación do Partido Galeguista. Fundación Otero Pedrayo)

Rosa María Cid Galante.

Xuño de 2024.