RECANTO DE REFLEXIÓNS

Conferencia: As mulleres no contexto ourensá do primeiro terzo de século. Tempos de continuísmo e de ruptura.

Quero dar as grazas ao Museo Arqueolóxico por contar comigo nesta iniciativa de coñecer máis o noso Ourense. 

A temática que acheguei a este circuíto de charlas sobre a historia de Ourense nos primeiros anos do século XX centrouse no contexto que rodea á muller ourensá nestes tempos que vai ser definidor da súa imaxe social, unha imaxe constantemente sometida á crítica e debate, debido á importancia que se lle atribúe á muller como referencia para a sociedade. Falei dos cambios que comeza a experimentar o mundo feminino ourensá e da forte oposición a eles debido á mentalidade e á consideración que se tiña sobre a muller no Ourense de entón. Como anticipo, hai que dicir que estamos nunha etapa verdadeiramente crítica pois se contrapoñen as ideas tradicionais coas novas que van chegando defensoras dos cambios sociais entre os que se inclúe un novo concepto de muller.

Por último e como colofón, tamén fixen referencia aos os logros que comezan a conseguir as ourensás nun dos aspectos que máis vai denotar as súas pretensións e aspiracións de cambio como é a súa incorporación aos estudos superiores e universitarios para o exercicio dunha profesión recoñecida, o que significa unha transgresión da tradición e unha ruptura co encorsetamento social ao que estaban sometidas. Foron moitas as ourensás que co seu esforzo e atrevemento deron paso aos novos tempos, foi, desde logo, unha revolución silenciosa e discreta pero moi relevante para a nosa provincia.

Quero manifestar o meu agradecemento por invitarme a participar nestas xornadas de historia de Ourense organizadas polo Museo Arqueolóxico. Non hai nada máis marabilloso que compatir o que unha fai sen buscar réditos nin méritos. Grazas.

19 de outubro de 2023.