RECANTO DE REFLEXIÓNS

As primerias mestras no compromiso de ensinar e reivindicar

Esta reflexión vai centrarse nas mestras ourensás de comezos de século XX que foron quen de implicarse nuns estudos Superiores e exercer unha profesión. Pero ademais moitas delas mergulláronse en diferentes movementos de carácter intelectual, de renovación pedagóxica, culturais, no asociacionismo do maxisterio e en asuntos de carácter político polo que moitas chegaron a sufrir na época da ditadura a represión ou estiveron sometidas a unha vixilancia exhaustiva.

Comezamos dicindo que os estudos de maxisterio foi unha elección efectuada por unha cuantiosa cifra de mulleres ourensás da primeira metade do século XX, motivadas, entre outras razóns, por poder realizarse na capital e por ser considerada unha profesión moi idónea para ser desempeñada polas mulleres pola que non eran sancionadas socialmente.

En efecto, a mentalidade da época quería á muller recluída na casa e entregada á vida doméstica e non concibía que accedese aos estudos superiores ou universitarios para exercer unha profesión especializada. E a pesar de que a partir de 1910 a lei vai permitir que as mulleres accedan ás Universidades, o proceso vai ser moi lento.

Non obstante, non se obxectaba que a muller quixera ser mestra pois tiña as calidades propias e intrínsecas que servían para saber actuar cos nenos, como o instinto maternal, sacrificio de entrega, abnegación…Polo tanto, o ensino era visto como unha extensión do traballo doméstico pois educarían aos cativos coa paciencia propia dunha nai e saberían achegarlles os esquemas e patróns sociais que naquel entón eran os admitidos.

En efecto, a sociedade vía claro que as mestras estaban adestradas para o sacrificio e eran idóneas para exercer un apostolado benefactor para o pobo, algo que á Administración lle viña ben, pois ían exercer en escolas bastante depauperadas. A opinión sobre ser mestra recóllese moi ben no seguinte texto de prensa escrito por unha mestra no ano 1931.

“La maestra es el todo del pueblo....en el pueblo, en la aldea la maestra es como el párroco quien regenera esos pueblos y esas aldeas, quien levanta el nivel de los espíritus, quien orienta las inteligencias, quien forma los corazones de los niños y de las niñas sobre todo, pero también de los jóvenes y aún de los viejos...(...) 
Tiene que ponerse al nivel de los pequeños, hacerse amar de ellos, ganar su confianza, llegar por su medio a los hogares. ¡Que radio de acción tan fecunda, tan hermosa, tan trascendental el de la    maestra  apóstol!”...

Como a profesión percibíase idónea para ser exercida polas mulleres non nos debe estrañar que a creación das Escolas Normais para as Mestras, considerados estudos universitarios superiores, daten de mediados do século XIX. As primeiras que se crearon en Galicia foron a de Pontevedra e A Coruña que xurdiron en 1860, a de Ourense será a terceira en crearse e a última a de Lugo en 1916. Van ser, polo tanto, centros específicos para a formación do maxisterio e a súa denominación de Normal vén do francés Ecole Normale que vén a indicar NORMA E MÉTODO PARA ENSINAR ISTO É ERAN CENTROS QUE ESTABLECÍAN NORMAS DE ENSINANZA E PEDAGOXÍA.

O arrinque da Escola Normal de Mestras de Ourense temos que remontalo a 1877 cando o Señor Gobernador Provincial reclamou á Deputación Provincial de Ourense a necesidade de ocuparse da instalación da Escola Normal de Mestras para conseguir tres obxectivos principais que eran: elevar o nivel do ensino das nenas da provincia; ampliar a formación das mulleres e beneficiar á provincia en xeral. Argumentaba que o número de mestras aspirantes ás escolas era moi escaso debido a que as ourensás “eran de escasa fortuna” por non existir unha Escola Normal de Mestras e as que querían adquirir un título profesional tiñan que facer grandes sacrificios para trasladarse a outras provincias.

Despois de numerosos trámites e debates a Deputación procedeu a acometer as obras necesarias na maior brevidade posible para instalar a Normal no Ex–convento de Santo Domingo. O Convento, que viña sendo un Hospicio, destinaríase a Junta e Oficinas de Beneficencia e Escolas Normais de ambos sexos. Serían as primeiras directoras Nicanora Díaz Carredano e despois Vitoria Martínez Villergas.

Nun momento que podemos considerar moi puntual a Escola Normal estivo situada no antigo Hospital de San Roque. A Deputación Provincial levou alí algunhas dependencias e, con posterioridade, foron pasando outras institucións entre outras, Escola Normal.

Unha medida lexislativa de Romanones indicou que os estudos de maxisterio pasarían a impartirse nos Institutos Provinciais e así foi como moitas mestras acudiron ao actual Otero Pedrayo. Pero en 1912 ditouse outra lei na que se indicou que non podían continuar a Normal de Mestras nos institutos. É ese o momento no que se plantexa en Ourense o de buscar un novo edificio para a Normal de Ourense.

E, en 1915, habilítase o edificio do Progreso alugándollo ao rendista Perfectino Vieitez. Aquí foron directoras Leonor López Pardo, Concepción Ramón Amat e Vicente Risco.

Nos anos sesenta, co desenvolvementismo, deséñase a Cidade Escolar no Concello de Canedo que daquelas xa estaba integrado no de Ourense, tratábase dun complexo de edificios destinados a diferentes ensinanzas entre eles contemplouse a instalación das Normais de mestres e mestras.

No relativo á matrícula de ourensás nos estudos de maxisterio temos que dicir que houbo un progresivo aumento para poder falarse dunha feminización da profesión. Non hai estatísticas moi precisas pero podemos dicir que desde 1857 ata 1906 había 275 mestras exercendo na provincia e a partir de 1906 ata 1930 que é o que recolle a gráfica o aumento é considerable, chegando a superar á matrícula dos homes en moitos anos.

E aínda que é unha evidencia que a educación desta época non pretendía cambiar a situación social da muller e o seu rol, hai que dicir que dita formación en moitos casos non foi desaproveitada. E digo isto porque o acceso das mulleres aos estudos de maxisterio non só permitirá que as futuras mestras ampliaran a súa cultura e exerceran unha profesión, senón que tamén favorecerá a toma de conciencia para reivindicar e romper cos estereotipos de docilidade.

Por exemplo, temos o caso das primeiras mestras que se entran a formar parte da Asociación de Mestres.

PRIMEIRAS MESTRAS NA ASOCIACIÓN DE MESTRES DO PRIMEIRO ENSINO

As asociacións de mestres podemos dicir que son as primeiras agrupacións que velan polos intereses do corpo docente. A Asociación Provincial de mestres de Ourense xurdiu en 1899 e, a partir de entón, irán aparecendo as asociacións dos distintos partidos xudiciais da provincia. Desde os seu inicios moitas mestras foron integrándose por verse arroupadas no caso de ter que denunciar os abusos laborais que cometían contra elas as autoridades locais onde exercían. Como, por exemplo, Carmen Sánchez mestra na escola de Vilanova dos Infantes e nai de tres fillos denunciou o 4 de marzo de 1908 ao Inspector Pousoda por comercializar os libros de que era autor: Manual Agrícola, Gúía legislativa, Cuadro de protección a los árboles…e consentindo que os mestres os incorporasen aos seus orzamentos de xeito agochado. Esta mesma mestra tamén foi quen foi quen de enviar escritos á Xunta Provincial e ao Reitor do Distrito Universitario denunciando que o Gobernador Civil lle tiña retido o soldo do mes de 35,30 pesetas e que non tiña dereito a reterllo sen orden xudicial e porque ao cobrar 2,5 pesetas diarias non había dereito de retención. O motivo da retención era que a mestra anterior da escola lle reclamaba 26 pesetas en material pero que, segundo Carmen, estaba inxustificado ese gasto. que ela o inspector Sr. Pousoda polos abusos de poder…E bastantes delas pasaron a formar parte das directivas das Asociacións.

Vai haber moitas mestras que, como dixen, se fixeron notar por ser especialmente reivindicativas. Consuelo Hervella Nieto, mestra e secretaria da Asociación de Valdeorras, unha muller moi activa que participou nas xornadas culturais organizadas pola Asociación de Carballiño o 28 de agosto de 1912 onde aproveitou a ocasión para facer unha crítica sobre a situación da escola primaria e os baixos soldos que percibían os docentes e describiu a precaria situación económica do maxisterio. Comparaba os soldos dos Mestres co salario dos obreiros e dicía que en España dos 27.000 mestres que había, unha terceira parte tiña unha peseta e céntimo de dotación, ou sexa menos da terceira parte do que percibía un braceiro. Increpaba ao auditorio dicindo que esa situación tiña que rematar:

“Sumaos a nosotros, compañeros en la desgracia, ayudad a los educadores de vuestros hijos”.

María de la Consolación, mestra de Xinzo de Limia tamén se significou protestando polo control que exercía sobre ela a Garda Civil. Enviou unha carta en novembro de 1922 ao Gobernador Civil dando queixa de que a Garda Civil formulase preguntas aos veciños sobre a súa conduta e moral:

“Sería las once de la mañana de aquel lluvioso día 30 del mes último, cuando, al asomarme a una ventana de mi salón de clases —mi escuela tiene ventanas, a Dios gracias— observé que una pareja de la Guardia Civil, después de hablar con varios paisanos, que señalaban mi colegio con un ademán, se fue acercando hasta la casa en que desempeño mi misión y, penetrando en la escuela, me hizo en presencia de las niñas numerosas preguntas que yo fui contestando llena de sorpresa y ¿por qué no decirlo?, también de indignación ¿Qué venía a buscar la Guardia Civil en mi escuela?¿Qué delito habría cometido yo sin darme cuenta?"

MESTRAS NA RENOVACIÓN PEDAGÓXICA

Pero tamén entre as preocupacións das mestras estaba o de defender prácticas pedagóxicas máis modernas na liña da Institución Libre de Ensinanza. Elvira Alonso, nacida en Montederramo e mestra con título superior escribiu en 1918 un interesante texto sobre Os fundamentos científicos da Pedagoxía no que aludía á pedagoxía moderna de Herbert, Pestalozzi ou Froebel.

María Elena Suárez Varela, unha mestra ourensá, colaboradora asidua da publicación Revista Popular editada en Pontevedra e coñecida conferenciante nas Asembleas Pedagóxicas, escribía sobre o problema do absentismo escolar e as súas causas…

MESTRAS NA POLÍTICA

Polo tanto, as mestras desta época opinan, escriben sobre pedagoxía e métodos, denuncian, se asocian… pero tamén son quen de reivindicar sobre política, como así fixo Eulalia González Vicente, mestra titulada en 1930 que exerceu en Tui, Mondariz e A Peroxa tiña unha grande cultura e pluma áxil para escribir un artigo titulado “El voto y la mujer” no que dicía: Nosotros no consideramos el sufragio universal como concesión del Poder Público, sino como función y derecho, ya que el sufragio sirve de puntal al Poder y a la Sociedad le compete legislar.

MESTRAS NO GALEGUISMO

Exemplos hai de abondo de mestras que foron moi activas en moitas facetas e non se pode deixar de mencionar as que se implicaron co galeguismo e entraron a formar parte do Grupo Feminino do Partido Galeguista, abandeirando a frase: “As nosas mulleres non poden esquecer o seu deber de axudar aos homes na mesma tarefa hestórica…”.

Estas mulleres, a maioría mestras, comezaron a celebrar as súas propias xuntas na rúa Luís Espada, número 21 de Ourense ( na consulta do doutor Peña Rey) e nelas trataban sobre crear unha directiva, a conveniencia de participar en Asembleas do Partido e propostas a levar…etc.

E chegados a este punto temos que facer un repaso rápido do que aconteceu con moitas mestras durante a ditadura.

O CONTROL SOBRE O MAXISTERIO

Coa chegada da Ditadura vai haber un seguimento exhaustivo do maxisterio. O novo réxime tiña entre os seus propósitos principais o de eliminar de raíz todo vestixio da República. Para iso non escatimou en formas e maneiras de ir despezando o republicanismo da conciencia, pensamento e obra de toda unha poboación que, a partir de entón, debía por obriga adoptar os novos valores patrios. O Réxime comezou a examinar exhaustivamente aos docentes que se formaran e traballaran durante a República. De entrada eran xa considerados subversivos e sospeitosos e non podían exercer sen antes pasar polo control rigoroso das forzas vivas. Eran mestres e mestras aos que non se lles ía tolerar que "envelenaran as mentes e as almas populares". Os docentes foron obxecto de persecución e moitos tiveron que marchar para o exilio, outros foron desterrados na súa propia terra tendo que execer en escolas remotas, e outros, desgraciadamente, foron asesinados.

Unha primeira operación era a obter información. Vexamos que información requirían dos docentes. Tratábase dunha declaración xurada que tiñan que facer os docentes respondendo a unha serie de preguntas como: onde se atopaban o día do alzamento militar, se prestou servizo baixo mandos marxistas, a que partido político pertencera, se pertenceu ás milicias da Fronte Popular… Logo a inspección procedía a confirmar se dito docente era de fiar.

Feitas as primeiras averiguacións sobre a conduta e moralidade dos docentes determinábase o seu futuro. Se os informes ofrecidos polas autoridades locais e eclesiásticas eran favorables A Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de Depuración do Ministerio de Educación Nacional pasaba a CONFIRMARLOS nas súas prazas. En Ourense temos que 262 mestras puideron continuar exercendo nas súas escolas por non consideralas sospeitosas . (Fonte: Magisterio Católico Español, 16 de maio de 1936).

Pero todas as asociacións de Mestres, coa excepción da asociación de Mestres católicos, estaban no punto de mira por considerar que estaban integradas por Mestres e mestras de ideas subversivas. En aras diso, un dos primeiros obxectivos foi disolver, eliminar e sancionar a todos os integrantes da ATEO.

Polo tanto, procedeuse a destituír e sancionar a todos os profesores de ATEO, entre os que se inclúan 17 mestras

Outro dos obxectivos foron os mestres e mestras que tiveran algo que ver con cuestións políticas. Por exemplo, no caso de Ourense temos que falar das mestras que simpatizaron co Galeguismo e conformaron o Grupo Feminino do Partido Galeguista.

As mestras que asinaran o manifesto galeguista, aínda que as súas convicións en pro da terra, do galeguismo estaban enfocadas dende unha óptica conservadora, cun carácter nostálxico, sentimental e non exento de romanticismo tamén van ser obxecto de control sendo algunhas sancionadas.

Foron e son, en definitiva, mestras que tiñan as súas propias convicións, defensoras do galeguismo, defensoras das liberdades e renovadoras da pedagoxía.

Aproximadamente máis de medio centenar de mestras foron apercibidas e tiveron duras sancións. Todas quedarían marcadas e sinaladas sendo o temor para elas unha forma de vida. Pero o seu esforzo non sería en balde pois abríronnos o noso camiño.

Rosa María Cid Galante.

1 de xullo de 2022.