RECANTO DE REFLEXIÓNS

As mulleres temos un "socialismus naturalis"


A muller ten unhas condicións naturais e intrínsecas que a levan a ter comportamentos dignamente socialistas no sentido máis semántico da palabra. Isto é, a capacidade empática e de congregación da muller fai que de xeito intrínseco sexa proclive a asociarse e a compartir. É aí que non se debe considerar este socialismo no servir para ser sumisas, pero si para desempeñar os traballos con total entrega e carga emocional que faga un ben á sociedade.

A muller é a que  procrea e a que forxa unha familia ou grupo converténdose en eixe vertebrador e dinámico do mesmo. Ela comparte, ela reparte, ela ofrece, ela coida, ela fai, ela fabrica, ela congrega, ela fai comunión...e pregúntome: Non é iso verdadeiramente socialismo?

A palabra socialismo converteuse nun termo defenestrado e denostado, pero se nos atemos á súa morfoloxía e semántica o que atopamos e é movemento da e para a sociedade.

A muller desde que nace ten esa capacidade de querer construír para a sociedade por iso non me cabe a menor dúbida de que o socialismo é feminino. Talvez a educación de miles de séculos foi conformando un socialismo amable e pouco combativo pois a muller non é de loitas. Agora  ben, cando se trata de protexer á prole, de protexer á familia, aí si que pode converterse nun movemento aguerrido.

Estou pensando nalgúns feitos históricos europeos nos que as mulleres levaron a cabo alzamentos para protexer aos seus como se dun socialismo doméstico se tratase. Estou pensando nas revoltas das mulleres máis contemporáneas como as da revolta francesa que pola escaseza de pan, pola fame e polos prezos erguéronse combativas. Elas pedían dar de comer aos fillos e ante un fillo con fame non hai muller que quede impasible pois loita socialmente.

As mulleres da revolta rusa que proclamaban "pan e paz" tamén se atreveron a facer un socialismo doméstico que transcendeu ao social. Acaso Lenin non tomou nota del para saír dunha guerra mundial durante o seu goberno?  As sufraxistas, as intelectuais, as feministas, as ecoloxistas...son socialistas por conseguir logros sociais, non individuais, si grupais.

Si, a muller é socialista per se. E diso sabe ben a relixión por iso quixo reconducir ese socialismo intrínseco e potencial da muller no favor eclesiástico. Quixo atraerse ese poder de convocatoria da muller para que se crease un asociacionismo relixioso que, ao fin, escapaba dun socialismo máis íntegro. O orden patriarcal e relixioso quixo sempre recluír á muller no mundo limitado ao doméstico, afincaron as ideas de que as mulleres debían exercer ese "socialismo" dentro do fogar e unicamente para os seus e sempre sería baixo a senda e camiño da relixiosidade.

Pero está claro. Eu creo no socialismo feminino. Eu creo que as primeiras socialistas tiveron que ser as mulleres pois como dixo Inesa Armand no Congreso de Mulleres obreiras e campesiñas de 1918 : "Ata que nos liberen das formas antigas da familia, da vida doméstica e da educación dos fillos, é imposible crear un novo individuo. É imposible crear o socialismo". E eu engado, non hai socialismo sen a muller.

Rosa María Cid Galante.

29 de marzo de 2024.