RECANTO DE REFLEXIÓNS

As mulleres, a fala, Sempre en Galiza de Castelao.

Un dos libros prioritarios e de referencia para os/as galeguistas é Sempre en Galiza de Castelao. Un canto á terra e á reivindicación do noso. Este libro que Castelao redactou estando no desterro, mellor dito, nos desterros pois foi escrito desde diferentes lugares, demostra como unha paisaxe allea fagocita o ánimo de Castelao. Séntese só, illado, incomprendido e, sobretodo rebelde e reivindicativo. Ao longo das páxinas desta biblia galeguista (permítanme a pertinencia) vai desgranando o seu sentir e a súa idea de Galiza, morriña. "A Nosa Terra é nosa". O libro presenta varias partes, unha primeira parte ou libro primeiro escrito cando Castelao estaba en Badaxoz e logo en Valencia e Barcelona e que rematou a finais de 1937; un segundo libro cando se atopaba en Nova York nos primeiros anos de 1940, e  outro terceiro desde Montevideo. Iniciou un cuarto pero deste deixou uns capítulos.

O núcleo central é Galiza pero tamén é un alegato polo social e pola igualdade da humanidade. Rexeita aos que non senten a terra nin falan a súa fala, e contra dos que disimulan querela. 

Que cabida ten a muller no libro de Sempre en Galiza? Algunha refererencia hai a elas, de xeito xeral e algunhas en particular. Con recorrencia menciona a Rosalía de Castro, pero tamén a Concepción e Emilia.


Castelao cre na igualde de xénero e sobre todo retrata nos seus libros ás mulleres sufrintes e sacrificadas galegas que son quen de erguer os tempos. Alíase á muller marxinada, á muller marcada pola pobreza, polo desagravio e outórgalle dignidade.

Castelao cavila e non para de cavilar. Remexe na súa consciencia un crisol e derroche de ideas que ten que botar fóra, escribilas. Di que non hai que ancorarse na Historia de Galiza ao longo da cal, por certo, non sempre saímos ben parados as/os galegas/os, máis ben ao contrario. Que os galaicos chegasen a Irlanda; que morreran no Monte Medulio; que Prisciliano fose decapitado; que a nosa terra dera un Emperador Romano e un Papa para a cristiandade; que os Suevos crearan o primeiro reino; que se inventara o corpo de Santiago Apóstolo; que os Señores galegos loitaran contra os Reis Católicos; que o barroco dera pensadores eruditos; que aquí nacese Pablo Iglesias...), aí fomos estando e levándoo con esforzo, pero, di Castelao que agora é o momento de pensar no futuro "os feitos pasados non poden roubarnos o pensamento e aición que necesitamos para constuirmos a Galiza do futuro..." (páx. 38).

O decorrer dos anos, séculos e etapas históricas deron mostras do carácter galego. Pero amais de citar a históricos non deixa atrás ás nosas eruditas, recoñecendo nelas o seu rol imprescindible no devir galego. Castelao menciona a Concepción Arenal e Rosalía de Castro, dentro do grupo de persoas eruditas que xorden no século das Luces. Estas mulleres aparecen entre os nomes de Feixóo e Sarmiento, Curros, Brañas e Pondal. Está claro que Castelao dálles a categoría que merecen estas dúas inconmensurables. Castelao evidencia a intelectualidade da muller. 

Castelao reflexiona sobre moitas cousas, a política, a economía, a sociedade galega. O Estatuto de Galiza e o ninguneo centralista do goberno estatal, e desa personificación da Castela centralista que logo desenvolverá longamente no Libro terceiro.

Castelao fai repaso da historia e fai que miremos cara atrás para atopar os atrancos do noso idioma, argumenta e sente pena polos séculos pasados de baldío da lingua. Arenga a renascencia das Letras galegas, di que foi un acontecemento feliz na vida. E aquí resalta o labor de Rosalía de Castro, menciónaa de novo como muller pioneira: "A renascencia das Letras galegas foi un acontecimento feliz na vida espritual da Hespaña. Abondaría con citar un nome para demostralo: Rosalía de Castro..." (Páx. 106). Di que as letras galegas contaban a finais do século pasado con obras de verdadeiro mérito e critica que na ensinanza non se lle concede atención á lingua e á literatura galega e quéixase de que un pode ter título de universitario e exercer unha profesión liberal e "iñorar que eisisteu Rosalía de Castro" (páx. 106).

Menciona aos caciques controladores da sociedade, fala do sistema fiscal, da organización territorial e administrativa de Galiza e as peculiaridades dos núcleos poboacionais da nosa terra. 

Pero, especialmente, preocúpalle a fala e escribe sobre a desgaleguización e a perda da fala malia que o propio Cervantes no Quixote fixo unha defensa das linguas romances entre as que se sobreentende o galego e dixo o Quixote "todos los poetas antiguos escribieron en la lengua que mamaron en la leche, y no fueron a buscar las extranjeras para declarar la alteza de sus conceptos..." (páx. 102).  Este aspecto da perda do galego, non ten reparo en culpar ás mulleres que non falan o galego, e di:

"A mentalidade dos señoritos parvos concorda coa mentalidade das señoritas cursis. Ambos os dous disimulan o acento nativo e fian o seu señoría na standarización dos modos e maneiras. Ambos os dous afincan o seu orgullo no traxe que levan posto. Viven en mundos tan arredados do noso que non debemos concerlles a categoría de adversarios. Irmáns: Fuxide sempre dos parvos..." (páx. 22).

Por todo isto, defende a ultranza o ensino na lingua materna. E que é materna, a das nais. Polo tanto, Castelao ve como depositarias ás mulleres pera que o galego non esmoreza. Nai-muller-lingua-cultura. Amais disto tamén presenta á "teta" como o manancial da cultura galega, da identidade.E que é a teta? Pode querer dicirnos Castelao que é a muller. É a muller aquela que deixa mamar a cultura. É a parte polo todo. "Nós queremos mamar a cultura na propia teta" (páx. 43). A imaxe do peito volve aparecer logo ao identificar os montes de Galiza redondos como os peitos dunha muller. A imaxe de Galiza en feminino é constante: "Os montes son redondos como peitos de muller e as serras con como lombos de boi cebado" (pax. 45).

Castelao recoñece a nosa idiosincrasia. A historia foi forxando unha psicoloxía galega, pero principalmente o sino diferencial é a Saudade. Unha saudade que só sabemos os galegos e galegas o que significa pero que é imposible de expresala, e, de novo, fai alusión a Rosalía: "nin siquera Rosalía de Castro, que foi o corpo mesmo da Saudade". Si, Rosalía foi a Saudade pero para Castelao é tan grande o sentimento que nin a nosa raíña da poesía chegou a expresala como el considera cre que debera ser. 

Castelao remata este primeiro libro aquí.

Logo comeza o Segundo Libro na soedade da grande cidade Nova York. Hai tristura nas súas palabras, hai soedade: "Pode que frente a min haxa checoeslovacos, austríacos, polacos, finlandeses, xudeos, alemáns e de outros povos e razas, que esborranchen coartelas para comporen libros acugulados de acusacións; pero estou seguro de que eles non adiviñan que á luz d-esta fiestra traballa un galego desterrado, con máis razón que eles para protestar. Ningún dos meus veciños de enfrente sabe que hai unha Patria que se chama Galiza, e non podo eisixirlles que adiviñen a miña eisistencia. Eu son fillo du-unha Patria descoñecida, porque ninguén soupo dar sona e creto internacional ás nosas reivindicacións patrióticas...."(páx. 139). Non poden ser máis tristes as palabras. Case pode tocarse esa soedade de Castelao, tanto física como emocional. Mais con todo parece ter esperanza para comezar de novo para chegar á Liberdade.

Ai, como lamenta a esa República que non entedeu a Galiza! Nas palabras e discursos de Castelao apréciase esa incomprensión de Galiza nun momento histórico da República no que se vía a ocasión da reivindicación nacional galega .

Castelao lembra á súa avoa, outra muller que lle procura refuxio nos seus pensamentos. Di que cando era cativo ela, a avoa, arrolábao coa cantiga que falaba de Prim e Serrano, da raíña Sabela...Di que a súa avoa era irmá de Baltasar Gemme Fuentes, o Gobernador da Repúblca de Pontevedra. Fala dela como muller adiantada pois os contos que lle contaba eran sempre históricos e laudatorios dos feitos revolucionarios nos que intervira o seu irmán. E con graza di: "E apesares de todo, cando miña aboa se anoxaba pol-os desarranxos e barullos que eu armaba na casa, sempre decía o mesmo: "¡Esto é unha República!". Era que a primeira República fora, simplemente, un  ensaio de anarquía, de tal xeito que o seu recordo non foi un estímulo para novas revoltas libertarias..."(pax. 172). Está reflectindo que a súa avoa era moderna de ideas. 

As mulleres galegas son para Castelao bondadosas. El ten a fe posta no poder das galegas que, aínda que sofren, son poderosas. Cando Castelao fala de Galiza sempre menciona á bondade das mulleres galegas.

Dúas figuras femininas son mencionadas na parte XXIII do libro. Castelao fai alusión a Inés e Xohana de Castro: "Dúas mulleres galegas, fermosas e doces, que deron o seu corazón a príncipes non galegos..." (páx. 237). Inés reinou en Portugal despois de morta (lembremos que foi asasinada co Consentimento de Afonso IV para evitar a unión entre o Reino de Castela e Portugal pois Inés casara en segredo con Pedro I de Portugal. Pedro, cando foi coroado rei de Portugal, puxo o cadáver de Inés no trono e fixo que todos a veneraran) polo que é o reinado firme da lingua e cultura tras o Miño. Xohana foi raíña de Castela cando casou con Pedro I o Cruel e que foi motivo da perda da nosa identidade. Ambas as dúas irmás de Fernando de Castro, un desleal a Galiza. Así que, as dúas medias irmáns tomaron camiños diferentes, unha cara Portugal e outra cara Castela, aí manifestaron a digresión de Galiza.

Castelao rematou o seu segundo libro en xullo de 1940 e marchou a Montevide onde di que terá ocasión de apertar a moitos hirmáns. Vai contento, alí non se atopará só. Malia todo di que se fai cada vez máis doloroso eliminar do libro os seus estados de ánimo. El non é un emigrante, pois non saíu voluntariamente de Galiza.

Nesta parte fala do lirismo galego que é o máis antigo da península, só superado polo andaluz. E desde aquí fala longamente de Castela, terra que desprende soedade nos seus campos onde as xentes viven aínda entre murallas. De novo, volve mencionar a Rosalía de Castro pois, como el, tamén sentiu a "antipatía" por Castela pois: "De Castela e dos módulos casteláns soio podía saír a Hespaña que estamos vendo e padecendo" (páx. 279), unha España centralista.

Castelao dedícalle o seu tempo a falar de Sabela a Católica e di dela que no seu testamento manifestou o respecto polos fueros dos seus señoríos mais non pode isto levar ao engano pois, como di Castelao, aínda que o testamento así o di, Castela exerceu un dominio colonizador do territorio peninsular: "Quen somentes coñeza o testamento de Isabel, a Católica, onde se asegura que cada Reino tiene sus leyes e Fueros e usos e costumbres, e se gobierna por sus naturales, creerá que Galiza foi un Reino incorporado á Coroa castelán, coma outro calquera; pero non foi así. Galiza ficou sometida a un réxime de colonia conquistada e indina de exercer dereitos políticos." (páx. 373). Foron os Reis Católicos, di, os que domaron a nobreza e castraron ao pobo. Polo tanto, Castelao asegura e demostra que a raíña Sabela non fixo tal como indicou no seu testamento pois nomeou a persoas foráneas para desempeñar cargos políticos. e exerceu en Galiza un sometemento virulento. 

Detense na historia común e irmanada de Portugal e Galiza, dous territorios fortemente vinculados. Cita a Doña Tereixa, namorada do Conde Fernán Peres de Traba; fala de Doña Leonor, namorada do Conde Fernandes de Andeiros e di que foron símbolo da política integralista de Portugal e Galiza: "Os amores galeico-portugueses sempre foron tráxicos, verdadeiros e non se borra o sangue que os afogou. Ese sangue trocouse en fronteira de moito proveito para Castela e de moitos males para Portugal e Galiza" (páx. 337). "Portugal saíu das entranas de Galiza" (páx. 348).

Remata en Bos Aires o libro terceiro sendo o ano 1943.

Do libro cuarto deixou uns capítulos e non chegou a rematalos. Arrinca dicindo que o 25 de xullo de 1947 pensa en Galiza e que a súa imaxinación está en Galiza e que se puidese voar sobre a Terra e percorrela en todas as direccións pasaría por Lugo, Santiago, Ourense e Cruña...E pensa na súa historia, e matina en como foi a decadencia de Galiza mais aínda así esta terra segue dando " individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánches, con muceta de doutor; os virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrrei, que serviron lealmente a quén non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes embaixadores felipescos, Zúñiga, de Castro e Gondomar; que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquitectos Andrade e Casas e Nóvoa; que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidades oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de Hespaña coa sua poderosa erudición e o seu xenio encicloplédico. Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros todos con estrelas sobre das súas frontes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro; os patriotas Faraldo e Brañas; a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán,e, por fin, o gran Ramón, aínda non ben descarnado..." (430). 

Menudo crisol de estrelas!! Sen esquecer á nosas imponderables, a nosa tríada: Rosalía, Concepción e Emilia. Todos e todas no Olimpo do Galeguismo. E eu engado a Castelao, debuxante, pensador e líder galeguista por antonomasia, tamén no olimpo de Galiza.

Por que admiro tanto a Castelao? Porque o entendo ben, e  quixera dicir como el di:

Como lle queremos á Terra! E de min sei decirvos que si dispóis de morto tivese que voar máis alá das estrelas visibles, para ir a un ceo tan lonxano da Terra, que nunca máis poidera vela, de boa gana renunciaría á inmortalidade para rematar a miña vida debaixo d-unha laxe e convertirme en herbas ventureiras" (páx. 46).

Castelao, Sempre en Galiza.

Sempre, Castelao.

21 de febreiro de 2023.