RECANTO DE REFLEXIÓNS

A inxustiza da xustiza

Cando as ideas liberais trouxeron da man a separación dos poderes afincáronse os piares das democracias constitucionais. Serían os tres poderes equilibrados os que rexerían as soberanías nacionais. Os representantes políticos dos poderes lexislativos e executivos están no rol de representarnos pois, tal como dicía Rousseau, establécese un contrato social. Os do poder xudicial teñen a obriga de impartir unha xustiza "cega" e imparcial e non sesgada. O que estamos a vivir nestes últimos anos é que a xudicatura está a protagonizar titulares que nos deixan perplexas.

Son da idea de que o estudo e a formación intelectual conduce a seren persoas equilibradas, ponderadas e, por ende, serán xente que exerza con profesionalidade e raciocinio a súa profesión, evitando guiarse polas paixóns.

Na xudicatura non hai lugar para a arbitrariedade. Non pode entenderse que a xustiza se vexa substraída por criterios e ideais persoais, subxectivos. A Xustiza debe ocultar os ollos tras a venda e administrar con rigorosa imparcialidade, sen "prexuízos".

Pido que se tomen dunha vez en serio os delitos que se cometen contra as mulleres pois son graves...moi graves e deben ser así considerados. Se xa a natureza nos condea ás mulleres á "lei do máis forte", que alomenos sexa a Xustiza a que garde escrupulosa e meridianamente a equidistancia. 

Hai quen afirma que foi a vítima a que provocou unha situación de abuso. Que a xustiza non se deixe atraer por estes discursos. É como se a unha xoiería lle dicimos que foi asaltada por un ladrón porque o escaparate era unha provocación. 

En certa medida todas as persoas que afirman que é a muller a que incita a ser violada non se dan conta de que están deixando en moi mal lugar aos homes, pois ao dicir que estes non se conteñen cando ven a unha muller con mallas, con minifalda...en definitiva, como ela queira ir, están reafirmando que son pedestres, primitivos, instintivos, irracionais e analfabetos. 

Ollo á inxustiza da xustiza.

5 de novembro de 2022.