Hospedeime un prolongado tempo en A Barcelonesa e hoxe déixoa tras unha estadía na que percorrín tempos e espazos. Embaucoume unha historia preciosa dunha saga familiar, a familia do autor da novela, Xabier Paz.
Lin o libro A Barcelonesa de Xabier Paz nun momento
oportuno, foi nun intre no que puiden debullar a historia con calma, sen
precipitacións pois a historia ben o merecía e sacioume como un vaso de auga
fresca. Hai libros que non se collen a tempo, ou se len a destempo, e por iso
non acabamos de querelos. Non foi o caso de A
Barcelonesa xa que, como digo, tomeino no intre oportuno axudándome a
evadirme da realidade e mergullándome nesta saga familiar tan impresionante.
Unha saga cos seus éxitos e tamén fracasos, unha saga de tenacidade e logros,
unha saga familiar na que as mulleres, unha vez máis, acaban sendo unhas
loitadoras.
Xavier Paz ten
esa habilidade de contar historias cun elevado grao de intimismo nas que os
sentimentos están sempre latentes. Este libro A Barcelonesa narra a historia da súa familia no que se apreza un certo desexo de reconciliación pois, se nalgún momento reprocha o forte
conservadurismo materno e certo desapego do pai polo galego, recoñece a loita
dos pais ao longo da vida ata conseguir que todos os fillos tiveran unha boa
formación e acabaran tendo carreira universitaria, empeño sobre todo da súa
nai, Mercedes. Di o autor “Traio o avó
como mascarón de proa dunha época, símbolo da póla ascendente no devir familiar…ao
cabo esfumado para non estorbar o asentamento da aspiración señoril da nova
xeración, xa desleixadas as orixes, unha xeración pertencente ao novo mundo de
benestar vilego. Nova vida para a súa descendencia…empoleirada no podio da
educación superior…”
En efecto, é un canto ao pasado, ás fondas raíces dun, aos nosos antergos que cimentaron a nosa vida, e, por que non, á terra. Fala o
autor de mirar o pasado e aos nosos referentes pois “…telo presente é dotármonos de perspectiva a quen nos beneficiamos das
súas afanosas angueiras. Por moitas reviravoltas que demos, as orixes sempre
clarexan quen somos”.
O libro
estrutúrase en tres partes. Na primeira parte titulada “A acumulación primitiva”,
vainos narrando de xeito caleidoscópico unha serie de historias, ás veces como inconexas, nas que arrinca
dicindo que “Acabouse o tempo. Agora que
están mortos os avós e os país, e mesmo ti, podo escribir de vós sen medo ao
que dirán. Non creo que vos importe”. Comeza dicindo do regreso do avó
Bernardo e de cando mercou a Barcelonesa unha vez que veu de Cuba alá polo 1923 da emigración. De cote
fala da súa nai e das famosas dúas cartas que escribiu ao reitor da
Universidade e a Manuel Fraga e que foron transcedentais para a familia, xa que logrou
que acolleran ao fillo maior con beca na universidade e por outra banda,
conseguiu axuda para remodelar a Barcelonesa e convertela en O Santiño. Aquí
amosa a unha muller aguerrida e imprescindible que tomou as rendas da casa
cando o seu home, o pai do autor, non tiña os folgos suficientes ao perder as
rendas de Cuba. “A nai foi muller piadosa
e foino ao xeito de Trento”, unha muller que non aceptaría o divorcio do
seu fillo Xavier, autor do libro, padecendo ambos os dous durante anos unha distancia
fría. Tamén nesta primeira parte fala de Xan, o irmán do autor, un referente
para el e que se converte en coautor da novela. Cóntanos dos pais, un
matrimonio morganático, do seu piso na Coruña, da parella de amigos que tiñan,
un deles alemán…e logo xa nos leva da man á historia do seu avó, Bernardo
Cendán, construtor da casa A Barcelonesa e que logo embarca para Cuba e alí levantou
un taller de carpitería e fíxose masón pero tamén coñeceu a Rosa, curmá dun
amigo, da que se namora e ao pouco casan e teñen dous fillos, Nardo e Rosiña. A
vida non lles foi tan mal en Cuba pero decidiron voltar a Galiza cun certo aire
triunfalista. Atopan unha terra aínda tosca, rústica, gris e fría e a familia
de Bernardo vivía nunha casa “habitada
polo fume”. No regreso, Bernardo, o avó do autor, faría como moitos
emigrantes regresados, e organizo as festas patronais do pobo e tamén mercou a
Barcelonesa, aquela construción na que el traballara antes de marchar para Cuba.
Está moi ben
denominar a esta parte “Acumulación primitiva” pois é como se o autor fose
atopando anacos de historia, acumulacións de datos, relatos…A forma de narrar
de Xabier non vén sendo cronolóxica ou lonxitudinal, de aí que teñamos que
manter a atención xa que estes anacos completaranse segundo avanza a novela. Ademais hai presenza no libro de varios narradores, está o
propio autor, está o seu irmán Xan, e hai outro narrador de terceira persoa.
Isto indica que estamos ante unha novela perfectamente escrita, trazada,
coidada pero que require o tempo de lectura. Quere o autor que non leamos unha
historia fácil, quere poñernos en varios contextos e puntos de vista, como se
dunha novela “cubista analítica” se tratara. Ir vendo cada recadro, cada
fragmento, e logo, na distancia percibir o conxunto figurativo que adquire encaixe nos últimos capítulos nos que fai unha recomposición total.
A segunda parte cóntanos
dos pais, Mercedes e Nardo. Fala do noviazgo de seis anos e fai referencia á
estadía da súa nai durante dous anos en Tetuán onde a familia tiña unha
panadería. Especialmente interesante é o pequeno percorrido que fai do contexto
da época da guerra civil e Nardo foi reclutado e se carteaba con Merchiña,
unha muller doce e moi guapa, de beleza exótica contraposta á súa irmá Alexandra.
Alexandra, a tía do autor, militante da Sección Feminina e muller ben
relacionada pois tiña a amizade de Dolores Díaz Baliño, unha das primeiras
mulleres da Real Academia Galega de Belas Artes.
Aquí nesta parte
do libro fala da morte do avó en 1939, aos cincuenta e seis anos, por un cancro
de páncreas e a partir dese momento o pai, Nardo, tivo que coller as rendas da casa e
manter á nai e á súa irmá Rosiña. Nardo remexendo no armario atopará lembranzas
de Bernardo e a medalla da masonería da que se desfará inmediatamente.
A voda entre
Nardo e Merchiña foi un acontecemento social na Coruña. O autor narra con detalle
como foi o casorio e o drama vivido ese día por Merchiña pois o seu pai, violento, quixo impedir o matrimonio, unha historia dramática e moi dura.
Aquí quédome con Merchiña. Pareceume unha persoa fascinante, a pesares de que a miña distancia ideolóxica con ela é moita. Non obstante, recoñezo o valor de muller, a súa capacidade de adaptación e superación das situacións viñan mal dadas cando a familia pasou de vivir unha situación desafogada a a outra de estreiteces. Nese foi ela, Merchiña, a muller trentina, a muller conservadora, a muller relixiosa, quen colleu o timón do barco e emprendeu o negocio de O Santiño. Muller pioneira que arreou co compromiso de darlles aos fillos uns estudos universitarios.
A terceira parte
do libro titúlase “O Santiño” e fala de cómo transcurriu o negocio. A
laboriosidade da súa nai, a colaboración dos seus irmáns…os recados que Javier,
o autor, facía…A revolta en Cuba fixera que as rendas percibidas de alí
remataran. A familia víase apurada: “A
estreiteza alcanzou mesmo a comida”. Foi un momento de apuro verdadeiro pero superárono grazas a Mercediñas, esa muller delicada e forte. Logo de estar o negocio funcionando durante varios
anos a actividade rematou e a casa acabou converténdose no retiro dos pais de Xabier.
Nesta parte Xabier vai a Cuba, vai remexer as lembranzas e achegarse á figura do avó. En Cuba
respira o ar tropical, a humidade…a nostalxia dos galegos na Habana, foi para o
autor “un xeito de reparación da memoria
familiar do avó…”
No final do libro
é onde o autor abre de cheo as súas entranas e desfoga todos os sentimentos
acumulados e fálanos do mundo actual, da globalización, do capitalismo, do
emprendemento…no senso de que o devir familiar foi antecesor destes fenómenos.
Especialmente emotivo son as palabras que lle dirixe á súa nai producindo en min un sentimento de tristura e emoción pois fixo que me lembrara
da miña propia nai: “Evocación da nai,
esa muller retrógrada e moderna a un tempo, activa e valorosa coma un cabalo de
batalla, disposta a enfrontar animosa todas as adversidades polo porvir dos
fillos…”
Quédome con estas palabras... e de novo, Xabier non pode eludir encumbrar nos seus libros ás mulleres.
A novela A
Barcelonesa é unha novela dentro dunha novela como os cadros dentro dun cadro
ben articulada, ben narrada e de linguaxe impecable, como adoita a pasar nas
novelas de Xabier Paz. Podo dicir que ao lela brotaron en min moitas emocións, moita
morriña e o sentimento de tristura polo paso do tempo, ese tempo irremediable que
nos vai deixando nús mais coas áncoras nos nosos devanceiros.
As novelas de Xabier Paz é un goce de poesía.
16 de xuño de 2022.