Etiquetas

25 febrero 2014

HERMESINDA VIEYTES ALONSO



De Hermesinda fálanos o incansable investigador Rafael Salgado no seu marabilloso blog de Ourense no tempo da que di que tivo o gusto de coñecela. Cóntanos que Hermesinda Vieytes naceu en Medeiros (Monterrey-Verín) no ano 1909. Estudou a carreira de Maxisterio e tivo escola en Bande, Laza, Veigamuíños...Pero, a parte disto, Hermesinda destaca pola súa poesía. Escribiu poemarios, un titulado "Dende o Xardoal" e "A carón do Sil".
Remítolles á entrada de Ourense no tempo para achegarse a Hermesinda.
Vid: Ourense no Tempo

23 febrero 2014

NOE MARTÍNEZ FERREIRO

Nace en Ourense no ano 1975. É guionista e colaborou coa TVG pero na actualidade dedícase á súa paixón que é escribir. Noe, escritora, leva publicados varios libros: Nunca te fíes de un chico que no toma postre, (Ediciones Ézaro, 2011) es la sexta novela de Noe Martínez, fiel y dignísima continuadora de sus antecesoras Señálame un imbécil y me enamoro (Ézaro Ediciones, 2005), ¡Quiero un hombre magdalena! (Ediciones B, 2006), Él, mi último pelo de tonta (Ézaro Ediciones, 2007), A otra princesa con ese cuento (Ézaro Ediciones, 2008) y Cenicienta siempre quiso un Wonderbra (Vergara, 2009). 
Vid: Comparte libros

21 febrero 2014

OLGA NEGREIRA GONZÁLEZ

Olga Negreira naceu na Habana o 23 de agosto de 1920, filla de pai coruñés e nai ourensá, viviu en Ourense, Galicia, xunto á súa familia, desde o dez e até o dezasete anos de idade, data en que regresaron a Cuba con motivo da Guerra Civil. Desde moito antes da súa partida para España xa era socia do M.I Centro Galego da Habana, de Unión Ourensá e outras asociacións galegas e españolas, entidades coas que sempre colaborou de forma entusiasta.

Comezou a súa vida laboral en 1940 como traballadora dun laboratorio de produtos farmacéuticos. Posteriormente e unha vez graduada como estenógrafa, nas oficinas da Compañía General Electric de Cuba, e no Ministerio de Comercio Interior (MINCIN) a partir de 1959, onde se xubilou en 1978.  

A partir do ano 1992, data en que foi creada a Cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana -e até 1994- desempeñouse como colaboradora do primeiro profesor que tivo dita Cátedra. Polo seu completo dominio do idioma, foi a primeira profesora de lingua galega con que contaron durante aqueles anos os naturais e descendentes de galegos na Habana.

Realizou un meritorio labor como integrante da Comisión Xestora que refundó en 1995 o Centro Unión Ourensá da Habana xunto ao desaparecido enxeñeiro, José Manuel Docampo López, e outros ourensáns e os seus descendentes, que con gran sentido de pertenza colaboraron coas Federacións de Sociedades Galegas e Españolas en Cuba. 
Faleceu na Habana á idade de 94 anos.
Vid: Noticias Cibercuba

17 febrero 2014

PILAR GALLEGO DOMÍNGUEZ

Pilar Gallego Domínguez naceu en Ourense no ano 1926 e desenvolveu a súa vida profesional como farmacéutica; foi a impulsora da Fundación Olga Gallego; e socia fundadora da Sociedade Filatélica Miño[1].
Pilar Gallego naceu no seo dunha familia que foi notable na cidade de Ourense. Era a irmá de Olga, Luís e Manolo Gallego e, como ben di Rafael Salgado, bo coñecedor das xentes da nosa cidade: “Poucas familias ao completo, son acredoras do respecto e agarimo de toda unha cidade; pero este caso sen dúbidas é un deles. A familia Gallego Domínguez, Olga, Pilar, Manuel e Luís, creo que son e foron une exemplo a seguir, discreción, traballo, xenerosidade e intelixencia, son só algún dos seus valores”[2].
            Naceu no casco vello de Ourense e era a filla máis nova do matrimonio formado por Pilar Domínguez Castro e Manuel Gallego Lamas que eran comerciantes e tiñan unha tenda de tecidos na rúa Barrera número 5[3]. Os seus irmáns eran Manolo Gallego, que foi o que continuou co negocio familiar; Luís Gallego que estudou medicina e logo convertiríase no médico humilde e excepcional para toda a cidade; e Olga Gallego que estudou Filosofía e Letras e dedicaría a súa vida á investigación histórica.
Pilar tiña cinco anos cando a súa nai faleceu o 6 de febreiro de 1931, e os seus irmáns tamén eran moi nenos polo que o seu pai decidiu que foran vivir á casa dunha tía, irmá da súa nai, Corona Domínguez, casada co seu curmán.
Cursou os estudos de primaria no Colexio de Don Ruperto situado no xardín Bispo Cesáreo. Despois fixo os estudos de secundaria no Instituto Provincial e ao titular quixo seguir estudando. Xa o seu irmán Luís estaba realizando estudos de Medicina e Olga cursaba estudos de Filosofía e Letras en Santiago desde 1942; e Pilar tamén quixo realizar estudos superiores optando pola carreira de Farmacia na que se matriculou en 1946[4] e finalizándoa en Granada[5]. Manifestou moitas veces que ser farmacéutica era a súa grande vocación.
Ao rematar a carreira, polos anos cincuenta, dedicouse algún tempo á docencia pero en 1964 trasladouse a Verín (Santamarina)[6] para exerceu a súa carreira e alí estivo estivo dez anos[7]. Pero todos os irmáns sufriron un duro golpe cando, en 1958, se produciu un incendio na súa casa en 1958 perdéndose as súas pertenzas e a consulta que tiña instalada Luís. Logo veu o falecemento do seu tío en 1968 e o seu pai en 1971 e, seis anos máis tarde, en 1977 faleceu a súa tía. Todo isto fixo afianzar moito máis a unión dos irmáns que acabaron vivindo todos xuntos dedicándose cada un deles á súa profesión. Podemos imaxinarnos as interesantes conversas que terían entre eles e que versarían de historia, medicina, cultura, etc., e sempre dixeron que se influíron moito entre si. Realmente todos foron un referente na cidade de Ourense.
Pilar instalou a súa farmacia na rúa Marcelo Marcías número 91 que, daquela, estaba na periferia da cidade. Naquela época, a farmacia ocupaba boa parte do seu tempo e tiña un grande recoñecemento. Rexentou a farmacia ata que se xubilou.
Podemos dicir que Pilar foi unha muller que amaba Ourense e definiuse “Orensana cien por cien”[8] e vai propiciar que se formalice na cidade a Sociedade de Filatelia e Numismática. A afición de Pilar pola Filatelia veu de cando era moi pequena pois cando fixo a primeira comuñón aos sete anos uns amigos regaláronlle unha caixa con selos coa cara de Afonso XII e ela non se cansaba de sacalos da caixa e miralos e volvelos mirar. Este pequeno paso daría froitos no futuro coa creación da Sociedade Filatélica en Ourense.
Efectivamente, cando se xubilou retomou o coleccionismo de selos e todo comezou cando: “Había un grupo de hombres que se reunían en la Bilbaína. Eran casi todos médicos, como mi hermano, y conocían mi afición por los sellos. Por eso quisieron que me uniera a ellos”[9]. E en 1964 creou con Xaquín Lorenzo, Xocas, a Sociedade Filatélica Miño e será a socia número un. Deste xeito, convertíase na primeira muller formando parte dunha sociedade de filatelia[10].
Pilar estivo rodeada de selos, vitolas e moedas e montou numerosas coleccións. Contaba con sellos de España, Francia, Andorra o Guinea e, como non era de extrañar, a temática dos selos adoitaban estar relacionados co mundo da farmacia: bolboretas, plantas medicinais, orquídeas…
O traballo que desenvolveu no mundo da filatelia tivo a súa recompensa cando lle outorgaron a Medalla ao Mérito Filatélico do Ministerio de Fomento e que foi recoller a Madrid rodeada de afamados coleccionistas nacionais[11]. Na cidade tamén tivo as súas homenaxes e ol 17 de novembro de 2013 recibiu no Liceo de Ourense a Medalla de Ouro da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, de Ourense[12].
Pero Pilar tamén quixo renderlle unha grande homenaxe a Olga e levou a cabo a creación da Fundación Olga Gallego. Unha obra xenerosa que contribúe á difusión e protección dos arquivos e do patrominio fomentando estudos sobre arquivística.
Pilar Gallego faleceu o 8 de outubro de 2017 con 91 anos de idade. Era unha muller de carácter, alegre, dinámico e independente que sempre acadaba os seus propósitos.


[1] Pilar Gallego Domínguez foi proposta pola Sociedade Filatélica Numismática Miño de Ourense para darlle nome a unha rúa da nosa cidade.
[2] Rafael Salgado, “A familia Domínguez” https://ourensenotempo.blogspot.com/2010/11/familia-gallego-dominguez.html consultado o 7 de abril de 2020.
[3] La Región, 4 de abril 1911.
[4] El Correo gallego, 13 de novembro de 1946.
[5] “Pilar Gallego” http://www.fundacionolgagallego.gal/fundacion/pilar-gallego.htm?linguaxeId=es& consultado o 8 de abril de 2020.
[6] Ministerio de Industria, Boletín Oficial de la Propiedad Industrial (Madrid, Gráficas González, 1965) 266.
[7]Cándida Andaluz, “Mis dos grandes pasiones son el mundo de los sellos y la farmacia” https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/verin/2015/11/08/dos-grandes-pasiones-mundo-sellos-farmacia/0003_201511O8C12992.htm
[8] Idem.
[9] Idem.
[10] “Adios Pilar Gallego” https://sociedadmino.wordpress.com/tag/pilar-gallego/ consultado o 8 de abril de 2020.
[11] Idem.
[12] “Pilar García Gallego” http://www.fundacionolgagallego.gal/fundacion/pilar-gallego.htm?linguaxeId=es& consultado o 8 de abril de 2020. Foto: Dona Pilar recibindo a Medalla de Ouro da Sociedade de Filateria. Vid: Sociedad Filatélica