Etiquetas

23 marzo 2013

CONCEPCIÓN CORRAL SEQUEIROS

Concepción naceu en Ribadavia no ano 1900. Os seus pais tiveran 17 fillos pero, como era natural naqueles tempos, morreron nos primeiros anos de vida. 

Concepción trasládase a Vigo cando tiña 18 anos. Aos poucos anos casa polo civil con Enrique Blein Budiño, quen sería anos despois o primeiro alcalde da Segunda República. Mentras seu marido taballaba na ferretería que tiña na rúa Carral, Concepción dedicásese a atender aos 7 fillos. Co levantamento fascista, Blein é buscado e detido.

Mentres o seu marido era condenado a morte e agonizaba dun cancro terminal, detivérona, humillábana e expropiábanlle as propiedades da rúa Carral. 

Foi retida na prisión de Vigo, sen ningun tipo de xuízo dende setembro de 1936, ata marzo de 1937. Estaba inculpada por “Vexación á bandeira”, fora denunciada por outra muller vencellada o fascismo. 

Ao saír encontrose sen diñeiro e cunha familia numerosa. Foron nun principio os consules de Uruguai e os EEUU - amigos anteriores do seu marido- quen solidariamente achegábanlle paquetes con comida para alimentar á familia. 

Logo seria Julia unha das súas fillas a que comezaría a traballar na Farmacia de Rubira na rúa Colón, mantendo desta maneira á familia. Foi despedida do seu traballo dicíndolle “que alí non podía traballar a filla dun roxo".

Vid: Castro, A.Mª, A batalla das Mulleres Galegas, Trymar, Vigo, 2008.



17 marzo 2013

LEONOR BOSCOSSI Y TARK


Mestra de orixe francesa que chega a Trives a  finais do século XIX onde exercerá a súa profesión. Será a segunda muller de Pedro Ancochea Cónsul que era médico de profesión. 

Leonor era considerada unha mestra de grande cultura e exerceu na escola completa de Trives ata o 18 de xuño de 1899 ano en que xubilou por idade.

O matrimonio tivo dous fillos, Eudemino e Pedro. Un deles, Eudemino Ancochea Boscossi, home emprendedor, culto e grande amante de Galicia. Marchou de neno a Arxentina e foi un home de acreditada bondade e filantropía.
Desde moi novo afincouse na cidade de Córdoba e formou parte do personal da casa de comercio de Juan Antonio Gorzón. Foi o fundador e socio principal das casas de maioristas Ancochea, García e Compañía, J. Puigjané. Pero ademais das súas actividades empresariais despregou un grande labor social.  Fundou o Hospital Español na cidade de Córdoba de Arxentina inaugurado en 1927 e que contaba con dous pavillóns para os enfermos e salas de operacións. Eudemino surtiuno de medios para o seu funcionamento. Pero non esquecía a súa terra natal. Enviaba desde Arxentina cantidades de diñeiro todos os invernos para mantas e alimentos destinados ás familias que carecían de medios. Mandou construíu un lavadeiro para resgardar ás mulleres cando ían lavar, ensanchou o cemiterio, pero a súa grande obra foi a fundación, en 1924, do Colexio de Santa Leonor, que leva ese nome na honra da súa nai, dotándoo de rendas propias para custear a educación de centenares de nenos e nenas.  Foi, realmente, a refundación do centro dos Hermanos de las Escuelas Cristianas que se creara en 1908. Como este centro estaba en ciernes de pecharse, Eudomino fixo fronte á crise e evitou o peche da institución que tanto ben facía aos nenos e nenas da comarca de Trives. Aumentou o  número de clases e construíu un bonito edificio na avenida Santa Leonor de Trives.


Vid: García Sánchez, F., "A vida política en Trives do Sexenio á II República (1868-1939)" en Actas do III Congreso Manuel Luís Acuña, Ourense, Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, 2008, p. 46;"Deuda ineplazable", La Región, 14 de maio de 1925,. p. 11;  "A la memoria de Don Eumenio Ancochea", La Región, 8 de xullo de 1938, p. 2; "Don Eumenio Ancochea Boscossi", La Región, 21 de xullo de 1938, p. 2
Foto: Facebook. (2023). Facebook.com. https://www.facebook.com/concellodapobradetrives/photos/a.308056092717836/1615855081937924/?type=3; La Gaceta de Galicia, 18 de xuño de 1899, p. 1.

03 marzo 2013

MARÍA MARTINÓN TORRES

Ourensá licenciada e doutora en Mediciña pola Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do equipo de investigadores de Atapuerca e é responsable, tamén do grupo de Antropoloxía Dental do Centro Nacional sobre Investigación Humana. (CENIEH) cuxo director é José Bermúdez de Castro . Na súa tese apuntaba a seguinte hipótese: que a orixe dos homínidos europeos non era africano senón asiático. Esta afirmación supuxo un replanteamento da teoría ata agora defendida que era a de que o ser humano europeo e asiático procedían ambos os dous dos africanos. Chegou a esta conclusión tras estudar diversos fósiles de Asia e comparalos cos do mencionado xacemento, lugar no que se atopan o 95 por cento dos fósiles do Pleistoceno inferior e medio, e observar que se parecen máis entre si que aos africanos'.
Esta nova teoría está sendo revisada exhaustivamente por todo o equipo e non a atopan desenscamiñada. Se é así, podemos dicir que María Martinón fixo historia.
Publicou artigos especializados a nivel internacional sobre a paleobiología e paleopatología de homínidos e impartiu conferencias, participado en foros científicos ou participado en proxectos de investigación en países como EEUU, Brasil, Sudáfrica, Francia ou China. Dirixe ou dirixiu varias teses ou tesinas. Desde 2007, é responsable da liña de investigación en antropoloxía dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH, Burgos) e editora asociada do Journal of Human Evolution.
Vid: La Región
Fundación Barrié (información e Foto)

RUTH GARCÍA

Ruth García naceu en Ourense no ano 1976. É licenciada en Física e encamiñouse á Alemaña para realizar a súa Tese de doutoramento. Está especializada na óptica cuántica, un campo que descubriu mentres estudaba a carreira en Ourense  grazas ao catedrático Humberto Michinel. 
Na Universidade de Kaiserslautern tivo que formarse durante o primeiro ano para que a aceptasen e pasar moitas horas no laboratorio.
Tanto esforzo tivo a súa recompensa e ofrecéronlle unha praza no Instituto de Física de Mainz, onde imparte clases e lidera os seus propios proxectos de investigación dentro do departamento de Física Atómica e Molecular. Os seus traballos actuais céntranse na produción de fibras ópticas cun diámetro máis pequeno que a lonxitude de onda da luz para estudar a interacción entre esta e a materia. 
Nos seus experimentos utilizan moléculas que colocan dentro da fibra óptica ou atrapan ao redor dela átomos arrefriados con láser até alcanzar temperaturas moi próximas ao cero absoluto.

02 marzo 2013

MARISA CALVO

 Foi pioneira no teatro ourensá. Desenvolveu a súa actividade en grupos como Histrión 70 ou Valle Inclán. No Certame da Miteu de 2011 recibiu o premio de honra.
Vid: La Voz de Galicia

ANTOÑITA AMOR OUTEIRIÑO

Podemos considerar a Antoñita Amor como a muller que encabezou o grupo denominado As Margaritas en Ourense. Este grupo, xunto coa Sección Feminina de Falanxe, serán as protagnistas da mobilización feminina contrarrevolucionaria nos anos finais da Segunda Republica. 

Formaban este grupo mulleres que se converteron en canles de comunicación de Falanxe coa dirección nacional e as irmás, fillas e noivas dos militantes encadeados visitaban presos, recadaban auxilios e enfrontábanse aos "marxistas".

Casou en maio de 1938 con José Lamas Quesada, axente de investigación.

Vid: Prada, J. "O Activismo feminino conservador no primeiro terzo do século XX", en Prada, J. e Juana, J. de, (Dir.)As mulleres en Galicia no século XX,  Vigo, Ir Indo, 2011, pp. 108-109; El Ideal Gallego, 24 de marzo de 1938, p. 5