Etiquetas

27 marzo 2012

ANTONIA ORTÍZ CURRAIS

Antonia naceu en Corgo, Lugo, en 1886. Estudou maxisterio por libre na Escola Normal da Coruña e conseguiu o título de mestra superior. Isto permitíalle rexentar escolas completas e nas cidades. 

Realizou as oposicións entre 1907 e 1909 e tivo o seu primeiro destino na escola anexa á Escola Normal de Pontevedra en 1908. 

Preparou as oposicións para a inspección e chegou a ser a primeira muller en Galicia en conseguilo. Veu destinada a Ourense en 1920 sendo a primeira inspectora en Galicia. 

Tamén tivo unha estadía no estranxeiro para ampliar os estudos e profundou nas pedagoxías modernas. 

Exerceu sempre en Ourense como inspectora e tivo un grande recoñecemento na cidade. Xubilou en 1956.

Teño constancia que ela residía na Avenida de Zamora e de que faleceu en decembro de 1985, aos 99 anos, e está enterrada no Cemiterio de San Francisco da cidade de Ourense.


Para coñecer máis en profundidade a traxectoria desta muller ver enlace: Artigo de R.M.Cid Galante Revista Eduga

22 marzo 2012

DOLORES VILLAMARÍN OTERO

Dolores era a dona de Don Francismo Dopazo Rodríguez, Deputado provincial na corporación xestora que se fixo cargo da Deputación na etapa da Fronte Popular. Dolores foi detida en xuño de 1937 e estivo no cárcere de Bande, permañecendo alí case un ano. Os informes da Comisaría de Ourense facían referencia a ela como comunista extremista, que acudía ás manifestacións coa bandeira vermella, erguendo o puño e vestindo tamén de vermello.

Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en Juana López, J. e Prada Rodríguez, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX, Vigo, Ir Indo, 2011, páx. 183.

20 marzo 2012

DOLORES GONZÁLEZ BOUZAS

Naceu en Allariz o 1 de xaneiro de 1918. O seu pai era comerciante. No ano 1931 ingresou na facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, cando tiña 21 anos. Estudou pola opción oficial e licenciouse en 1944.

Colexiouse en Farmacia co número 94. Rexentou a farmacia en Allariz.


Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; Freire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p.230.
(Foto extraída de Freire Quintas).



18 marzo 2012

ANTONIA GONZÁLEZ ALBARDONEDO


Naceu en Nocelo, Castrelo do Val, o 16 de abril de 1923 no seu dunha familia de clase media. Seu pai era Antonio González Barros que era contratista de obras públicas e era natural de Lillo, León. A súa nai chamábase Rosalía Albardonedo Rey que era do pobo de Rojas en A Coruña. A familia residía en Santiago e tiñan seis fillos.

Antonia realizou estudos no Instituto de Santiago de xeito gratuíto por orfandade. Estudou polo plan de 1934 e obtivo o título en 1941.

En 1940 Antonia ingresou na carreira de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago onde realizou os catro cursos por oficial para licenciarse en 1944 sacando na reválida un Notable. Ditos estudos realizounos de xeito gratuíto pois súa nai presentou un escrito de solicitude argumentando que Antonia era orfa de pai.

Antonia presentouse aos exames de verificación de Maxisterio e pasou a exercer a profesión.
Antonia formaría parte da SEU da Sección Feminina de Santiago.

Casou con José Guillermo González Castro e residiron en Madrid. Antonia faleceu o 27 de setembro de 2016 á idade de 93 anos.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Vigo, Universidade de Vigo, 2011.

17 marzo 2012

MARIA DO CEO

A música e a vida de María do Ceo transcorren nas dúas beiras do río Miño. Nada en Porto, trasládase de pequena a Galicia, onde cultivou o xénero portugués por antonomasia, o fado.
Portuguesa de nacemento, María do Ceo chega a Ourense con sete anos e desde entón reside na cidade das Burgas. Entrou no mundo do fado da man do seu pai, fadista de profesión, que lle fixo sentir a profundidade desta expresión musical tan xenuinamente portuguesa.
María do Ceo empezou a cantar en 1988, pero non foi até 1995 cando se creou Alfama, grupo ao que vai unido desde entón o seu nome e que a acompaña en cada un dos seus concertos.
Vid: Caixa Galicia

MULLERES RESISTENTES AO FRANQUISMO

Neste apartado poderiamos citar a moitas mulleres. Como se observa, no blog hai mención de gran número de ourensás que se opuxeron ao franquismo e aparecen na etiqueta de represaliadas. Nesta entrada citaremos a un grupo de mulleres que foron parte activa na resistencia ao franquismo xa que participaron no corte dos postes de liña telegráfica situados na estrada e rexistraron os automóbiles que entraban e saían de Ourense pola estrada Villacastín-Vigo. 

Foron un grupo de mulleres que logo foron xulgadas polos tribunais de guerra: Rosa Fernández Lorenzo, Nila Fontaíña Freire, Isolina González Fernández, Javiera González Fernández, Elisa Gutierrez Lorenzo, Eusebia Iglesias Borrajo, Carmen Nóvoa Pereira, Josefa Pereira Gutiérrez, Veneranda Santos, María Sequeiros González e Josefa Tesouro Picouto.

Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, p. 175.

GLORIA ARIAS

Natural de Ourense. Participou activamente no corte de liñas telegráficas e telefónicas no Xardín do Posío o 20 de xullo de 1936 evitando así que se transmitisen instrucións por parte dos golpistas aos postos da Garda Civil e ás alcaldías da provincia.
Outro grupo de mulleres foron parte activa cortando postes de liña situados a carón da estrada, eran: Rosa Fernández Lorenzo, Nila Fontaíña.

Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, p. 175.



IRENE RODRÍGUEZ GARCÍA


Chamada polo alcume de "A Pasionaria de Ferreiros. Formou parte do grupo de mulleres raianas que tiveron un importante papel na supervivencia dos fuxidos. Foi trasladada á prisión de mulleres de Bande e Celanova.

Vid: Martíns Rodríguez, MºVictoria, "La represión franquista sobre as mulleres" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, páx.159.

TERESA NOVELLE RODRÍGUEZ

Teresa Novelle Rodríguez naceu en Ourense polo ano 1892. Foi a muller do militante comunista Aniceto San José e vivían en A Coruña. 

Rastrexando a hemeroteca comprobei que foi detida e perseguida pola policía por diferentes altercados contra a autoridade

Foi unha das mulleres que colaboraron nas redes clandestinas contra o franquismo que organizaban fuxidas polo mar. Cando tiña 48 foi xulgada en A Coruña por rebelión e foi condeada a 20 anos de prisión.

Vid: Martíns Rodríguez, MºVictoria, "La represión franquista sobre as mulleres" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011,páx. 159.