Etiquetas

28 marzo 2011

MARGARITA FÁBREGA COELLO

Naceu en Ourense no ano 1876. Foi unha das primeiras mulleres, xunto con Elisa Carnicero del Río, Rafaela Acacia, Remedios Nespereira...que se matriculou no Instituto Provincial.

Outra pioneira máis xa que se adentra nos estudos secundarios. 

Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres de Ourense, Galaxia, Vigo, 2010, p. 336.

26 marzo 2011

MARÍA DE LOS ÁNGELES LEIRÓS FERNÁNDEZ

Naceu en Redondela o 10 de abril de 1912. O seu pai era xefe de estación e e instalouse en Ourense. 

Era irmá de Eladio Leirós Fernandez, profesor e Catedrático de Filosofía do Instituto de Ensino Medio de Ponferrada e se Sara Leirós

Segundo consta no expediente académico consultado, Angeles fixo o exame de ingreso o 1 de xuño de 1925 no Instituto de Pontevedra estudou alí os dous primeiros cursos por libre. Ao trasladarse a familia a Ourense ela continúa os estudos no Instituto ourensán cursando os catro cursos por libre. Resultando que fixo o Bacharelato elemental e o Universitario, estudos que rematou en 1930.

Ao finalizalos solicitou o 31 de agosto de 1931 o título de bacharelato e un certificado para  Escola Normal. 

No ano 1931 consta no Libro de Posesións e Cesamentos do Instituto Provincial como axudante interina gratuíta de Letras. Acadou o título de Licenciada en Filosofía e Letras na sección de Historia. Vai formar parte do plantel de profesorado do Colexio Concepción Arenal de Ourense, centro que se agregaría logo ao Instituto.

Consta que impartíu clases de Historia e Lingua Española como axudante interina de Letras e encargada de curso no Instituto provincial durante os cursos 1937-38, 1946-47 e dende o curso do ano 1951 ata 1958.

(Fonte: La Región, 18 de agosto de 1935, p. 6. Galiciana)

No outubro de 1935 Ángeles adheriuse ao escrito enviado ao Colexio de Pontevedra, publicado en prensa El Pueblo gallego, 25 de outubro de 1935 na súa páxina 3, na que se dicía:

En la Secretaría del Colegio Oficial de Doctores y Licenciados en Ciencias y Filosofía y Letras de la Provincia de Pontevedra, se recibió una carta dirigida al señor decano, y que suscrita por el director del Centro de Estudios de Orense "Concepción Arenal" don Ruperto Martínez Trincado, literalmente dice:

Señor don José Posada Curros, decano del Colegio Oficial de Doctores y Licenciados, Pontevedra.  Muy Señor mío: En nombre de los Doctores y Licenciados que trabajan en este Centro, y en el mío propio reciba Vd. como decano de ese Colegio nuestra más entusiasta felicitación y enhorabuena, extensiva a los demás miembros de ese organismo, por la activa y bien orientada campaña en defensa de la enseñanza privada y en favor de los Doctores y Licenciados.

Ofrecemos a ese Colegio nuestra adhesión y apoyo y brindo a usted la idea, por si la estima aceptable, de fijar inquebrantable acuerdo los Doctores y Licenciados de Galicia para llevar a cabo una labor conjunta que nos conduzca al inmediato triunfo de nuestras legítimas aspiraciones. Los profesionales de Orense hemos cursado al ilustrísimo señor rector de la Universidad de Santiago y con motivo de la comunicación por él dirigida a los directores de los catorce Institutos de Galicia, disponiendo se hagan cumplir, juntamente col los Colegios de Doctores y Licenciados, y sin tolerancia alguna las disposiciones vigentes destinadas a proteger a los titulados facultativos del Estado y a combatir el intrusismo en la enseñanza privada el siguiente telegrama:

Enterados por Prensa expresiva comunicación dirigida Institutos gallegos reiterando haganse cumplir disposiciones vigentes sobre enseñanza privada expresamos a V.E. nuestro agradecimiento rogándole persista en su decisión de defensa títulos académicos evitando intrusismo enseñanza privada"

Dita misiva foi asinada, como se dixo, por Ángeles xunto con outras mulleres como María de los Ángeles Tobío Fernández, licenciada en Letras; Carmen Barros Anta, licenciada en Letras e Consuelo Castelao Bernárdez, licenciada en Ciencias. 

En outubro de 1935 foi nomeada encargada do Arquivo municipal de Ourense. Á praza concorriron dous  candidatos máis ademais de Ángeles, que eran Valeriano Ortega Alonso, María de los Ángeles Tobío pero por unanimidade foi Ángeles Leirós a escollida.

(Fonte: La Región, 26 de outubro de 1935, p. 6. Galiciana)

Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., "Los expedientes de las estudiantes de Bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" en Revista Historia de la Educación, 2007, nº 26. Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Galaxia, Vigo, p. 347; La Región, 21 de agosto de 1935. Tamén vid hemeroteca: El Eco de Santiago, 8 de maio de 1931, p.1.
Foto:  guillealvafer. (2022, January 13). El Colegio Cardenal Cisneros de Ourense entre 1954 y 1959 - 2a Ed Pages 101-150 - Flip PDF Download | FlipHTML5 | guillealvafer. Fliphtml5.com; guillealvafer. https://fliphtml5.com/rhwy/czfn/basic/101-150.

22 marzo 2011

MARÍA EXCLAVITUD ABAD AMEIJEIRAS

Naceu en Vilagarcía de Arousa o 3 de xullo de 1914, pero a súa familia que era comerciante, estivo afincada en Ourense, de aí que tanto María Exclavitud como Rosa, a súa irmá, estudasen no Instituto Provincial de Ourense. Estivo matriculada no Instituto durante dous cursos e logo solicitou traslado ao Instituto de Pontevedra onda acadou a titulación en 1930 con brillantes cualificacións.

No ano 1931 aparece rexistrada por oficial na facultade de Dereito de Santiago, sendo unha das poucas que escolle estes estudos, xa que o habitual era facer Filosofía ou Farmacia. Permanece seis cursos pero non os fai de forma consecutiva xa que fixo primeiro cinco cursos entre o ano 1931 ao 36 e o último ano faino entre 1938-39. En 1936 obtivo unha pensión de 1500 pesetas por parte da Fundación Figueiroa de Pontevedra. Licénciase en xuño de 1939. 

Casa en outubro de 1940 na igrexa de Santa Cruz de Lamas en Moraña co médico Elías Mareque Fariña.

Faleceu en Pontevedra en 2007, tiña 93 anos.

Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" en Revista Minius, nº XI, 2003. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; El Compostelano, 22 de outubro de 1940; El Correo gallego, 14 de agosto de 1955; Galicia nueva, 15 de xuño de 1929; El Ideal gallego, 28 de setembro de 1930; El Pueblo gallego, 14 de marzo de 1936.

20 marzo 2011

PAULA CARBALLIDO


Naceu en Murcia no 1979 pero está afincada en Ourense. Brillante nadadora que acadou records importantes. Medalla de ouro, 4x100 m. libres, Copa Latina de Guadalupe. 5º Posto, 4x200 m. libres, Campeonato de Europa de Estambul. 2000: 5º Puesto, 4x200 m. libres, Campeonato de Europa de Helsinki. Foi distinguida pola Federación coa medalla de Ouro por superar os cincuenta internacionalidades.

RAFAELA ROSA ACACIA RODRÍGUEZ

Naceu en San Eusebio de A Peroxa en 1868, era filla de nai solteira. Matricúlase no Instituto Provincial no ano 1892, cando tiña 24 anos e posteriormente trasládase ao Instituto de Pontevedra. 

Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Editorial Galaxia, Vigo, 2010, p. 336-338.

19 marzo 2011

MARÍA CONCEPCIÓN AÑEL REQUEJO

Naceu en Laza no ano 1874 e os seus pais eran labradores. Ingresa no Instituto Provincial de Ourense no ano 1911, cando tiña 37 anos, para cursar estudos de Maxisterio. Realiza tres cursos, un por libre e dous por oficial. Saca a cualificación de aprobado e solicita certificado de traslado á Escola Normal de Pontevedra. Vid: Cid Galante, Rosa M., Muller e educación en Ourense, 1900-1930, Tese inédita.

18 marzo 2011

CARMEN FREIJANES MALINGRE

Naceu en Ourense o 30 de xaneiro de 1909. Matriculouse no Instituto Provincial no ano 1922 cando tiña 13 anos. Realizou cinco cursos, un deles por libre e catro por oficial e obtivo o título de bacharelato en 1927 cunhas cualificacións notables. Solicitou certificado para a Escola Normal de Mestras de Ourense. 
Era irmá de Julio Freijanes Malingre, médico casado con Paz Parada Pumar.
Faleceu en 2007.

Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita.

17 marzo 2011

CÁNDIDA POMBAR E SOTO

Trátase da primeira muller que recibiu o Título Elemental de mestra en Ourense no ano 1882. Estudar na Escola Normal de Mestras de Ourense era unha saída satisfactoria para aquelas mulleres con afán de dedicarse a un traballo con carácter profesional. Este título habilitábaas para impartir docencia nas denominadas Escolas Elementais que eran máis básicas que as Escolas Superiores onde o mestre ou mestra debía ter o título Superior. 

Casou co industrial ourensán don Manuel Otero Guede e tería dúas fillas: Carmen e Elvira Otero Pombar. Don Manuel era moi aprezado na cidade e faleceu prontamente, no ano 1927.Cándida exerceu na escola de nenas de Cea no ano 1914 e en 1916 foi trasladada á escola de Sabariz en Rairiz de Veiga. En 1928 estivo destinada na escola de Gondulfo en Castrelo do Val e alí foi onde se xubilou, no ano 1932.
Faleceu no ano 1934.

(Elaboración propia. Vid:Bande Rodríguez, Enrique, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Vigo, Galaxia, 2010, p. 346.
Parte da biografía reconstruiuse empregando a hemeroteca.

15 marzo 2011

CELIA BOUZAS BARREIRO

Parte deste relato contoumo o fillo de Celia Bouzas, Manuel Peña Bouzas.

Celia Bouzas naceu o 21 de maio de 1891 en Viascón, Pontevedra, pero viviu en Ourense a maior parte da súa vida. Foi a presidenta do Grupo Feminino do Partido Galeguista e un referente histórico no compromiso polas mulleres e pola terra[1].

En Viascón, pasou a súa infancia, a súa adolescencia e coñeceu a Manuel Peña Rey, un estudante de medicina e fillo de Valentina Rey  (falecida en maio de 1936) e de Manuel Peña, co que casaría o 29 de xuño de 1912 e terían as dúas primeiras fillas, Esther e Marina[2]

En 1918, Manuel veu a exercer a Ourense e hospedouse no Hotel Miño da capital ourensá pero Celia e máis as nenas permanceron en Viascón. Un médico máis en Ourense era preciso xa que a cidade estaba ameazada pola epidemia da gripe. Manuel traballou arreo e gañouse a fama e a sona entre a xente da cidade. Isto deu lugar a que decidise quedar en Ourense, e foi entón cando viñeron Celia e as nenas, Esther con case seis anos e Mariña con catro. A súa chegada coincidiu coa inauguración da Ponte Nova, o 20 de xullo de 1918, que estaba iluminada con luces de gas e iso impresionou moito ás recén chegadas[3]. O matrimonio ficaría xa na cidade de Ourense e aquí aumentou a familia con tres fillos máis, Celia, María de los Ángeles e Manuel..

Tanto Manuel como Celia inculcaron aos seus fillos a necesidade de colaborar coa sociedade, eles xa eran un exemplo a seguir. As fillas maiores, Esther e Marina, dende unha idade adolescente comezaron a participar en eventos de carácter benéfico, como por exemplo, a Homenaxe á Vellez, que era unha exaltación e un recoñecemento ao traballo dos maiores, que se desenvolvía na rúa Paz Novoa e no que se daban discursos, recitais e interpretacións teatrais; tamén acudían ás cantinas escolares a ofrecer roupa e enseres para os nenos pobres da cidade.

Celia Bouzas foise integrando na vida ourensá e será un apoio importante para o seu home que abrira un sanatorio cirúrxico compartido co doutor José Mosquera e, uns anos máis adiante, inaugurou o seu propio sanatorio na rúa Vicente Pérez en 1931. Amais diso, era Director do Hospital Provincial e o Presidente do Colexio de Médicos da Ourense polo que o matrimonio gozaba de prestixio na cidade.

Pero Manuel Peña Rey ademais de ser un grande médico tamén foi un home de ampla cultura, un home moi preocupado polo recoñecemento de Galicia como país, motivo polo cal se adheriu ao grupo de intelectuais que conformaban o recén creado Partido Galeguista e ocupou en Ourense o cargo de Presidente da Asamblea Local no outubro de 1932.

O Partido Galeguista recoñecía a igualdade de dereitos políticos e civís para a muller, como así se indicou no artigo dous do Programa do Partido aprobado na I Asamblea celebrada no 5 e 6 de decembro de 1931[4]. Cando Peña Rey acudiu á II Asemblea nacional do partido, celebrada en Santiago de Compostela en decembro de 1932, chegouse a un acordo decisivo que era o de crear un grupo feminino do partido pois consideraban imprescindible o labor das mulleres no eido do galeguismo. As proclamas do Partido sobre a participación das mulleres nos obxectivos propostos dicían que elas traían unha aportación xenerosa e que eran a nova vida política do país. Seguro que unha das frases foi a que calou nas mulleres en xeral e en particular en Celia: “As nosas mulleres non poden esquecer o seu deber de axudar aos homes na mesma tarefa hestórica…”[5] Polo tanto, Celia identificouse con ese sentimento nacionalista chegando a comprometerse e implicarse no Partido en igualdade co seu home.

E no mes de setembro de 1933 fórmase o Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista encabezada por Celia Bouzas Barreiro. Deste xeito, ambos os dous, Celia e Manuel, formarían parte do Partido Galeguista, el como un dos seus principais militantes e ela como a Presidenta do grupo feminino ourensán, un cargo levado con orgullo. Tamén se comprometeron as fillas do matrimonio, Esther, Marina e Ángeles.

As mulleres galeguistas ourensás comezan a participar activamente nos asuntos do partido sendo acollidas con grande afecto, tamén nos eventos sociais como as homenaxes ao Partido, como pode verse na fotografía[6].




Na asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro de 1933 en Ourense para proclamar aos candidatos ás eleccións de novembro e que, por certo, duraría ata as sete da mañá, o grupo feminino foi recibido cunha grande ovación[7]. O grupo feminino do Partido, encabezadas por Celia, acudiu á III Asemblea Nacional que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada, número 24, que viña a ser a consulta do doutor Peña Rey. (logo esa rúa pasou a chamarse Alejandro Outeiriño).

Tamén celebraban ás xuntas propias que adoitaban ser na rúa Luís Espada, número 21 de Ourense onde abordaron asuntos da directiva, a conveniencia de participación en Asembleas, as propostas para levar…etc. Asistiron tamén á III Asemblea Nacional que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada número 24 e foron recibidas cunha intensa ovación e co respecto da concorrencia[8]. Na Asamblea tomou a palabra Mercedes Docampo e con contundencia dixo: “Si non triunfamos agora, deixaremos a semente que recollerán os nosos fillos n´unha Galicia millor”[9]. Acudiron á asemblea en Santiago no abril de 1935 e o acollemento non podía ser máis eloxioso: “N-este intre entra no salón unha numerosa excursión de Ourense ao frente da que veñem varias rapazas do grupo femenino ourensán. A asamblea ponse em pé e tribútalles unha longa ovación..”[10].



La Región, 1 de outubro de 1933

Celia, xunto con Mercedes Docampo, tiñan o cargo da presidencia e a secretaría respectivamente deste grupo de mulleres ourensás que comezaronn a divulgar a necesidade da querenza pola terra e por Galicia. Escribiron un dos manifestos máis destacados en prol do galeguismo e da muller. No manifesto expúñase a misión e o deber da muller galega de ser depositaria e gardiá da tradición. Este manifesto tivo grande transcendencia e repercusión en Galicia pois foi publicado tanto no periódico independente de Lalín, Razón, como en A Nosa Terra. Para o periódico Razón a calidade do texto merecíalle o seguinte exordio[11]:

Se oxe (sic) se levantara Napoleón, xa non podería decir como n´aquel tempo, que as mulleres solo sirven para remandalo-s calcetis; as mulleres d´oxe tanto figuran no foro, como nas letras, como nas crenzas, como nas artes; a muller d´oxe en día, tan pronto atende os traballos d´o fogar como se pon o frente d´un exército en defensa d´a Terra que a veu nacer; a muller d´oxe en día danos os homes un exemplo moi grande que non debemos votar no olvido.

Vede, senón, ese manifesto que un grupo de distinguidas mulleres ourensás, vos pon deante chamándovos a todal-as mulleres a unión. Fixádevos ven e cavilade un pouco, xa veredes como, acabando por convencervos d´a realidade, acabaredes por acudir o chamamento d´esas compañeiras vosas que merecen o respeto, a ademiración i-o recoñecemento de tod-os vos galegos”[12]

O manifesto publicado íntegro nos dous xornais dicía textualmente o seguinte:

Niste momento en que Galicia háchase (sic) máis necesitada que nunca de agarimo e de todos os esforzos dos seus fillos, pra defensa dos seus dereitos descoñecidos e feridos de toda sorte, coidamos que é cando a muller galega, chamada á vida púbrica (sic) por imperativos dos tempos que corre, e por a natureza ha ser no lugar a conservadora das tradicións dos nosos maiores e a educadora dos galegos de manan, debe coller decididamente o posto que lle corresponde.

Enrolándonos baixo da bandeira de Galicia, pra defendermos o que nos e mais achegado e mais querido imos aportar a nosa vontade o noso entusiasmo á obra dos que queren erguer a Patria galega á outura e dinidade de que é merecente. Non para misturarnos na política partidista nen con propósitos de escrusividade e de combate, senón co corrazón aberto e limpa intención, chamar á concordia e á unidade a todo-los fillos de Galiza para que, esquencendo por unha vez os motivos que os dividan veñan a colaborar na obra común, pol-a dinidade, pol-a prosperidade e pol-o bon goberno da nosa Terra. Porque como mulleres e como galegas máis que o poder impórtanos o espríto; e máis que a forza a boa vontade.


Coma mulleres e como galegas, a nosa misión ten que ser de paz e de afirmanza. En ben da nosa Terra, chamamos á concordia e á unión a tódolos fillos de Galicia, por unha obra de construcción e de vida, non pra unha laboura negativa e destructora.

A todolos fillos de Galiza, máis especialmente ás mulleres, a estas mulleres galegas de cuia abanegación, de cuio bon senso, de cuia xenerosidade tanto debemos fiar.

Chamamos ao voso corazón de fillas e de nais; pola lembranza dos autergos e polo porvir dos nosos fillos; pol-o noso fogar, pol-a nosa tradición, pol-a nosa cultura, pol-a nosa fala, pola nosa prosperidade coleitiva, pol-a limpeza política, pol-a paz social, vinde a nós.

Para todas, o noso saúdo cordial.

Ourense, 25 de Sant-Yago de 1933[13].

O manifesto estaba asinado polas mulleres ourensás que estaban moi ligadas ao ambiente cultural de cidade e participaban do desexo do recoñecemento de Galicia cunha cultura, fala, historia propia e, polo tanto, defendían o amor pola terra. Algunhas delas eran as mulleres de ilustres galeguistas: Josefina Bustamante de O.Pedrayo, Emilia Blanco de Monjardín, Milagros Rodríguez de Cuevillas, Celia Bouzas de Peña, Juana Somoza de G.Salgado, Isabel Algarra de Ramón, María del Socorro R.de Guede, María do Carmen Fernández de Risco, Mercedes do Campo, Felisa Mª Morais, María Teresa Cortón, Carmela Salgado, Catalina Cid, Manuela Ventura, Rosa do Campo, Carmen G. Rodríguez, Pura González, Marina Peña, Ester Peña, Maruja G. Quiroga, Victoria González Quiroga, Maruja G. Gándara.

O seu activismo mantívose no decorrer dos anos e os pasos no compromiso político eran cada vez máis avanzados invitando á participación das mulleres na organización nacionalista como o publicado en A Nosa Terra:

“Ás nosas irmáns galegas dirixímoslle un saúdo e ao mesmo tempo as animamos e rogamos que lean con amor ista carta e pensen un pouco nos seus párrafos.

Sabemos que son moitas as donas galegas que teñen falado da nosa decisión ao organizarse en Ourense un Grupo Femenino Galeguista e algunhas teñen loubado a nosa boa idea. ¿Por qué non vos xuntades, como nos o temos feito, se levades dentro ise acneio que sentimos as donas galegas de poder vivir n-unha (sic) Terra ceibe, que hoxe está enlixada pol-a ambición de xentes que non sinten coma nós, nin falan como nós, nin n-ela disfroitan como nós, porque a descoñocen e nos caloñan e persiguen sen nos escoitare? ¿Cecais teñen medo de que as convenzamos? Pode ser. Certamente, son un impedimento pr´as nosas arelas que son ben fidalgas e desinteresadas.

Por iso, ousamos dar iste paso coa seguranza de que non vos demoraredes en seguire o noso exemplo, formando un Grupo Femenino, e, podendo, con meirande número de afiliadas eiquí. Somos arredor de medio coento na cibdade e sabemos que se están organizando outros Grupos nos pobos da comarca.

¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo por Galicia, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos. Como se trata de traballar pol-a nosa Patria, podedes levar a frente ergueita e por elo sentiredevos orgullosos ao iual das vosas irmáns de Ourense. Adiante ¡TERRA A NOSA![14]

O impacto desta agrupación foi decisivo para que noutras partes de Galicia, outras mulleres crearan os seus propios grupos. Dese Coruña Elvira Bao de Varela sentiu esa chamada á unión das mulleres pola defensa da terra e para que contaran con ela para a prosperidade colectiva de Galicia.Di a carta publicada en A Nosta Terra :

Doña Celia Bouzas de Peña. Ao seu debido tempo, escoitei o voso chamamento para formar na ringleira das mulleres galegas, que temos a obriga de facer unha Galiza grande, rica e plena de libertade. Chamáchedes ao meu corazón de filla e de nai; pol-a lembranza sagra dos meus antergos e pol-o porvir dos meus fillos; pol-a nosa prosperidade colectiva, pol-a limpeza política, pol-a nosa fala e pol-a paz social. Ao voso chamamento púxenme en pé decindo. ¡presente!. Alédame escoitar a vosa voz en que fun educada na Irmandade da fala na Cruña fai uns 14 anos; vexo que a nosa semente non votada en valde. Pol-a grave doenza que padece a miña nai non tiven vagar para ofrendarvos antes de hoxe todo o meu entusiasmo galeguista; mais estiven de cote con vosco en espíritu. Contade, pois, conmigo en todo o que poida ser preciso, o agardando as vosas indicacións a seguir. Saúdavos con todo agarimo vosa irmán na causa. Elvira Bao Maceiras de Varela[15]

Coa chegada da ditadura, Manuel e Celia estaban no punto de mira das autoridades do novo réxime polas súas ideas galeguistas e republicanas e o matrimonio vai sentir a opresión e a represión. Manuel Peña Rey foi encarcerado en O Carballiño durante un tempo e Celia tivo que sacar adiante á familia sen apenas recursos xa que lle fora incautado o capital e tiña que pedir permiso ás autoridades para poder sacar cartos para dar comer aos seus fillos. Foron moi malos tempos pero Celia foi todo aguante e mantivo o tesón e a templanza suficiente para sacar aos seus fillos adiante. O castigo foi duro para a familia pois Manuel foi inhabilitado durante oito anos. Cando Manuel quedou libre volveu de novo ao traballo e, en 1940, abriu no Parque de San Lázaro un Sanatorio de Xinecoloxía e Obstetricia con dez habitacións individuais. O sanatorio ofrecía uns servizos con grandes adiantos e modernidades. O papel de Celia foi fundamental pois colleu as rendas da intendencia do Sanatorio e encargábase do bo funcionamento da cociña, de facer balance do material que facía falla, da hixiene do local, do persoal do sanatorio...todo en beneficio de ofrecer un servizo e a atención o máis adecuada posible para as mulleres. O matrimonio converteríase nun referente para todas as ourensás que precisaban o servizo de xinecoloxía e que ata entón non existía.

O sanatorio ofrecía uns servizos con grandes adiantos e modernidades. E durante este tempo, os fillos foron medrando e implicándose no galeguismo e algúns optaron polo camiño da medicina seguindo os pasos do pai. Esther fixo o bacharelato no Instituto Provincial e logo casou con Eduardo Rodríguez Cantero que veu a Ourense en 1934 como empregado do Banco Simeón e con quen tivo dous fillos. Esther faleceu dunha longa doenza o 28 de agosto de 1964 e está enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

Marina, despois de ter o título de bacharelato no Instituto Provincial, decidiu facer estudos de Farmacia e con vinte anos trasladouse á Residencia de Madrid onde coñeceu a Luís Fanjul, un médico republicano, co que casou. Durante a guerra Luís foi Tenente Coronel Médico do exército republicano e tiveron que separarse un tempo. Ao remate da guerra, en 1940 exiliáronse a México e fundaron un laboratorio xunto a Blas Cabrera. Permaneceron alí o resto da súa vida. Marina faleceu en México aos 83 anos.

De Celia e Ángeles temos menos información e o que se puido pescudar foi que Celia Peña Bouzas foi alumna do Colexio das Carmelitas e casou con Manuel Echegoyen Dibildos, un dos socios fundadores da Academia Médico-Cirúrxica de Ourense. Faleceu o 13 de maio de 2011. E Ángeles tamén fixo estudos no Colexio das Carmelitas e casou con Nicolás Martínez Álvarez que era funcionario do Corpo Técnico da Garda Civil e Xefe Provincial de Tráfico en Ourense. Participou nun acto de homenaxe ao seu pai, xunto co seu irmán Manuel, o 28 de novembro de 2015 e decubriron unha placa no lugar onde tivo o sanatorio.

Outro dos fillos, Manuel o máis novo, tamén decidiu facer a carreira de Medicina e terá unha traxectoria profesional moi destacable pois a pegada do seu pai quedou firmemente gravada. Será un home con ideas moi arraigadas de xustiza social e un militante activo que ocupou o cargo de Secretario do Partido Comunista de Galicia.

Celia continuou implicada na xestión do Sanatorio xunto con Manuel ata que, lamentablemente, este faleceu o 30 de abril do ano 1957. A partir de entón Celia Bouzas axudaría na crianza dos netos e continuou mantendo as súas relacións sociais e de amizade coas mulleres que estiveran no Grupo Feminino do Partido Galeguista.

Celia Bouzas, faleceu, o 2 de agosto de 1989, cando tiña 98 anos, e está enterrada no panteón familiar no Cemiterio de San Francisco de Ourense (concretamente atópase dito pantenón segundo a dixitalización do Concello de Ourense no punto siñalado para Peña Rey como nº 30).


La Región, 3 de agosto de 1989.
______

[1] O dato de nacemento de Celia foime facilitado polo seu fillo con quen mantiven unha pequena charla telefónica. Segundo me dixo aínda conserva o carnet de identidade da súa nai. Así mesmo, tamén me contou trazos da vida dos seus pais.
[2] Progreso, 30 de xuño de 1912.
[3] Este dato anecdótico narroumo don Manuel.
[4] A Nosa Terra, 24 de xuño de 1933, p.7.
[5] “Manifesto” en Partido Galeguista. Documentos e I e II Asambreia 1931-1932, citado por Noa Rios Bergantinhos, A mulher no nacionalismo galego (1900-1936) Ideología e realidade, (Santiago de Compostela, Laiovento, 2001) p. 45.
[6] A fotografía amosa unha comida que se fixo de confraternización dos membros do partido celebrada en 1933 e nela vemos sentados no quinto lugar comezando pola esquerda a dona Esther Peña Bouzas e no sétimo a don Manuel Peña Rey. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:16-6-1933,_Hotel_Mi%C3%B1o,_Ourense,_VRisco_RIllaCouto_LeuterGonz%C3%A1lez_%C3%81Cunqueiro_EDocet_MLu%C3%ADsAcu%C3%B1a_OPedrayo_BlancoAmor_XLRamosColem%C3%A1n_RV%C3%A1zquezMonxard%C3%ADn_AV%C3%A1zquezMonxard%C3%ADn_MPe%C3%B1aRei_Xos%C3%A9Goyanes....jpg
[7] “Partido Galleguista”, La Región, 24 de outubro de 1933.
[8] La Región, 11 de xaneiro de 1934.
[9] III Asamblea, El Pueblo Gallego, 17 de xaneiro de 1934.
[10] IV Assembleia do Partido Galeguista”, A Nosa Terra, 28 de xaneiro de 1934, p. 1.
[11] Rosa María Cid Galante, “O grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936”, Minius, 14 (2006:66-67)
[12] “As mulleres galegas”, Razón, Periódico independiente, Lalín, nº 2, 3-Agosto-1933 en, Mª Xosé Rodríguez Galdo (coord.), Textos para a Historia das mulleres en Galicia, (Santiago, Consello da Cultura Galega, 1999, not. 24), pp. 575-576.
[13] “Exemplos”, A Nosa Terra, 6 de agosto de 1933, pp. 1-2.
[14] “Un chamamento ás mulleres galegas”, A Nosa Terra, 22-9-1934, p. 2.
[15] A Nosa Terra, 9 de outubro de 1933, p. 4.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Cid Galante, Rosa María, “O grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936”, Minius, 14 (2006): 57-72.
Prada Rodríguez, Xulio, “Manuel Peña Rey, un nacionalista no punto de mira dos rebeldes”, Revista Grial, 187 (2010) 60-67.
Rios Bergantinhos, Noa, A mulher no nacionalismo galego (1900-1936) Ideología e realidade, Santiago de Compostela, Laiovento, 2001.
Rodríguez Galgo, Mª Xosé, Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago, Consello da Cultura Galega, 1999.
Foto: A foto foi cedida polo fillo de Celia Bouzas, Don Manuel Peña Bouzas

Rexistro da propiedade intelectual

14 marzo 2011

MERCEDES DO CAMPO DE LA FUENTE

(Nota da autora: tras haber dedicado moitos anos  a investigar sobre Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente, para esta entrada remito á publicación que fixen en 2022 titulada "Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente. Mestras e comprometidas co galeguismo" publicado pola Deputación Provincial) 

Mercedes era a Secretaria do Grupo Femenino de Ourense do Partido Galeguista. Xunto con Celia Bouzas, que era a presidenta, e máis un grupo de insignes mulleres ourensás levaron a cabo un feito inédito en Ourense e Galicia como foi a organización das mulleres para a defensa de Galicia, da súa lingua e cultura.
Mercedes do Campo convertirase na cara visible do grupo participando en numerosos actos do Partido Galeguista e pronunciando discursos cheos de intensidade.

Intervén na III Asamblea do Partido Galeguista celebrada en 1934 en Ourense cunhas palabras nas que fai unha apoloxía do galeguismo: "Os seus resultados é posibel que non sexan vistos por nós. Vivirannos os nosos fillos, as xeracións que veñen, as que temos a obriga de legarllos, coma o mellor herdo, unha Patria nova e ceibe, pra que benizan os nosos nomes, como nos bendecimos os nomes dos nosos Precursores. Pra esa laboura transcendente, nós, as mulleres, conscentes do noso deber, presetamos lediciosamente, o noso esforzo" (A Nosa Terra, 28 de febreiro de 1934)

Foi unha muller que demostrou a súa fortaleza na defensa da Patria e cuns discursos que en nada desmerecen dos grandes oradores do Partido, Castelao, Pedrayo, Bóveda...
No día celebrado da Patria Galega, Mercedes interveu en varias ocasións deixando palabras memorables:

DÍA DE GALICIA

"Vintecinco de Xulio. Día de Sant-iago, día de recordos grandes para a nosa Terra. Hoxe toda Galicia ferve de xúbilo ante a fermosa Festa de Santo Patrón, en todo-los preitos resoa a ledicia das meigas e doces cantigas dos nosos pais, a natureza vístese coas millores galas para festexar o Día Grande, nos beizos dos bós galegos bailan, o sentir a dozura da nosa gaita, as surrisas máis feiticeiras. N-este día todos nós debemos botar unha ollada as nosas conciencias e ver si como galegos cumprimos coa obriga que temos pra unha nai tan garimosa doce, como é Galicia. Eu coido que temos moito que chorar ao ver como deixamos que os nemigos d-ela, entre eles moitos fillos, a aldraxen, a pisoteen e vaian apretando cada vez máis ao redor da súa gorxa as cadeas con que a queren afogar. Si todol-os galegos quixeran decatarse da situación angustiosa en que se atopa Galicia, hoxe, no Día Grande como un soio home xurarían loitar por ela con todal-as forzas deica rachar esas cadeas, e que d-esa loita xurda unha Galicia libre de aldraxes e da cal serán respectados todol-os seus dereitos. Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA É NOSA".

¡VIVA GALICIA CEIBE! Xullo de 1935. 


 Ten outro escrito interesante sobre a nova revista GUIEIRO.
ARENGA "Teño ante os meus ollos o novo xornal das Mocedades Nacionalistas "Guieiro". O meu corazón relouca de ledicia e o meu peito énchese de gozo ao ler estas páxinas cheas de fogo e coraxe; ao ver a nova xeneración galega disposta a loitar deica verter o seu sangue, ese sangue que ferve n-uns corpos fortes e variles, pol-a redención da Terra de Breogán. Máis ante esa nova xeneración, que non se contenta coa protesta pasiva dos nosos pais, eu pregúntome, ¿cal é a aititude d-eses pais que trouxeron ao mundo esa nova xeneración diante da rebeldía d-ela?¿Non sairán á rúa para loitar cos seus fillos, para morrer con eles ou para sair d-esa loita libres de escravitude a que estamos sometidos? Nai galega: Prepárase unha gran loita e tí tés unha arma moi poderosa para evitar que o sangue dos teus fillos vértase en loita sanguiñenta sobor da nosa Terra, sobor da nosa Nai tan querida e tan aldraxada. Esa arma é o teu voto. Tén conciencia dos teus deberes de nai e de muller galega e cando vaias as furnas vota por aqueles homes que poidan limpar a nosa Terra de extranxeiros e rachar as pesadas cadeas da nosa escravitude. ¡Ánimo mozos galegos! Como o vello do conto, dádelle forte ao centralismo hasta que fenda".

Ourense, Novembro de 1935. 

 Vid: A Nosa Terra, 25-7-1933. A Nosa Terra, nº 374, 13-7.1935 A Nosa Terra, nº 291, 22-11-1935.

13 marzo 2011

MARINA GONZÁLEZ HERMIDA

Naceu o 25 de febreiro de 1904 en Bande. En 1927, cando tiña 24 anos, matricúlase na Facultade de Medicina en Santiago para estudar a especializade de matrona. Como sabemos, os cursos de matrona comprendían dous cursos e ela realízaos con brillantes cualificacións. En 1929 tiña o título de matrona coa cualificación de sobresaliente.

 Para a  regulación dos estudos de matrona ditouse a  Real cédula o 10 de decembro de 1828, e de forma máis exhaustiva, a do 21 de novembro de 1861 onde se regulou o ensino de practicantes e matronas. 

 Para realizar esta especialidade requiríanse unha serie de condicións: ter cumpridos 20 anos, ser casada ou viúva, ter cursado a primeira ensinanza elemental completa e ter aprobado as disciplinas seguintes: obstetricia, fenómenos do parto e sobreparto naturais e os laboriosos, regras para asistir ás parturientes e paridas e aos nenos, primeiros e urxentes auxilios e maneira de administrar auga. 

Os estudos e prácticas efectuaríanse a porta pechada e en horas distintas dos practicantes. Dita sección autorizouse en Madrid, Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid. O RD de 10 de agosto de 1904 no seu artigo 13 dicía que para facer a inscrición no primeiro curso de matronas esixíanse estes requisitos: primeiro, ser maior de idade; segundo, certificado de aprobación nunha Escola Normal de mestras, da ensinanza primaria superior; terceiro, autorización do home se fora casada.

Vid: Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Revista Minius; ORTIZ GÓMEZ, Teresa, “De matrona a matrona: Francisca Iracheta y la divulgación de la ciencia obstétrica en España en 1870”, en Arenal, nº 1, vol. 6, pp. 183-195

12 marzo 2011

ELISA LAMAS AVIÑOÁ

Co título Superior de Mestra, Elisa solicita, en 1902, a apertura dunha escola de primeira ensinanza na Rúa Liberdade nº 23 da capital de Ourense. Nun momento, a comezos de século, no que a infraestrutura educativa pública era precaria, as escolas privadas viñan a cumprimentar esa deficiencia. Os pasos para abrir unha escola non eran doados, había que solicitar permisos diversos ao Director do Instituto Provincial quen requeriría as inspeccións oportunas sobre o local (dende o punto de vista sanitario), materias a impartir, libros, moralidade do profesorado (certificado de boa conduta) etc... Vid: Cid Galante, R. Benso Calvo, C. "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX" Revista Sarmiento, nº 8, 2004, pp. 43-77.

11 marzo 2011

ROSARIO BORRAS BEURLIU

Era licenciada en Ciencas Exactas, título que acadou en Madrid no ano 1880. Foi profesora no colexio de Ribadavia e tomou posesión de profesora no Instituto Provincial no ano 1902. 

Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005)", Galaxia, Vigo, 2010, p. 347.

09 marzo 2011

VICTORIA MARTÍNEZ VILLERGAS

Creada a Escola Normal de Mestras en Ourense despois de moitos e longos procesos en 1879 e que estaría no Ex-convento de Santo Domingo, Dona Victoria Martínez será nomeada Directora da mesma en 1892 ata que esta institución foi suprimeida en 1898. O nomeamento foi decidido no Pleno Corporativo da Deputación Provincial en 1892. 
Era a filla do poeta satírico Martínez Villergas e sogra do avogado do Estado galego Don Xulio Alonso Cuevillas, o tío de Florentino López Cuevillas. Foi nomeada por Real Orden directora interina da Escola Normal de Mestras de Ourense en maio de 1891 cun soldo anual de 2000 pesetas e unha gratificación de 125[1]. Era unha muller de ampla formación e de notable consideración, exemplo diso, é que formou parte da Asemblea Pedagóxica celebrada en Pontevedra en agosto de 1894 na que tivo unha interesante disertación sobre as capacidades das mulleres na que, se ben dá valor á educación e formación da muller, faino desde un plano conservador e tradicional. 
No discurso fai unha defensa do traballo manual na ensinanza pois iso posibilita unha destrezas para as nenas de todas as condicións sociais que ao longo prazo permiten sacarlle proveito. As máis humildes poden empregar esas aprendizaxes para poder realizar por si mesmas as roupas das familia e as máis ricas para evitar o tempo dilatado de ocio que adoitan ter. Quere deixar claro que defende e que cre na capacidade intelectual da muller igual á do home, non obstante, segundo ela, a actividade intelectual da muller non debe estar destinada aos mesmos traballos do home. Por tal motivo, considera que é preciso defender os traballos manuais e os labores de costura nas escolas de nenas, e as mestras deben procurar a maior pulcritude na súa ensinanza:

Iltmos. Sres., distinguidos compañeros:

Me atrevo á esperar, que pues no molesto vuestra atención á impusos de mi propia voluntad sino obedeciendo á impulsos de nuestro Jefe y dignísimo Presidente, habreis de dispensarme duplicada vuestra habitual benevolencia, que bien la necesitará mi incorrecto resúmen por su absoluta carencia de mérito.

Las jóvenes profesoras que han desarrollado el tercer tema del programa, han demostrado poseer un caudal de conocimientos y de observación muy superior a sus cortos años, y por su amor al estudio y el éxito con que á él se dedican, son acreedoras á mi más cordial felicitación.

La señorita que disertó en primer lugar, dijo que el trabajo manual es educativo, útil y moral; enumeró las dos tendencias que se han combatido durante estos últimos años, una pretendiendo que la mujer no necesita saber más que la religión y las labores, y la otra, por el contrario, abogando porque la educación de la mujer sea exactamente igual á la del hombre y proscribiendo de ella las labores; hizo la clasificación de éstas, censuró á las maestras que enseñan labores de adorno en las escuelas elementales, por lo durante las horas de lcase, y manifestó que deben enseñarse por el método imitativo teórico-práctico…

Las señoritas que disertaron á continuación se expresaron en términos muy semejantes y, non encontrando discrepancia algunha en los puntos esenciais á que se contraen los trabajos, no creo necesario ocupar vuestra fatigada atención con el examen detenido de cada una de ellas.

Es, indudable, el trabajo manual un gran auxiliar pedagógico, puesto que la pedagogía, al mismo tiempo que la higiene, nos enseñan que á un trabajo que exija de las niñas un esfuerzo intelectual relativa grande, dada su tierna edad, debe suceder otro que por ser puramente mecánico, deje en reposo las facultades que han estado en actividade.

Presta grandes servicios en la escuela el trabajo manual como medio educativo para el perfeccionamiento de la educación de los sentidos, principalmente el de la vista, pues la constante comparación de las distancias, de la dirección de las líneas, de la sombra y el claroscuro, de los colores y sus diversos matices, procurar al órgano de la visión una delicadeza muy notable, y á nadie se oculta su valor como medio para conseguir la educación estética de las niñas.

Como enseñanza de utilidad, el trabajo manual es indispensable en las escuelas, porque muchas niñas ( y eto sucede en las poblaciones de corto vecindario) no encuentran después de salir de la escuela donde adquirir esos conocimientos, y muchas veces las pobres aldeanas se ven precisadas a dedicarse a rudos trabajos para ganar una corta cantidad con que pagar la hechura de los vestidos de su esposo y de sus hijos.

El trabajo manual defiende a las jóvenes del ocio, procurando á las clases humildes medios de mejorar su situación y la de sus familias y dándoles un escudo contra las asechanzas de la maldad; a las clases medias y ricas les presta recursos para evitar el aburrimiento sin acudir á la lectura de novelas no siempre morales…

No quiere decir esto que yo conceptúe á la mujer incapaz para los trabajos mentales. Lejos de eso. Creo la capacidad intelectual de la mujer igual á la del hombre, y si en esto hay inmodestia por ella pido perdón á la asamblea; pero destinados el hombre y la mujer a girar en distintas órbitas, no debe ésta dedicar su actividad intelectual á los mismos trabajos que aquél.

1º.-El trabajo manual es necesario é insustituible en las escuelas de niñas como auxiliar pedagógico y como enseñanza de inmediata utilidad.

2º.-En las escuelas elementales deben enseñarse principalmente las labores de utilidad como corte y confección de toda clase de prendas…

3º.-Teniendo presente el sentido educativo que debe darse á esta enseñanza, procurará la maestra obtener la mayor pulcritud y esmero en los trabajos que ejecuten las niñas y la posible corrección, belleza y gusto en los modelos que elija…[2].

Estivo pouco no cargo xa que Dona Victoria faleceu o 24 de maio de 1896 despois dunha longa enfermidade o que provocou unha grande conmoción na sociedade ourensá:

La muerte de la señora Martínez Villergas ha sido profundamente sentida en nuestra ciudad, donde tantas simpatías contaba, y más aún por sus discípulas, a quienes trataba, no como maestra sino como madre cariñosa…Doña Victoria Martínez Villergas, ilustrada y digna directora de la Escuela Normal de Maestras”. [3]

 


[1] Vid: Rosa María Cid Galante, "Orixes da Escola Normal de Mestras de Ourense", Revista Minius, nº 15, 2007, pp. 33-47; A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970)a súa orixe e os seus emprazamentos; Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2013;; Gaceta de Galicia, Num. 118, 30 de maio 1891; [2] “Asamblea Pedagógica”, Crónica de la asamblea pedagógica y exposición escolar, nº 10, 25 agosto 1894, pp.1-2.[3] El Magisterio gallego: Revista de instrucción primaria: Num. 586, 25, maio de 1896, p. 2.
(Extracto dun estudo sobre as mestras ourensás que está a elaborarse para unha publicación).

08 marzo 2011

MARÍA REMEDIOS NESPEREIRA QUEVEDO

Naceu en Ourense en 1875 e era filla de Antonio Nespereira Lorenzo, natural de Pereiro de Aguiar (Vilariño) e de María Josefa Quevedo, dun pobo de A Peroxa. 

María Remedios residía na rúa do Instituto nº 46. No ano 1894, cando tiña 18 anos, solicitou matricularse por libre no Instituto e fixo o exame de ingreso. 

Logo revisando noutras fontes foise localizando a esta muller e nun Boletín da provincia de A Coruña de 1905 consta na lista de mestras aspirantes a escola. Outro dato atopado é que en 1918 foi destinada á escola de Calvelle. 

Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 338. Vid: El Correo de Galicia, 28 de maio de 1918, p. 1.

07 marzo 2011

CARMEN CID RUMBAO

Naceu en Allariz o 8 de marzo de 1911. Carmen era filla dun comerciante (seu pai tiña unha droguería) e ingresou no Instituto Provincial no curso 1922, cando tiña 11 anos. Estivo matriculada desde 1922 ata 1926 e realizou os cursos pola opción libre. O 24 de outubro de 1926 expide o título de bacharelato e solicitou un Certificado para trasladarse á Escola Normal de Mestras titulando en maxisterio. Realizou os exames do grao profesional de maxisterio en xuño de 1934. En 1942 estaba de mestra interina en A Veiga.
O dous de outubro de 1946 tomou posesión do cargo de directora da Escola Fogar do Instituto de Ensino Medio, cargo que desempeñaba aínda en 1952. Formou parte de numerosos tribunais de oposición de maxisterio. Tamén era integrante da Sección Feminina de Ourense.
Faleceu o 8 de decembro de 2012 cando tiña 101 anos.

Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470. Bande, E, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 229.