Etiquetas

30 enero 2011

MARÍA DEL ROCÍO BLANCA AREÁN ÁLVAREZ

Rocío Areán naceu o 16 de agosto de 1908 e Ourense, na rúa Trives número 11. Era filla de Sebastián Areán García natural de Ourense e de profesión procurador e de Isabel Álvarez.  O matrimonio tivo catro fillos que eran Rocío, Isabel, Mercedes e Amadeo.

Rocío realizou o exame de ingreso no Instituto ourensán o 20 de setembro de 1920.Estivo matriculada no centro por libre desde 1920 ata 1925 e expedíndoselle o título de bacharelato.

Solicitou a certificación para matricualrse na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela e faino en 1926.  Finalizou a carreira en 1931 cunhas cualificacións sobresalientes con catro matrículas de honra.

De alí a pouco, no ano 1935 entrou a formar parte do claustro do centro de estudos Concepción Arenal, xa integrado ao Instituto Nacional de 2º ensinanza, impartindo Lingua e Literatura castelá nos estudos secundarios. Aquí tería de compañeiras a Celia Casar Olavarrieta e a Ángeles Leirós Fernández.

Do centro Concepción Arenal fusionado co internado Rivero xurdiu o Colexio Cardeal Cisneros na rúa Barreira. Rocío exerceu no mesmo impartindo Lengua e Literatura. Viviu entregada á docencia pero faleceu en setembro de 1961 cando tiña tan só 58 anos.


Vid: CID GALANTE, R., “As primeiras ourensás…”, Op.cit.; Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Galaxia, Vigo, p. 347; “De exámenes”, La Región, 7 de xuño de 1931, p. 1; “Centro de Estudios Concepción Arenal”, 18 de agosto de 1935, p. 6; El pueblo gallego, 13 de setembro de 1961, p. 13; “Colegio Cardenal Cisneros”, 25 de agosto de 1959, p. 3, La Región, 10 de setembro de 1963, p. 12. Foto: guillealvafer. (2019, October 6). El Colegio Cardenal Cisneros de Ourense entre 1954 y 1959 - Páginas de Flipbook 1-50 | FlipHTML5 | guillealvafer. Fliphtml5.com; guillealvafer. https://fliphtml5.com/rhwy/sbyu/basic (consultado o 11 de xuño de 2023). Consulta de Expediente no A.H.U.S.


OBDULIA DÍAZ a "AVOA OBDULIA"

Obdulia Díaz está presente estes días na prensa e a razón é ben meritoria pois esta ourensá tivo ao seu coidado, durante a postguerra, a uns douscentos nenos fillos de prostitutas. 

Naceu en 1907 e vivía na zona vella de Ourense, no denominado barrio chino entre a Rúa de Colón e a de Villar e a de Pelayo e a Barrera, concretamente na rúa de Cervantes, lindando coa de Pelayo. Era unha casa vella, moi vella cunhas escaleiras gastadas. Noutro piso da mesma casa vivía a súa filla.

Obdulia era viúva, e acollía aos nenos na súa casa traballando arreo para sacalos adiante. Eran nenos e nenas que non podían ser coidados polas súas nais, como ela dixo: "Cuido chicos de madres que no pueden atenderlos por sus ocupaciones...Yo siempre fui muy niñera y siempre me gustaron, a pesar de que tengo tres hijos y bastantes nietos..."

Chegou a ter baixo o seu coidado diario ata doce nenos a un tempo. Facíase cargo deles ao nacer e coidábaos ata que as súas nais viñan a recollelos. Chegou a ter mozos maiores que estaban estudando pois Obdulia, ademais de mantelos, tamén procuraban que estudaran, preocupábase da súa educación.

(Fonte: La Región, 19 de setembro de 1970, p. 5)

Realmente non cobraba por atendelos, mantíñase da achega mensual dalgunha das nais pero non ía sobrada e tiña que facer esforzos para alimentalos, mercarlle zapatos, vestilos... Basicamente era un labor altruísta e gratuíto.

Coa aportación que lle podían facer algunha das nais máis a colaboración doutras persoas como o doutor Gallego, o Padre Silva, a dona da librería Padre Feijóo, o da farmacia Bayón e María del Río que dirixía o Patronato do Enfermo Pobre  puido sacar adiante a estes nenos que a denominan "avoa Obdulia" aínda que moitos  chamábana "mamá".

Contou coa colaboración da súa filla Lola Nóvoa. Agora teñen unha merecida escultura de Manuel Penín na cidade que as lembra as dúas.


A fotografía foi cedida polo meu xeneroso amigo Rafa Salgado que xestiona o blog marabilloso de http://www.ourensenotempo.blogspot.com/


Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: El País "Ourense descubre a una heroína", 29 de xaneiro, 2011. La Región "Una escultura recuerda la solidaridad de dos orensanas", 29 de xaneiro, 2011.Foto da entrada: Foto Reza, La Región, 19 de setembro de 1970, p. 5.


21 enero 2011

MÓNICA FUENTEFRÍA


Mónica Fuentefría é unha violinista ourensá e venezolana. Ela veu á Ourense aos 11 anos e xa comezou no conservatorio. Logo trasladouse a Madrid licenciándose en Torono, Canadá. Colaborou con diferentes artisas e actualmente está no grupo de folk Finis Terrae en Madrid.

MARÍA ANCOCHEA CIBEIRA

Outra das nosas mulleres pioneiras na universidade foi María Ancoechea. Naceu en Trives o 27 de abril de 1916. Era filla de Eumenio Ancochea Boscossi e de María Cibeira e neta de Leonor Boscossi Tark, procedente de Francia e que en Trives sería a mestra da escola completa de nenas. Ademais María era curmá segunda de Araceli Ancochea Roldán.

Toda a familia Ancochea era apreciadísima en Trives pois foi moi considerada cos habitantes da comarca. En especial, Eudemino Ancochea Boscossi home emprendedor e culto pero tiña unha acreditada bondade e filantropía.

Desde moi novo afincouse na cidade de Córdoba de Arxentina e formou parte do personal da casa de comercio de Juan Antonio Gorzón. Foi o fundador e socio principal das casas de maioristas Ancochea, García e Compañía, J. Puigjané. Pero ademais das súas actividades empresariais despregou un grande labor social.  En Arxentina residiu varios anos o fundou o Hospital Español na cidade de Córdoba. Foi vicepresidente desde outubro de 1920 ata setembro de 1931 que foi nomeado presidente. Eudemino surtiuno de medios para o seu funcionamento. Enviaba desde alí cantidades de diñeiro todos os invernos para mantas e alimentos destinados ás familias que carecían de medios. Mandou construíu un lavadeiro para resgardar ás mulleres cando ían lavar, ensanchou o cemiterio, pero a súa grande obra foi a fundación do Colexio en 1908 rexentado polos Hermnos de las Escuelas Cristianas e, posteriormente, en 1924, construiu un novo edificio docente que levaría o nome de Santa Leonor en horna da súa nai.

María realizou o exame de ingreso no Instituto ourensán o 28 de setembro de 1928 e matriculouse nun curso e continuou os estudos en Madrid. Acadou o título de bacharelato en 1933 no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid conforme ao RD. do 10 de marzo de 1917.

No ano 1933 ingresou na Facultade de Farmacia de Madrid e estivo matriculada ata o ano 1936 inscribíndose en materias soltas. No ano 1939 continuou os estudos na Facultade de Santiago e estudou de forma oficial licenciándose no ano 1941[1]

Por suposto, tanto esforzo non ía quedar baldío e comezou a exercer como farmacéutica. En efecto, situou a súa farmacia na Rúa, rexentándoa ata 1956, ano no que traspasou a farmacia[2].


[1] A.H.U.S, Expedientes personais, Cartapacio 57. Exp. 6.[2] Vid: CID GALANTE, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pp. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pp. 139-156;  FREIRE QUINTAS, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p., 182. (Foto extraída de Freire Quintas); ;"Deuda ineplazable", La Región, 14 de maio de 1925,. p. 11;  "A la memoria de Don Eumenio Ancochea", La Región, 8 de xullo de 1938, p. 2; "Don Eumenio Ancochea Boscossi", La Región, 21 de xullo de 1938, p. 2; La Noche, 1 de agosto de 1956, p. 9.

10 enero 2011

REMEDIOS ÁLVAREZ ÁLVAREZ

Naceu en Trado o 28 de maio de 1907 o seu pai era médico, José Álvarez Puga, e a súa nai chamábase Isolina Álvarez. Tamén, como as súas irmás, Isolina e Emilia, cursa estudos no Instituto Provincial de Ourense para trasladarse ao Instituto de Santiago. Logo, en 1926, ingresa na Facultade de Filosofía e Letras onde se licencia con excelentes cualificacións, obtendo a Matrícula de Honra.

Casou co Decano e Catedrático da Facultade de Filosofía e Letras, Abelardo Moralejo Laso, un home de recoñecido prestixio en Santiago. Un profesor erudito e asiduo conferenciante. Os seus fillos Serafín e Luís tamén foron profesores da Universidade e referentes na investigación e na docencia. (A autora deste blog tivo a honra de ser alumna de Serafín Moralejo).

(Fonte: Vida Gallega, 1 de agosto de 1916. Galiciana)

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; El Correo gallego 25 de abril de 1943. https://es.wikipedia.org/wiki/Abelardo_Moralejo_Laso.

ISOLINA ÁLVAREZ ÁLVAREZ

Naceu o 8 de setembro de 1909 en Trado, o seu pai era José Álvarez Puga que era médico e a súa nai chamábase Isolina Álvarez Pérez. Como as súas irmás, Emilia e Remedios, emprendeu os estudos de bacharelato. Fixo o exame de ingreso no Instituto de Pontevedra en xullo de 1921. Realizou os dous primeiros cursos nese Instituto pero no 1922-1923 aparece rexistrada no Instituto ourensán. Ao rematar solicitou unha certificación para o Instituto de Santiago e remata os estudos de bacharelato.

No ano 1926, con 18 anos, ingresou na Facultade de Filosofía e Letras onde estudou por vía oficial os cinco cursos. 

Licenciouse no ano 31 con excelentes cualificacións con Matrícula de Honra. Tivo ocasión de viaxar coa súa nai e coa súa irmá Remedios a Bos Aires en 1927 aínda que foi unha viaxe curta e temporal.

(Fonte: Vida Gallega, 1 de agosto de 1916. Galiciana)

Esta fotografía recolle un día de celebración familiar en Cortegada nela están as nenas, os pais, os tíos e o avó.

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitariaISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.

07 enero 2011

OLALLA E REBECA PIÑEIRO

De novo conto coa colaboración de seguidores do blog. Neste caso foi Isabel Cebreiro a que, a través dun correo, me puxo ao tanto destas dúas ourensás que non poden faltar no blog. Así que llo agradezo moito.
Olalla e Rebeca Piñeiro naceron en Ourense. Son fillas de Tito Piñeiro, gran aficionado ao Hockey sobre herba e un dos primeiros ourensás que se aficionou a este deporte tan minoritario. As súas fillas decidiron seguir os seus pasos e ambas as dúas formaron parte do equipo xuvenil en 1995 que foi subcampión en España. Xurdiu o Equipo Feminino Ourensán de Hockey que ascendeu en Bilbao á División de Honra. Xogaron na Selección Española. Na actualidade Olalla forma parte da selección española de hockey e Rebeca é profesora nun Instituto de Madrid e tamén fixo a súa tese de doutoramento sobre este deporte.
Vid: A información e a fotografía foron extraídas de La Voz de Galicia