Etiquetas

31 octubre 2020

FRANCISCA FRANCO GONZÁLEZ

Levaba varios días publicada esta entrada de Francisco Franco no blog das Nosas Mulleres Ourensás e uns días depois  púxose en contacto conmigo a súa visneta, Araceli Gallego Blanco. Foi para min moi emocionante pois compartiu comigo unha información moi inédita sobre Francisca. Vou transcribir íntegra a información que me transmitiu cargada de emoción:

Ola bo día, hoxe lin no teu blog a entrada de Francisca Franco González, a miña bisavoa. Foi unha grata sorpresa atopar o relato que forma parte da nosa historia biográfica familiar, nunha palestra máis pública. Esta historia contouma a miña avoa Melania (a filla menor das dúas fillas que tivo Francisca). Tempo despois de coñecer esta historia andiven na procura de máis datos para poder completar e afianzar o relato que a miña avoa Melania me foi narrando ao longo do tempo”

Araceli achegoume datos biográficos sobre a súa visaboa e di:

Francisca Franco González, naceu no lugar das Ouxeas, parroquia de Santiago de Vilamarín, Concello de Vilamarín, o 5 de febreiro de 1885, filla de Esperanza e Pedro e casada con Manuel González Dacoba (moi vinculado, tamén, ao Comité Republicano Agrario e íntimo amigo do seu irmán), tiveron dúas fillas Esperanza e Melania. No momento onde se relatan os feitos da súa entrada en prisión, ela vivía nas Ouxeas, xunto coa súa nai Esperanza e o seu irmán Francisco Franco González (Presidente do Comité Republicano Agrario de Vilamarín). Francisca entrou en prisión, con 36 anos, o 25 de agosto de 1921, e permaneceu ata o 15 de setembro de 1921. Un dato que agravou o drama, foi que ela estaba embarazada da súa primeira filla, Esperanza (nacida en febreiro de 1922). Faleceu o 21 de xaneiro de 1970 en Ourense. Araceli di con emoción: A miña avoa sempre describiu a súa nai como unha muller de moita  determinación e carácter”.

Desde aquí quero expresar o meu máis sentido agradecemento a Araceli por contribuír ao enriquecemento deste blog.

A situación que se estaba a vivir no pobo de Vilamarín era moi tensa debido ao comportamento dun dos representantes do Gobernador Civil de Ourense polo cobro do reparto dos consumos, tal como recoller o seguinte artigo de La Zarpa do 25 de agosto de 1921:

Francisca Franco foi unha muller que se implicou no movemento agrarista ourensá e pola súa militancia e por ser denunciada polo cacique do pobo de Reádegos foi detida e encarcerada durante un tempo no cárcere de Ourense. O colectivo agrario protestou e manifestouse en contra de dito encarceramento e o propio Basilio Álvarez mediou para que fora posta en liberdade. 
Francisca era irmá do Presidente da Sociedade Agraria de Vilamarín e foi encarcerada en setembro de 1921 pola denuncia dun cacique con quen tiña un duro enfrontamento. O feito fixo que Basilio Álvarez solicitase á Auditoría de A Coruña que a puxera en liberdade e, tras diversos informes foi admitida e librárona do cárcere. Así o recolle a prensa da época (la Zarpa, 14 de setembro de 1921).

(...)


Logo da súa posta en liberdade, Francisca regresou a Ouxeas, acompañada polo propio Basilio Álvarez, sendo recibida con honra e apertada por todas as mulleres do pobo. O seu irmán estaba emocionado como toda veciñanza e: “Los que creyeron que con esta persecución sufriría el agrarismo de Villamarín un gran quebranto, se han lucido”[1]

O agrarismo galego foi un movemento de reivindicación do campesiñado galego que xurdiu  en 1906 cando se promulgou a lei de sindicatos agrícolas que permitía a asociación de campesiños en cámaras agrarias ou comunidades para adquirir trebellos e poder exportar os seus produtos. Finalmente, dito movemento tivo unhas repercusións sociais de maior relevancia[2]

Co paso dos anos este movemento tivo unha grande actividade reivindicativa dirixa cara dous obxectivos claros: o problema dos foros e o caciquismo. A Zarpa, a prensa local ourensá de liña editorial máis progresista e cuxo fundador- director foi Basilio Álvarez, foi a que se encargou de informar de xeito exhaustivo sobre as reclamacións do agrarismo.
En Ourense o movemento agrario tivo como principal defensor a Basilio Álvarez. Home plenamente convencido para a defensa do  labrego galego o que lle custou ser apartado da súa parroquia como un acto punitivo por parte do bispado. Foi entón cando abandonou a Igrexa e se adicou á abogacía. Dicíase del “Esto es, la potencia convertida en acción, o lo que es equivalente: Basilio, el Apóstol del agrarismo, el fustigador de contubernios, otra vez con su martillo de cíclope contra los tambaleantes muros de una viciosa organización social que tolera la explotación del hombre por el hombre” [3].

Polos anos vinte do século pasado organizábanse por toda a xeografía galega mítines coa finalidade de concienciar aos labregos da necesidade de facer unha oposición resistente contra a lei de rención dos foros. Non satisfeitos co proxecto faise un chamamento ao agrarismo galego para que se resistan ao pago das rendas e din que: “La solución al problema de redención de foros está –lo sabe el ministro de Gracia y Justicia, lo sabe el Gobierno_ en el auxilio pecuniario del Estado a los foreros. Aquí donde el Estado auxilia a empresas particulares y se malbaratan millones y millones, bien se puede pedirle que por una vez abra sus arcas para una obra tan beneficiosa y a la vez de justicia social”[4]
Así mesmo, outro dos problemas era o caciquismo. O movemento agrario animaba aos campesiños a que se animaran a participar das reividicacións e que se convencesen dos abusos caciquís. En San Martin de Gueral, A Peroxa, celebrouse un mitin o 16 de novembro do 1921: “convencieron a los que estaban engañados por los elementos caciquiles”[5].

Créase a Federación Provincial Agraria de Ourense que celebrará o seu primeiro aniversario o día 1 de xaneiro de 1922 no Campo de Deportes da Lonia ás dez da maña co ánimo de protestar contra a lei de redención dos foros. A Federación viña realizando unha obra indiscutiblemente útil: “ha conseguido agrupar a los labriegos dispersos, organizándolos y llevando a sus espíritus el convencimiento de que para ser dueños de su producción, han de serlo previamente por medio de las organizaciones de esta institución redentora[6]


(La Zarpa, 30 de decembro de 1921, p. 1)

O movemento agrarista tivo repercusión na provincia de Ourense tal como se deduce polas numerosas noticias e editoriais que del se fan na prensa da época. Dita repercusión trouxo como consecuencia unha fonda preocupación por parte das autoridades que non dubidaron en perseguilo e intimidalo, empregando a coacción aos pobres campesiños: “El agrarismo como necesidad apremiante para toda Galicia, ya traspasa las fronteras de Pontevedra y Orense y se extienda por las llanuras de Monforte, como una ola salvadora qu en su avance arrastra todas las fotalezas caciquiles donde ondea, negra y trágica, la bandera del oprobio” [7]



[1] “El movimiento agrario. Villamarín”, La Zarpa, 15 de setembro de 1921, p.1
[2] Na revista O Tío Marcos d´a Portela falábase de que o movemento fora diluíndose e perdendo a súa esencia: “Xa non se fala, cuase, d´o agrarismo gallego. Aquil movemento sin precedentes, que xurdiu pol-a vontade d´un home forte como´a carballa dá Mirteira, foise esvaindo, esvaindo, hastra non deixar d´il mais que un recordó…”[2]
[3] “A la Zarpa”, La Zarpa, 18 de decembro de 1921, p. 1.
[4] “La actitud del agrarismo gallego”, La Zarpa,  27 de novembro de 1921, p. 1.
[5] “El movimiento agrario”, La Zarpa, 27 de novembro de 1921, p. 1.
[6] Alejandro Álvarez, “Agrarismo” La Zarpa, 26 de agosto de 1921, p. 1.
[7] “La expansión del agrarismo”, La Zarpa, 14 de outubro de 1921, p.1.

No hay comentarios:

Publicar un comentario