Etiquetas

30 septiembre 2020

ROSA LAUREANA GONZÁLEZ CID


Quixera agradecer a Rafael Salgado o haberme referenciado a súa bisavoa e tía bisavoa pois foron das primeiras mestras tituladas en Ourense cando se creou a primeira Escola Normal de Mestras a finais do século XIX .
Rosa Laureana e Sira González Cid eran fillas de Joaquín González Cortés e Petra Cid Blanco. As dúas destinaron a súa vida á ensinanza sendo das primeiras mulleres de Ourense que se titulan en Maxisterio.
Cando Rosa e Sira accederon ao maxisterio nos anos oitenta do século XIX practicamente estaban a crearse os estudos de maxisterio para as mulleres na cidade de Ourense. Fagamos un breve repaso de cómo foi a implantación deste estudos na nosa cidade[1]. Con respecto á Escola Normal de Mestras de Ourense, en 1877 o Señor Gobernador provincial indicou á Deputación Provincial de Ourense a necesidade de ocuparse da instalación da Escola Normal de Mestras con arranxo ao que dispuña a Real Orden de 14 de Marzo de 1877. A partir de entón, a constitución da Escola Normal de Mestras de Ourense tivo un proceso longo debido aos pertinentes trámites polos que tivo que transcorrer e que arrincarían dende que a Junta Provincial de Ourense solicitou, o 18 de maio de 1877, ao Rector de Santiago a necesidade de levar adiante implantación desta Institución con tres obxectivos principais: elevar o nivel do ensino das nenas da provincia, formación da muller e, en definitiva, para o ben da provincia en xeral. A Xunta Local destacaba que o número de mestras aspirantes ás escolas era moi escaso debido a que as mestras ourensás eran de escasa fortuna por non existir unha Escola Normal de Mestras e as que querían adquirir un título profesional, tiñan que facer grandes sacrificios para trasladarse a outras provincias.
Así mesmo a Xunta de Instrución Pública de Ourense solicitou ao Reitorado o día 26 de maio de 1877 que comunicara ao Sr. Ministro de Fomento a decisión tomada para que este mediara ante o Rei e dera o visto bo de que a Deputación Provincial de Ourense levara adiante a iniciativa da instauración. O Reitorado responderá positivamente á petición.
A Deputación instalou en 1879 a Escola Normal de Mestras no Ex Convento de Santo Domingo.

A Normal de Mestras pasaría a estar provisionalmente durante un breve tempo no Hospital de San Roque:

Pois ben, as nosas queridas mestras das que nos ocupamos foron das primeiras e aínda poucas mulleres que estarían por estes edificios da nosa cidade que acolleron de primeiras a Escola Normal de Mestras.
Rosa Laureana naceu en 1868 e recibiu o título de maxisterio en 1887. Nese mesmo ano destinárona como interina á escola de Pontedeva para trasladarse definitivamente o 21 de outubro de 1890 á escola mixta de San Cipriano de Cobas, permanecendo ata 1911 pois foi para a escola de Loñoá, no Pereiro de Aguiar. Casou con Joaquín Fidalgo con quen tivo tres fillas e un fillo chamados Esther, Sira Isaura, Sara e Joaquín Fidalgo González. Rosa Laureana enviuvou en 1929.
Acolleu na súa casa don Fernando Quiroga Palacios cando veu ao Seminario de Ourense. Posteriormente don Fernando viña visitar todos so veráns a dona Laurena á súa casa de Loñoá do Monte.
A filla do matrimonio, Esther, casou en San Cipriano de Cobas o 14 de febreiro de 1929 co industrial Antonio Gómez e actuaron de padriños Don Delfín Sánchez Puga e a súa dona, tía da noiva, Sira González Cid.
Joaquín Fidalgo, o irmán da noiva, casou con Alejandrina Alonso en Ribadavia e era viaxante dunha importante firma comercial de Ourense. Faleceu o 29 de outubro de 1975 de un ataque cardíaco cando se dispuña a limpar a tumba da súa nai, un feito que conmocionou á cidade.
Sara Fidalgo estudou o bacharelato no Instituto Provincial de Ourense e obtivo o título en 1927 e seguiría a senda da súa nai converténdose en mestra superando os cursiños-oposición en 1932 e foi destinada a Loureiro, a Nogueira e despois colleu a praza en propiedade en Robra onde, de feito, en 1967 tivo ocasión de mostrar ao Gobernador Civil de Ourense, Don Eduardo Rodrigo Iglesia e ao Presidente da Deputación Provincial, Don José de la Torre Moreiras, a escola, as aulas do novo centro e incluso solicitaron un terreo para experimentación agrícola.
A outra filla Isaura Sara, tivo unha moi boa formación, estudando tamén o Bacharelato no Instituto Provincial de Ourense pero faleceu moi nova, en 1936. O pobo de Lañoa lamentou a grande perda[2]



[1] Dita información pode ampliarse pola publicación de Rosa Cid Galante titulado: A Orixe da Escola Normal de Mestras de Ourense. Desde a súa orixe aos nosos días.
[2]El Magisterio gallego, 5 de xaneiro de 1887; El Magisterio gallego, 05 de febreiro de 1887; ; El Magisterio gallego, 25 de agosto de 1890; El magisterio español , 20 de maio de 1911; El Pueblo gallego 14 de febreiro de 1929; El Compostelano , 6 de decembro de 1927; El Progreso 17 de febreiro de1967; El Pueblo gallego, 9 de abril de 1932; El Pueblo gallego, 15 de xaneiro de 1935; El Pueblo gallego, 12 de xuño de 1938; El Pueblo gallego, 8 de outubro de 1938; El Pueblo gallego 12 de maio de 1938; El Pueblo gallego 29 de outubro de 1978.