Etiquetas

28 marzo 2019

MARÍA TERESA FERNÁNDEZ DOMÍNGUEZ

Grazas á referencia da miña ben querida amiga Marosa Salgado Madriñán coñecín esta marabillosa historia. Ademais, tiven ocasión de falar co seu fillo Luis Rivera e a historia de Marité foi asombrándome máis e máis.

Marité Fernández naceu en Ourense o 7 de outubro de 1933 e a súa vida e dedicación ten moito mérito e é moi encomiable.

Era filla de David Fernández, empresario de éxito, falecido a comezos dos anos sesenta, e de Celsa Domínguez.

Foi, sempre, unha muller comprometida co seu tempo e de profundas convicións relixiosas que, impactada pola represión brutal acontecida en Ferrol no ano 1972, onde faleceron  dous traballadores, crea en Ourense unha plataforma para axudar ás viúvas. Pero, asemade, destaca por ser a fundadora do Comité Antisida en Ourense, creado en 1992.

O día 7 de marzo de 2019 saiu publicada na prensa local La Región unha carta ao Director moi emotiva e preciosa redactada por un dos fillos de Marité Fernández, Luís Rivera, e nela conta as fazañas e forza desta grande muller.

Seguindo o que conta a carta contamos que Marité foi unha das primeiras en sacar o carnet e conducir en coche. A súa vida foi dura, sufriu a persecución do seu padriño e despois a do seu pai, quedou orfa de nai sendo aínda moi nena e o seu pai falece cando ela tiña 25 anos. A esa idade casa e ten moitos fillos. Foi unha muller moi comprometida pois na Ditadura apoiaba as reunións clandestinas e nas primeiras eleccións do 77 foi de número tres polo Partido Popular Galego. Pero, sen dúbida, o máis doloroso para Teresa foi a morte de dous dos seus fillos polo VIH. A pesares diso, colleu forzas e fundou en Ourense un dos primeiros Comités Cidadáns Antisida de España.

Abriu a primeira casa de acollida en España, mentres seguia xestionando dous comercios en Ourense con trece traballadores en nómina.

Sempre loitou en favor dos máis débiles e incluso chegou a presentarse polo partido Por Un Mundo Más Justo.

Marité tamén se implicou, xunto co seu home, Julio, en numerosos actos culturais como As Mostras Arte e Sida aglutinando a importantes artistas ourensás como Buciños, Quesada, Acisclo Manzano, Oro 
Claro, Riomao, Iñaki Basallo...etc.

É unha vida sobrecolledora e encomiable. Moi merecente de estar no noso blog.

Foto: cedida polo seu fillo, Luís.
Imaxe: Carta ao Director de Luis Varela, publicada o 7 de marzo de 2019.