Etiquetas

30 marzo 2018

CARMEN ROMERO RAMOS

Dona Carmen naceu en Albarellos no ano 1911. Aos 13 anos, no ano 1924, ingresou no Instituto Provincial para realizar os estudos de Maxisterio. Matricúlase por libre nos cinco cursos que realiza e obtén o título de Maxisterio cunha boa cualificación. Superará as probas para acceder á praza de mestra.
Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento.
El pueblo gallego : diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. (02/10/1934)

25 marzo 2018

PURIFICACIÓN ROMERO TEJADA

Dona Purificación nace en Ourense en 1911. No ano 1927, cando tiña 16 anos,  inscríbese no Instituto Provincial de Ourense para realizar os estudos de Maxisterio para titularse. Posteriormente exerceu a súa profesión como interina e substituta  en varias escolas de Maside e Muíños.
Vid: Cid Galante, Rosa, Tese de Doutoramento.

ALICIA ROMERO GALLEGO

Dona Alicia naceu en Albarellos no ano 1910. O seu pai era propietario de terras. En 1924, cando tiña 14 anos ingresa no Instituto Provincial de Ourense e alí estudaría por libre catro cursos. No ano 1927 ingresa na Facultade de Ciencias de Santiago pero só realiza un curso o que fai pensar que finalmente desistiu continuar. Algo que non era raro pois moitas mulleres tiñan que loitar contra as opinións públicas do momento e acababan rendéndose ás imposicións sociais. Non obstante, non debemos deixar de ensalzar o seu interese e valentía, como neste caso. Así pois, consideremos a dona Alicia tamén pioneira ourensá.
Vid: Cid Galante, Rosa. Tese de doutoramento.

15 marzo 2018

MARUJA GONZÁLEZ

Maruja González naceu en Ourense. Foi unha afamada cantante lírica que tivo brillantes actuacións nos anos  1930, participando en importantes eventos en directo cun repertorio amplo de pezas operísticas.

Vid: El Correo gallego : diario político de la mañana: Año LVI Número 19496 - 1934 julio 20
La Nación (Madrid). 10/2/1933, página 9.
Ahora (Madrid). 5/2/1933, página 41.
El Heraldo de Madrid. 31/1/1933, página 5.



14 marzo 2018

CARMEN SEOANE MORENO

Carmen Seoane Moreno naceu en Ourense. Era unha cantante recoñecida nos anos 30 que cantaba en directo na radio, concretamente tivo unha actuación brillante en directo na Unión Radio.

Vid: Ondas (Madrid). 14/6/1930, página 13.

13 marzo 2018

MANUELA GONZÁLEZ

Manuela era do pobo de Oseira. Ela xunto con outros veciños foron vítimas oprimidas en abril de 1909 por participar nunha manifestación en contra da decisión do bispo de Ourense de trasladar o baldaquino de Oseira. Manuela ía ao fronte da manifestación en contra da desmantelación do conxunto do altar maior e foi tiroteada, falecendo no momento. Manuela estaba embarazada de varios meses.
No mesmo acto faleceu María Paz Fernández de tan só 14 anos.
Isto mostra como as mulleres foron protagonistas na historia e sen arredrarse defenderon o que consideraban xusto.
A prensa do momento recolleu este feito tan luctuoso.







   PDF by rcidgalante4921 on Scribd




Vid: El Año político. 1909, página 181.
España y América (Madrid). 1/4–30/6/1909, página 283.
El Heraldo de Madrid. 28/4/1909, página 3.

Interesante é o libro recentemente publicado de: 
Ermida, Xosé Ramón et al.: Rebeldía Galega contra a inxustiza, Sermos Galicia, 2018

10 marzo 2018

MYRIAM CORTÉS DIÉGUEZ

Naceu en Ourense en 1964 e é Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e Licenciada en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca. En 1998 Doutorouse en Dereito Canónico e no 2008 gañou o Concurso á Cátedra de Dereito Eclesiástico do Estado en Salamanca. Desde setembro de 2015 é Rectora da Universidade Pontificia de Salamanca sendo a primeira muller rectora desta Institución. Escribiu decenas de artigos e outros textos científicos especializados no Dereito Canónico e no Dereito Eclesiástico do Estado, sendo autora dos comentarios a diversas partes do Código de Dereito Canónico e do Código de Canons das Igrexas Orientais nas edicións da BAC. Actualmente imparte clase nas Facultades de Dereito Canónico e Teoloxía da UPSA.
Interesante destacala por ser a primeira muller rectora desta Universidade sendo ademais laica.

Vid: http://www.vidanuevadigital.com/2015/09/01/myriam-cortes-primera-rectora-de-la-universidad-pontificia-de-salamanca/