Etiquetas

24 octubre 2015

MARÍA DOLORES DIÉGUEZ

Introducimos neste blog a María Dolores Diéguez pois é unha muller ourensá que está casada co actor británico Joseph Fiennes pero que o meritorio é que, a pesar de vivir no mundo do cine e da moda, ela non esquece a súa terra xa que teñen casa en Poboa de Trives, no pobo de Pena Folenche. María Dolores naceu en Suiza a onde emigraron os seus pais e alí formouse como modelo.

Vid: http://www.galiciaunica.es/maria-dolores-dieguez-y-joseph-fiennes/

19 octubre 2015

MARÍA DE LOS ÁNGELES FERNÁNDEZ TOVAR

María de los Ángeles Fernández Tovar, naceu en Ourense  no ano 1950 e foi membro do MDM de Ourense e  unha das impulsoras da recuperación da Memoria Histórica.
            Cuca Tovar, como se lle chamaba de xeito agarimoso, naceu en Ourense en plena postguerra no seo dunha familia con recursos. A familia paterna tiña unha longa tradición comercial e a materna tiña unha inquedanza cultural e intelectual que permitiu que Cuca fose unha muller inqueda polo coñecemento e a investigación. Viviu a súa infancia na cidade e realizou o bacharelato no Instituto.
            A cidade de Ourense será o ambiente onde ira medrando Ánxeles pero se a cidade se caracterizaba polo conservadurismo, a tradición e a consideración de que as mulleres fosen boas nais, fillas e esposas; Ánxeles racharía con ese convencionalismo postulándose como unha muller transgresora e independente.
            O seu espírito independente levouna a querer traballar moi nova e atopou o seu traballo como secretaria de Manuel Gómez Franqueira, o fundador dunha das empresas máis representativas da cidade, COREN. Ánxeles demostrou ter capacidade de traballo e grandes capacidades para desenvolver as tarefas que se lle encomendaban, pero acabou renunciando a el xa que ela era de espírito reivindicativo e humanitario que non ía cun traballo tan rutineiro. Isto fixo que apostase por un proxecto social que estaba a nacer en Ourense como era o Circo dos Muchachos. Esta acción social que fundara o Pai Silva e que tiña como obxectivo acoller aos rapaces para escolarizalos e facer medrar neles o espírito democrático e participativo era un labor que se adaptaba moi ben ás inquedanzas altruístas e filantrópicas de Cuca.
            Cuca entregouse ao proxecto e marchou a vivir á Cidade dos Muchachos.Con poucos enseres e unha guitarra fixo daquilo o seu fogar e comezou a traballar cos nenos e nenas para ofrecerlles unha saída e un futuro. Para Cuca era como un oasis de liberdade nunha época franquista, pechada, e opresora. Coa ilusión posta no corazón, comezou a traballar para que os mozos tivesen un benestar e ao mesmo tempo fosen comprometidos coa sociedade e lograran transformar o mundo. Cuca permaneceu un tempo colaborando no Circo dos Muchachos pero deuse conta de que o proxecto comezaba a desencantala e abandónao.
            Regresou a vivir á cidade pero faino nun piso compartido con amigos. Isto non foi ben aceptado pola sociedade ourensá dos anos setenta que chegou incluso a criticala e menosprezala por non seguir a senda que estaba predestinada para as mulleres da época que era casar e ter fillos. Pero a fortaleza e personalidade de Cuca fixeron que non lle afectase tales comentarios e viviría de xeito independente, sen casar nin ter fillos. Ese piso onde residía Cuca será un recanto de liberdade, de encontro de artistas, intelectuais e profesionais que avogaban por un cambio político. Ao mesmo tempo ela vai querer ter un traballo estable e comeza a preparar unhas oposicións para cubrir un posto na administración e aprobounas.
            En Cuca seguirá medrando o compromiso social levándoa a unirse nos anos setenta ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras. Veremos a Cuca nun activismo convencido para conseguir o ben común e a xustiza social. Comeza a participar en actos públicos dando charlas e  mitins que sempre remataban con aplausos de admiración polas súas palabras. Palabra enchidas da forza e da sinceridade de Cuca.
            Cando se celebrou o primeiro mitin do Partido Comunista na cidade ourensá o 4 de maio de 1977, participou Cuca. Había no pavillón de deportes unhas dúas mil cincocentas persoas e primeiro falou López Cambeses que disertou sobre a legalización de todos os partidos políticos. Logo falou González Montoto que aludiu ao caciquismo e ás xubilacións e pensións. Outros que tomaron a palabra foron Redondo Abuín e Gómez Prieto. Nisto toma a palabra Cuca Tovar que saludou aos partidos non legalizados para os que pediu recoñecemento e liberdade. Co espírito combativo lembrou os anos corenta como anos sen liberdade  e de emigración por parte de numerosos galegos. Lembrou a explotación sufrida polas mulleres e a marxinación que senten polo capitalismo. Afirmaba con vehemencia que o Partido Comunista é o partido da liberación da muller: “pido que se acaben las discriminaciones, la igualdad de salarios, libertad de anticonceptivos a través de la Seguridad Social y control médico”[1].  Era firme defensora da liberación da muller e reclamaba os dereitos de divorcio. Foi un gran alegato feminista, un mitin chego de enerxía en defensa das mulleres: “Vota por la democracia, mujer y votarás tu liberación” remataría dicindo. Os aplausos foron rotundos.
            Cuca estaba converténdose nun referente na cidade polos seus principios e súa personalidade firme na defensa da muller. Por tal motivo, era invitada a participar en tertulias e mesas redondas como representante do PCG. Nunha mesa redonda celebrada no Ateneo de Ourense o día 17 de novembro de 1977 ela foi como representante do partido. O tema a tratar era os Pactos da Moncloa e había once representantes de cada partido que tiveron ocasión de falar durante cinco minutos. Cuca era a única muller na tertulia e alí manifestou os seus postulados sen amedrentarse ante unha sala moi concorrida de público[2].
            A capacidade de compromiso de Cuca e a súa firme crenza na xustiza social medraban no seu espírito combativo, en Cuca dá un paso máis no seu activismo pasando de militante a candidata ao Congreso nas eleccións de  marzo de 1979 ocupando o segundo posto despois de Redondo Abuín[3]. A partir de entón, Cuca sempre será candidata nas listas polas súas convicións.
            O feminismo sempre estivo presente no sentir de Cuca e ese compromiso materializouse cando formou parte do Movemento Democrático de Mulleres en Ourense. A organización creouse en Ourense no ano 1975 por iniciativa de Rosario Gutiérrez Rodríguez e de Marta Marroquín Travieso que era a compañeira de Redondo Abuín. Conformaron o grupo vinte mozas entre as que se atopaba Ánxeles Tovar. Estas celebraban as súas asembleas en pisos particulares e en Ourense reuníanse nun apartamento da Torre de Ourense. Nesas reunións falábase dos dereitos para a muller e a necesidade de rematar coa discriminación que padecía. A súa actuación encamiñábase a facer panfletos e charlas de concienciación[4]. Cuca foi unha das protagonistas neste primeiro colectivo feminista da cidade.
            Outra batalla que librou Cuca foi en 1970 cando se mobilizou e protestou con motivo do xuízo contra dezaseis militantes de ETA. Cuca uniuse ás protestas que se produciron en todo o territorio español e tamén nos países estranxeiros para evitar que foran condenados á pena capital. Para iso participou no peche que se realizou na Catedral xunto con Peña Rey, o escultor Baltar e máis xente comprometida. Isto foi unha mostra de valentía xa que podería ser vítima de represalias. Cuca contribuiría deste xeito a que os presos foran indultados e rebaixadas as súas penas.
            A nai de Cuca, Ángeles Tovar Morais,  foi unha muller de ampla cultura e iso transmitiríallo á súa filla. De tal xeito que Cuca, ao mesmo tempo que traballaba como funcionaria, matriculouse polos anos oitenta na Facultade de Historia. Xa rematando os estudos, en 1986, decidiu facer o traballo de fin de carreira sobre o tema da Guerra Civil en Ourense. No seu traballo quería contemplar os enterramentos feitos durante a Guerra Civil no Cemiterio de Ourense e constatar cantos foran fusilados ou mortos por actuacións violentas,  para o cal solicitou permiso ao Concello para consultar o libro de Rexistros do Cemiterio pero foille denegado polo alcalde.  Non querían que recuperara a memoria dos falecidos na guerra e manifestaban: con lo que no estoy de acuerdo es que se vaya a buscar exclusivamente datos de un período doloroso para España, como fue la época del 36...yo creo que es una etapa que tenemos que superar todos y olvidarnos de este tema y no seguir escarbando en algo que ya han pasado 50 años y un par de generaciones por medio... [5].
A partir de aí comezou unha dura e longa loita pois entre Cuca e a Alcaldía. O Alcalde na súa defensa aludía a Cuca de xeito despectivo e cuestionando a súa calidade de historiadora e investigadora. A determinación de Cuca levouna a enfrontarse ao Consistorio instando unha acción xudicial que finalmente rematou cunha sentenza do Tribunal Supremo do 20 de febreiro de 1992 na que se condenou ao alcalde Caride Tabarés a seis anos de inhabilitación por delito de prevaricación e inxurias por impedir que Cuca Tovar puidera acceder aos documentos solicitados[6].
            Unha vez finalizado o proceso xudicial Cuca comeza a investigar sobre o Ourense entre os anos 1936 e 1939 e realizou un traballo verdadeiramente interesante recollendo testemuñas das persoas que viviran a guerra centrado principalmente nas vivencias das mulleres, grandes damnificadas nas contendas bélicas; deulles relevancia. O que nos legou Cuca foron testemuñas das vivencias, dos horrores, da violencia, do que aconteceu. Todo isto desde unha perspectiva humanística alonxándose do relato aséptico e frío. Entrevistou a Ángeles Paradela que lembrou como as mulleres peregrinaban polos cárceres buscando aos seus familiares ou recollendo os seus restos. Tamén recolleu o testemuño de Mercedes Gómez del Valle, unha recoñecida militante política, que lle contou que fora detida e vexada. En definitiva, Cuca reflectiu a guerra civil desde a perspectiva das mulleres, algo moi novidoso pois naqueles anos a historia eludía totalmente o rol das mulleres e o seu protagonismo na historia. E así foi recollido no libro Cuca. Recuperadora da Historia. Finalizado o traballo acada a licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago.
            Ángeles Fernández Tovar faleceu en 1996, demasiado pronto pois aínda quedaban batallas por resolver. En poucos anos Cuca arribou montañas empinadas, tanto sociais, como políticas, como xudiciais, como feministas, pero tamén chegou a elas a través do alpinismo, xa que era outra das súas aficións. No ano 1971 creouse o Club Alpino de Ourense e alí estaba Cuca. A natureza, a montaña dábanlles as forzas para emprender  con enerxía a súa loita.
Cuca desmontou o estereotipo das mulleres pois era libre e loitadora. A súa vida seguiu a senda que lle marcaba o corazón e a r azón e esa senda quedou gravada para as sucesivas xeracións de mulleres.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez Gómez, Concepción,  “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94.
“As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX , Vigo, Ir Indo, (2001) 231-260.
Fernández Tovar, María Ángeles, Cuca Tovar. Recuperadora da Historia Ourense, Amigos da República ( 2010)


[1] “El primer mitin comunista” El Pueblo gallego , 5 de maio de 1977.
[2] “Mesa redonda sobre el Pacto de la Moncloa”, El Pueblo gallego, 18 de novembro de 1977.
[3] “Lo electoral tema destacado” El Pueblo gallego , 6 de febreiro de 1979.
[4] Concepción Álvarez Gómez, “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94; “As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX (Vigo, Ir Indo, 2001) 245.
[5] “Lembranza de Cuca Tovar” http://anabande.blogspot.com/2008/09/lembranza-de-cuca-tovar.html consultado o 13 de abril de 2020.
[6] Ana María Bande Bande, “O acceso aos arquivos. A eterna batalla. A loita de Cuca contra o alcalde de Ourense como exemplo paradigmático de loita pola transparencia”. https://es.scribd.com/doc/29840143/O-acceso-aos-arquivos-a-eterna-batalla-A-loita-de-Cuca-Tovar consultado o 11 de abril de 2020.
Foto: Ourense dixital

01 octubre 2015

MARÍA LUÍSA GUITIÁN OJEA

María naceu en Cristosende o día 24 de outubro de 1919 no seu dunha familia de recursos e de intereses intelectuais. Seu pai era José Guitián Martínez. Era a irmá de Francisco Guitián Ojea, doutor en química e farmacia e reputado profesor e investigador. 

María matriculouse no ano 1939, cando tiña 20, na Facultade de Filosofía e Letras. Realizou os estudos por oficial e rematounos no 1943, ano no que se licenciou. 

Casou o 10 de outubro de 1945 na igrexa dos Milagros de Monte Medo co capitán Luís González González.

(Fonte: Finisterre (Madrid. 1943). 2/1946, página 18)
(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de doutoramento; El Correo Gallego, 11 de outubro de 1945, p. 2; Finisterre, febreiro de 1946, p. 22.