Etiquetas

30 enero 2015

MARÍA JESÚS MARTÍNEZ-RISCO

É unha satisfacción introducir no blog a mulleres emprendedoras e cultas como é o caso de María Jesús Martínez Risco. Unha entrevista feita por Olivia Rodríguez González da Universidade de A Coruña e publicada na Revista Madrygal fai un achegamento moi humano e tenro á María Jesús e á súa familia.
María Jesús é unha das fillas do noso intelectual Vicente Risco. Naceu en 1933, pouco despois do regreso de Alemaña de Vicente Risco.  Estudou  ata os dez anos en Sor Sabina, que era como se chamaba naquela época ao colexio de “Las Hijas de La Caridad”. Logo fixo o Bacharelato nas Carmelitas. Posteriormente sacou o título de mestra e despois estudou para Administrativa de Educación Nacional en Oviedo e Madrid. Na actualidade reside en Granada onde foi profesora de inglés no Instituto Angel Ganivet. Na entrevista que reseño a continuación poden ler as súas lembranzas familiares. Unha bonita entrevista onde se fai un achegamento á figura de Vicente Risco.
Vid: Madrygal, 2011, 14 163-171
Foto extraída do artigo publicado por Olivia Rodríguez.

02 enero 2015

DOLORES SANTAMARINA VALCÁRCEL

Naceu en 1834. Era irmá de Don Ramón Santamarina Valcárcel, pai de Angelita Varela, máis coñecida por Marquesa de Atalaya-Bermeja,  polo tanto Dolores era a tía de Angelita Varela. Pertencía a unha familia de gran abolengo en Ourense máis non por iso se librou de certos sufrimentos. Estamos a referirnos a que esta familia tivo que pasar polo suicidio do seu pai, José García Santamaría Varela, na Torre de Hércules onde se pegou un tiro diante do seu fillo Ramón. O motivo foi a denuncia que fixo a sogra deste, Teresa Varela Rubio Valcárcel, ante o Capitán General de la Guardia de Corps, polas aventuras amorosas de Don José García na Corte. Pasado ese trance luctuoso, tres anos despois falece a súa nai. Os irmáns son separados e Dolores foi enviada onde os seus avós. Casou con Antonio Varela e cando o seu irmán Ramón enviudou de Ana Alduncín e decide marchar a Arxentina, deixa os seus fillos ao cargo de Dolores quen os criará coma se fosen dela, especialmente a Angelita.
Dolores morre no ano 1922 e dela queda un interesante monumento no grandioso complexo de Santo Angel, que mandara construír a súa sobriña. Dona Dolores supervisou os traballos do seu propio monumento funerario. Á súa morte Francisco Asorey esculpiu o seu inseparable canciño pequinés aos pés do túmulo sepulcral desta: o seu pequeno compañeiro, que logo de ser inhumada na cripta, o persoal do servizo atopárono morto na alcoba onde falecera dona Dolores.