Etiquetas

19 octubre 2014

MARÍA ASUNCIÓN BONET CORREA

Era pintora que asinou os seus cadros como "Choncha Bonet". Naceu na Coruña o 22 de Abril de 1922 na Praza de Pontevedra na casa dos seus pais o Comandante de Intendencia Militar e pintor por afección D. José Bonet Peñalver e de Asunción Correa Calderón escritora e nai de familia proveniente dunha tradicional familia galega de hijosdalgos lucenses que probaron nobreza en 1507 en Lugo, Galicia. Por parte do seu pai era neta do gobernador militar de Ourense e Coronel da Garda Civil, D. José Bonet Portell .
Choncha, autodidacta, aprendeu de nena vendo pintar ao seu pai. O brillante exemplo do pai de Choncha, José Bonet Peñalver, que nos seus momentos libres pintaba cadros ao estilo da época, impresionistas, e outras veces clásicos copiando obras do Museo do Prado, demostran a fonda madurez como pintor á que chegara e que impulsou con máis forza aínda a vontade e imaxinación de Choncha a seguir os seus pasos na pintura. 
Na súa mocidade, Choncha coñeceu moitos lugares de Galicia. Primeiro foi A Coruña, despois Lugo, veraneou xunto aos seus pais en Foz, visitou a familiares, como era o caso das súas curmás no pazo de Reza nos arredores de Ourense, participando nas festas da vendima do mesmo. Ao final coñeceu Pontevedra viaxando a Panxón e Baiona. A súa curmá Ana María Deza Bonet fué a súa compañeira de xogos nos días felices da nenez en Reza.
Asunción Bonet expuxo por primeira vez no ano 1954 no Círculo de Belas Artes de Lugo, onde obtivo unha mención honorífica na exposición para artistas noveis. En 1958 desprázase a Roma a casa do seu irmán Pepe e logo con el viviría en Roma para pintar os seus primeiros cadros da súa serie romana. Alí atopou unha luz que reflectiu nos seus cadros e que contrasta radicalmente cos galegos. Á súa volta en 1959, fanse eco das súas obras J. Antón no xornal O Progreso, Amadeo Varela en La Voz de Galicia e Federico Carlos Gasalla na Noite. Empezan entón frutíferos anos de intensa produción artística. Choncha non para de viaxar e pintar. Non hai recuncho pintoresco de Galicia que non visite e retrate. Empeza a facer regularmente exposicións en galerías de arte e moitísimas familias especialmente da Coruña adquiren as súas paisaxes, carruseis, palcos de música, procesións e até festas no Parque do Recheo (Xardíns de Méndez Núñez), concertos (como o do ao aire libre en Pontevedra ou na Coruña), etc. Pronto a descubriron os críticos de arte e os vellos mestres como Vázquez Díaz que a eloxiou ao ver a súa exposición no Círculo de Belas Artes de Madrid. Pero quizais o seu eloxio máis honesto foi o do Marqués de Lozoya. Tamén viaxou máis dunha vez a París onde admirou os artistas impresionistas e frutificou unha das súas mellores etapas como pintora. Fixo cadros do Barrio Latino, do Montmartre coa basílica do Sacré Coeur, de escenas de rúas pintorescas e dentro dun estilo moi depurado e áxil á vez. Seguiron outras etapas que coa madurez gañaron en detalles e desenvolvendo un estilo semellante ao naif pero sempre moi persoal e inxenuo. Fixo exposicións cada certo tempo en Madrid e na Coruña, sendo a exposición de setembro de 1993 nos salóns do concello da Coruña  a época de máximo esplendor dentro da súa carreira artística.  Envorcouse en cadros que reflectían o relixioso do seu Galicia natal aínda que tamén produciu mariñas, paisaxes, festas, carruseis, palcos de música e até entroidos. As súas características máscaras de Verín retratando o entroido ourensán, achegábaa moito ao seu admirado Gutiérrrez Solaina. Tamén fixo un cadro do mítico café Xixón de Madrid aínda que baleiro de intelectuais e cheo dun pobo alegre e desenfadado.

Así pois, e resumindo podemos dicir que despois da primeira etapa galaica vai a Madrid, logo Roma, ambos cunha gama de cores nova e máis luminosa, Choncha domina as masas, retrata sen medo a grupos de persoas. A continuación París que alcanza unha soltura total no impresionismo e pálpase que estudou a Manet, Monet e Van Gogh aos que admira na súa obra. Posteriormente vén unha longa etapa galega con cadros intercalados de Madrid que evocan un xiro cara a un maior detalle e unha paleta aínda máis colorida achegándose moito a un estilo naif pero sen selo, xa que os trazos impresionistas non os perde nunca, e alcanza algo así como un ingenuismo personalísimo.