Etiquetas

11 junio 2014

SOFÍA GUADALUPE PÉREZ CASANOVA

Como é habitual, neste blog tamén se fai reseña de mulleres que, aínda non nacidas en Ourense, os seus pais son ourensás. Este volve ser outro caso.

Sofía Guadalupe Pérez Casanova, muller de vida intensa, é escritora e xornalista  galega, nace o 30 de setembro de 1.861 no nº 141 da coruñesa rúa de Espoz e Mina, hoxe chamada de San Andrés. O seu pai, Vicente Pérez Eguía, litógrafo ourensán, abandona á súa muller e ao seu tres fillos cando Sofía era moi pequena causando unha gran inestabilidade económica á súa familia que se ve aliviada pola axuda financeira proporcionada polo avó ferrolán Juan Bautista Casanova Pla Cancela, mariño de profesión.

Pasa a súa infancia no Pazo do Home en San Xulián de Almeiras (A Coruña) e comeza os seus estudos na escola de Dona Concha, estudos que máis tarde completará no Conservatorio de Madrid, cidade onde fixa a súa residencia aos 12 anos xa que a súa nai decide trasladarse alí en busca de mellor fortuna. Na capital de España empeza a estudar poesía e declamación. Á súa terra natal volverá varias veces para pasar as vacacións de verán en Mera (A Coruña).
En Madrid enseguida é ben recibida nos círculos literarios da época despois de ser publicados varios poemas seus no diario Faro de Vigo. O Marqués de Valmar, verdadeiro mentor de Sofía, faise gran amigo dela inclinado polo seu gran talento para a poesía.

A través do Marqués é presentada na corte de Alfonso XII, monarca ao que lle gustaba ouvir declamar aos poetas nos seus salóns. Sofía ouvirá contar á súa familia anos despois como unha tarde se atopaba ela recitando ante o Rei cando un uxier anuncioulle a chegada dun importante ministro ao que o Rei contestou: Que espere o señor ministro. Durante algunhas destas sesións poéticas, Sofía comparte o seu tempo con outro gran escritor Bernard Shaw. A edición do seu libro Poesías(1885) foi custeada polo propio monarca.
Sofía enriquece a súa formación poética e artística mediante o trato directo coa intelectualidade do momento, asistindo a faladoiros como as do poeta Campoamor, que lle presentará en 1.886 ao que será o seu marido, o filósofo polaco Wincenty Lutoslawski. Entre as mulleres escritoras que coñece figuran Concepción Jimeno Gil, Branca dos Ríos, Sofía Tartilán, Filomena Dato e Emilia Pardo Bazán.

Despois da voda o matrimonio instálase en Drozdowo, Polonia. Despois de pasar vinte anos entre as súas dúas patrias decide en instalarse definitivamente en España, ten 43 anos de idade e empeza a ter problemas de visión. Comeza a colaborar con artigos na prensa.  A súa actividade social é moi intensa pronunciando conferencias . Viaxa con frecuencia a Polonia para ver ás súas filla. Precisamente durante un destas viaxes estala a 1ª Guerra Mundial.

Sofía é testemuña dos horrores da guerra e das dificultades polas que atravesa Polonia, país do que non se reciben noticias en España e para tal fin faise corresponsal do periódico ABC.

A obra literaria de Sofía Casanova é admirada e recoñecida en España. En 1906 é elixida membro da Real Academia Galega, en 1.911 entra a formar parte da Academia Española de Poesía e en 1.925.  A Real Academia Galega que a nomea Académica de Honra en 1952 ano que falece.

(Fonte: Almanaque Gallego. 1882, p. 11)

A continuación inclúese unha noticia de prensa na que se recolle como foi o encontro entre Sofía Pérez casanova e o que sería o seu home, Wincenty Lutoslawski:


(Fonte: El Correo Gallego, 27 de febreiro de 1887, p.2)
(Elaboración propia)

08 junio 2014

SUSANA BOSO


Susana Boso, ourensana de nacemento, viguesa de formación e investigadora de vocación.Sete anos leva esta nova bióloga dedicada a desentrañar os estragos que provoca o mildiu nas viñas e, sobre todo, a buscar solucións. Esta investigadora levou importantes premios como o recibido en 2007 polo proxecto: «Resistencia innata a mildiu en diferentes variedades tradicionais de gran importancia económica para o Noroeste de España. Mecanismos de defensa da planta asociados a esta enfermidade».
Susana Boso forma parte do único equipo de viticultura do CSIC que existe en España, na Misión Biolóxica de Galicia.

03 junio 2014

IRENE GÁLVEZ CAÑERO HERMOSILLA

Contribúe este blog a sacar á luz, despois de peneirar lecturas diversas, o nome de mulleres que non só destacaron polo seu labor artístico, cultural, histórico, cultural, formativo...senón que tamén fai mención daquelas que supuxeron, para a época na que viviron, un destacar, quizais debido a que non era habitual que desempeñasen un cargo ou participasen en determinadas agrupacións.

Hoxe sae á luz Irene Gálvez que formou parte da masonería. Irene foi adoptada como lowetona, é dicir, filla de mestre masón, na Logia Adalides del Progreso nº 316 de Verín, figurando no cadro lóxico do 2 de outubro de 1888. O seu nome simbólico era María Pineda.

En 1936 sería expedientada pola súa afiliación á masonería.

Vid: Ortiz Albear, N. Mujer Masonas en España: Diccionario biográfico (1868-1939), Las Canarias, Ediciones Idea, 2007.