Etiquetas

29 marzo 2014

CELSA AMELIA ARIAS GARCÍA

De novo ante unha muller que soubo facer fronte aos convencionalismos sociais. Celsa naceu no anoo 3 de maio de 1910 en Rodeiro, Pontevedra. O seu pai, segundo a partida de nacemento, era de oficio "propietario". 

Celsa matriculouse aos dez anos no Instituto Provincial de Ourense, e cursou dous anos por libre e os demais por oficial. Realizou os seis anos e obtivo o título de bacharelato e solicitou traslado á Escola Normal de Pontevedra.

En 1933 presentouse aos Cursiños de selección profesional de maxisterio.

Comezou exercendo de mestra destinada na escola de Novás pero tamén estivo exposta á Comisión Depuradora resolvendo o seu expediente en xaneiro de 1939 pero non foi sancionada. En 1943 trasladouse por consorte á escola de Covelo

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Vid: Cid Galante, Rosa, Tese de doutoramento. El Noticiero gallego : semanario destinado a fomentar los intereses morales y materiales del Magisterio de primera enseñanza: Num. 2180 (11/01/1939); El Noticiero gallego : semanario destinado a fomentar los intereses morales y materiales del Magisterio de primera enseñanza: Num. 2372 (04/03/1943)

28 marzo 2014

EUGENIA ARBONES PAZ

Queira que a casualidade nos achegue a informacións curiosas. Este é o caso. Na miña base de datos de mulleres que realizaron os estudos de bacharelato no Instituto de Ourense figura Eugenia Paz Arbones. Ben é certo que só teño información de cando ingresou, e libros de rexistros falan de que se inscribiu no ano 1925, cando tiña 12 anos, polo que Eugenia naceu no ano 1913. Non se atopou o seu expediente polo que non podo afondar máis sobre a súa traxectoria académica. 

Pero si podemos dicir que Eugenia era a filla do reputado xinecólogo e deputado progresista en Cortes en 1932, Eugenio Arbones Castellanzuelo e de Carmen Paz Pardo. Que, por certo, segundo se conta foi unha familia con certos infortunios pois Carmen faleceu polo tifus en 1914 e Eugenio Arbones foi fusilado na Guerra Civil. 

A súa filla, Eugenia, casou en maio de 1932 na Colexiata de Vigo co importante xoieiro Manuel Malde e tiveron catro fillos, Julio, Manuel, Carmen Eugenia e Eugenio pero o matrimonio rompeuse nun momento dado. E outro infortunio do matrimonio foi que o 7 de febreiro de 1952  faleceu un dos seus fillos á idade de quince anos.

A familia vivía en Vigo, así que todo fai pensar que Eugenia se inscribiu no noso Instituto pero ou desistiu de estudar ou continuou os estudos en Vigo.

Vid: Cid Galante, Rosa, Tese de doutoramento. El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Ano XVI Número 3640 - 1932 maio 26.
Vid: La Voz de Galicia

18 marzo 2014

VICTORIA AMOR OUTEIRIÑO


Naceu en Ourense o 2 de xullo de 1907 e era filla de Antonio Amor, funcionario de Obras Pública. Aos 15 anos, en 1922, matriculouse no Instituto Provincial de Ourense despois de facer o exame de ingreso o 29 de setembro 1922. O seu pai pertencía ao Corpo Técnico da administración.

Realizou os seis cursos por oficial sendo alumna de Otero Pedrayo.  Acadou a titulación de Bacharelato e solicitou a Certificación para á Escola Normal de Ourense.

Estivo de mestra na escola de nenas de Maside pobo onde se integrou perfectamente participando nas festividades que se celebraban e nos actos culturais, de feito, na celebración da Festa de la Salud do 27 de xuño de 1934 Victoria pronunciou unha conferencia xunto con outros mestres da zona. Posteriormente foi destinada á escola de Rivela e como mestra en propiedade á escola de Arnado en Vilamartín. 

Foi unha das mestras que se adheríu á Casa del Maestro, unha institución inaugurada o 14 de marzo  de 1935 e no que tivo moito que ver Vicente Risco, director da Normal, e que tiña entre os seus obxectivos o apoio mutuo do profesorado e a mellora profesional mediante a organización de cursos.

Pero logo deu o salto a Madrid onde entrou a traballar na Redacción de "Marca" e comezou na Escola Oficial de Periodismo . Desde logo a súa vocación sempre foi o periodismo e "venció todas las dificultades y su personalidad quedo firmemente afincada en Madrid". Como ela comentou nunha entrevista "Antes de venir a Madrid, yo he sido un poco maestra nacional en un pequeño pueblo cercano a la capital. Cada mañana y bordeando el río Miño, recorria cinco Kilómetros para reunirme con las niñas de aquella pequeña escuela. Bien pronto comprendí que mi vocación no era la de la enseñanza precisamente".

Malia que residía en Madrid viña con frecuencia a Ourense e nunca se sentía decepcionada con esta cidade pois, segundo dicía, cando se aman moito as cousas estas nunca chegan a decepcionar. Da cidade gardou sempre moitas lembranzas e entre elas as figuras de Otero Pedrayo de quen foi aluna no Instituto e Vicente Risco con quen tivo sempre unha grata amizade.

A súa querenza por Ourense reflíctese moi ben no que dicía: "El virus de la nostalgia...es cierto que este virus nos ataca algunas veces, pero casi resulta grato ver desde lejos aquellas cosas que nos han sido y nos son queridas. La aventura del desplazamiento -y en esto son los gallegos maestros-no supone siempre aventura ya que muchas veces son las circunstancias las que obligan...". 
 
Sen dúbida, unha muller que sempre se recoñeceu ourensá e cando se lle preguntaba acerca do que salvaría da súa cidade ela manifestou que salvaría os seus costumes sinxelos.


Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense, 1900-1930, Tese de Doutoramento. Ademais tamén se tivo en conta unha entrevista realizada na sección "Galería de Orensanos en Madrid" do xornal La Región, publicada o 7 de abril de 1963, p. 18. Foto: extraída desa mesma entrevista.

17 marzo 2014

MARÍA TERESA AMOR OUTEIRIÑO

María Teresa naceu en Ourense, capital, o 20 de febreiro de 1911 e era filla de Antonio Amor, funcionario de Obras Públicas. 

Accedeu aos estudos de Bacharelato no Instituto Provincial de Ourense no ano 1924, cando tiña 13 anos, despois de realizar a proba de ingreso o 29 de setembro de 1924. Realizou o bacharelato elemental que comprendía tres anos e no que acadou Sobresaliente en Lingua Castelá, Xeografía Xeral e de Europa; Relixión, lagín, Xeografía especial de España, Aritmética, Nocións de Física e Química e Deberes éticos e cívicos de Dereito. No resto das materias tivo notable. Solicitou certificación para escola Normal de Mestras de Ourense en setembro de 1927. 

Comezou de mestra na escola de Trasalva e logo na de Gandarela en Avión. Finalmente estivo destinada na escola de Castadón.

Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense 1900-1930. Tese de Doutoramento.

10 marzo 2014

MARÍA ALMOINA MATEO

María Jesús era natural de Lugo pero realizou estudos de Bacharelato no noso Instituto Provincial. Naceu o 19 de novembro  (nalgunhas fontes pon que naceu en febreiro) de 1910 e no ano 1921, cando tiña 11 anos, aparece inscrita no primeiro curso de Bacharelato. Realiza os seis cursos por oficial tituándose en 1927. Posteriormente solicita traslado á Escola Normal de Ourense. No ano 1933 superou os cursiños de maxisterio.  Estivo destinada na escola de Córnea en Piñor de Cea e logo na escola de San Martín de Allariz. Poderíamos estar falando da irmá do intelectual galego exiliado tras a guerra civil na República Dominicana, José Almoina?

Vid: Cid Galante, Rosa María (2007) Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento publicada en formato electrónico pola Universidade de Vigo; El Pueblo Gallego, 13 de outubro de 1933, p. 9; El Magisterio Español, 7 de agosto de 1934, p. 12; El Pueblo Gallego, 22 de maio de 1957, p. 9.