Etiquetas

21 febrero 2014

OLGA NEGREIRA GONZÁLEZ

Olga Negreira naceu na Habana o 23 de agosto de 1920, filla de pai coruñés e nai ourensá, viviu en Ourense, Galicia, xunto á súa familia, desde o dez e até o dezasete anos de idade, data en que regresaron a Cuba con motivo da Guerra Civil. Desde moito antes da súa partida para España xa era socia do M.I Centro Galego da Habana, de Unión Ourensá e outras asociacións galegas e españolas, entidades coas que sempre colaborou de forma entusiasta.

Comezou a súa vida laboral en 1940 como traballadora dun laboratorio de produtos farmacéuticos. Posteriormente e unha vez graduada como estenógrafa, nas oficinas da Compañía General Electric de Cuba, e no Ministerio de Comercio Interior (MINCIN) a partir de 1959, onde se xubilou en 1978.  

A partir do ano 1992, data en que foi creada a Cátedra de Cultura Galega na Universidade da Habana -e até 1994- desempeñouse como colaboradora do primeiro profesor que tivo dita Cátedra. Polo seu completo dominio do idioma, foi a primeira profesora de lingua galega con que contaron durante aqueles anos os naturais e descendentes de galegos na Habana.

Realizou un meritorio labor como integrante da Comisión Xestora que refundó en 1995 o Centro Unión Ourensá da Habana xunto ao desaparecido enxeñeiro, José Manuel Docampo López, e outros ourensáns e os seus descendentes, que con gran sentido de pertenza colaboraron coas Federacións de Sociedades Galegas e Españolas en Cuba. 
Faleceu na Habana á idade de 94 anos.
Vid: Noticias Cibercuba