Etiquetas

10 diciembre 2013

MARGARITA TABOADA

Cando unha persoa se pon a investigar atopa, entre outras cousas, a compañeiros, amigos e coñecidos que se entusiasman coma unha para indagar sobre algunha das nosas mulleres ourensás. E estamos nese caso. 

Cando eu atopei o nome de Margarita Taboada entre os rueiros de O Carballiño quixen saber de quen se trataba pois dedicarlle unha rúa a unha persoa é algo moi significativo. 

Na pescuda de información tiven unha grata compañía e colaboración por parte dos meus compañeiros de traballo na Laboral Asunción Pérez que contactou con Begoña que traballa no Concello de O Carballiño e de José Pérez que me puxo en contacto con José Benito, párroco de O Carballiño. Pois ben, todos eles recompuxeron un pouco os trazos vitais de Margarita Taboada.

Margarita Taboada era natural de Lalín pero vivíu en O Carballiño. Esta tiña en propiedade un piso no que viviría Don Evaristo Bahamonde o encargado de obras do templo da Veracruz. Pois ben, Margarita Taboada acabou cedendo a casa parroquial e os terreos para a construción da igrexa. Ante tanta xenerosidade o Concello quixo honrala dedicándolle unha rúa, por iso no Carballiño hai unha rúa chamada Margarita Taboada.

Despois pescudei na hemeroteca que me ofreceu datos desa muller caracterizada polas súas obras de caridade e pola súa humildade. Como puiden comprobar, era unha muller moi devota e que participou en numerosos eventos públicos relixiosos.

Finou o 4 de outubro de 1928 e a prensa da época resaltou a súa figura como unha muller moi entregada á vila de Carballiño.

(Elaboración propia)