Etiquetas

27 diciembre 2013

ALDONZA ALFONSO

Situámonos no século XIV e atopamos a Dona Aldonza Alfonso que, en certa medida, viuse inmiscuída na historia de Aldonza de Mendoza, duquesa de Arjona e señora de Cogolludo e filla de Diego Hurtado de Mendoza e irmanastra do Marqués de Santillana. 

O caso é que Aldonza de Mendoza estaba casada con don Don Fardique, conde de Trastámara pero este non tratou ben á súa muller e foille infidel. Entre as mulleres que formaron parte da vida de Don Fardique estaba Aldonza Alfonso que era natural de Ourense e foi a súa amante tendo tres fillos con Don Fardique.

26 diciembre 2013

CARMEN MARTÍNEZ BLANCO

As mulleres tiveron un papel fundamental na resistencia franquista. Houbo lugares en Galicia nos que chegaron a organizarse extensas redes de mulleres para garantir a seguridade dos homes fuxidos. 

Carmen Martínez foi unha desas mulleres que en Porqueira, lugar onde a presenza dos fuxidos que se refuxiaban en Portugal era ocasional para realizar labores agrícolas, protexeu ao seu home polo que foi detida:

"(...) hallándose la fuerza instructora prestando servicios en las inmediaciones de la línea fronteriza con Portugal, adviritó la presencia de un home y dos mujeres, que se hallaban cargando un carro, huyendo el hombre al advertir la presencia de la fuerza, y siendo detenida una de las mujeres, que resultó llamarse Carmen Martínez Blanco, esposa del desertor perteneciente al reemplazo de 1933 Albino Dobaño Dafonte, presumiéndose que el hombre que estaba con ella sea su esposo, ya que se tiene noticias de que, desde Portugal solía pasar a España trabajando en las labores del campo"


Vid: Prada, Rodríguez, J., "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en Juana, Jesús de y Prada Rodríguez, Julio, As mulleres en Galicia no século XX, Vigo, Ir Indo, pp. 179.

25 diciembre 2013

LUCÍA NESPEREIRA

Naceu en Pereiro de Aguiar no ano 1986. Comezou no mundo do atletismo da man de Germán González no equipo de Ben-Cho-Shey. Pero, na actualidade, está mergullada no mundo do fútbol sala onde está acadando méritos notorios tales como pertencer á Selección Feminina de Fútbol sala.

10 diciembre 2013

MARGARITA TABOADA

Cando unha persoa se pon a investigar atopa, entre outras cousas, a compañeiros, amigos e coñecidos que se entusiasman coma unha para indagar sobre algunha das nosas mulleres ourensás. E estamos nese caso. 

Cando eu atopei o nome de Margarita Taboada entre os rueiros de O Carballiño quixen saber de quen se trataba pois dedicarlle unha rúa a unha persoa é algo moi significativo. 

Na pescuda de información tiven unha grata compañía e colaboración por parte dos meus compañeiros de traballo na Laboral Asunción Pérez que contactou con Begoña que traballa no Concello de O Carballiño e de José Pérez que me puxo en contacto con José Benito, párroco de O Carballiño. Pois ben, todos eles recompuxeron un pouco os trazos vitais de Margarita Taboada.

Margarita Taboada era natural de Lalín pero vivíu en O Carballiño. Esta tiña en propiedade un piso no que viviría Don Evaristo Bahamonde o encargado de obras do templo da Veracruz. Pois ben, Margarita Taboada acabou cedendo a casa parroquial e os terreos para a construción da igrexa. Ante tanta xenerosidade o Concello quixo honrala dedicándolle unha rúa, por iso no Carballiño hai unha rúa chamada Margarita Taboada.

Despois pescudei na hemeroteca que me ofreceu datos desa muller caracterizada polas súas obras de caridade e pola súa humildade. Como puiden comprobar, era unha muller moi devota e que participou en numerosos eventos públicos relixiosos.

Finou o 4 de outubro de 1928 e a prensa da época resaltou a súa figura como unha muller moi entregada á vila de Carballiño.

(Elaboración propia)

09 diciembre 2013

DONOURO

Situémonos no Ourense do século XV, e máis concretamente entre os anos 1457-59. Donouro era unha muller xudea casada con David un prateiro que residiu na nosa cidade durante vintecinco anos, entre 1434 e 1459. O papel xogado pola súa dona foi interesante pois, como outras tantas mulleres, ao enviuvar tivo que estar ao fronte do negocio e da xestión dos bens económicos.  

Donouro tivo que facer fronte a varios asuntos xudiciais, entre eles, a reclamación dun empezo que o seu home fixera con Lorenzo de Seoane. Concretamente Lorenzo de Seoane reclamaba que lle fose devolvta a peza de prata que empeñara a David. Como este falecera, as autoridades ourensás solicitaron que Donouro presentase nun prazo de tres días, a documentación que tiña o seu home pero esta non puido presentar ningunha documentación polo que condearon a Donouro a que nos seguinte nove días dese a Lorenzo Seoane unha cantidade de prata. 

Poucos días despois, Donouro enfrontouse a outra demanda da que saíu absolta. Todo isto pon de manifesto que as mulleres teñen que facer fronte aos negocios familiares adquirindo, deste xeito, notoriedade pública.

Vid: Antonio de Rubio, Mª Gloria, "La historia de las mujeres desde el IEGPS: proyectos y resultados. El caso de las mujeres judías" en García Fernández, M.; Gernadas Martínez, S.; Ballesteros Ferández, A. (eds) As mulleres na historia de Galicia, Santiago, Andavira, 2012, pp. 109-110.