Etiquetas

11 noviembre 2013

JOSEFINA (FITA) BUSTAMANTE MUÑOZ

Meu amigo Rafael Salgado, que está facendo un labor estupendo co blog Ourense no Tempo, envioume esta fotografía da muller de Don Ramón Otero Pedrayo, Dona Fita. Ela tamén tivo un papel interesante na historia de Ourense pois xunto con outras donas de ilustres ourensás defenderon o galeguismo e o papel da muller na sociedade.

Fita e Otero casaron o 6 de agosto de 1923 en Santander, cando Ramón estaba alí de profesor. Trasladáronse a Ourense e ela adaptouse moi ben á Galicia e residían na rúa da Paz da cidade. Acompañou sempre ao seu home nos eventos culturais nos que el participaba e compartía ideas co seu home. Otero chegou a dicir dela nunha entrevista feita por Luis Álvarez Pousa que:

«O noso matrimonio foi moi feliz, pois que a miña esposa entendeume sempre coma ninguén. Ela soupo sentir conmigo os fenómenos i os problemas de Galicia. De maneira que estamos perfectamente compenetrados. Foron anos de moita felicidade».

En efecto, sentiuse galega, de feito foi a Vicepresidenta do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense.

El Pueblo Gallego, 5 de agosto de 1973

Recolle esta noticia a celebración das vodas de ouro do matrimonio. A el asistiron máis de 250 de invitados.


Faleceu o 9 de abril de 1975 e un ano máis tarde falecería Otero Pedrayo. Os funerais tiveron lugar na Igrexa de Santa Eufemia do Centro e logo foi soterrada no Cemiterio de San Francisco. Foi o día do seu enterro un día de loito e pena para a toda a cidade de Ourense.