Etiquetas

25 octubre 2013

PILAR SIDAROL

Un traballo moi interesante elaborado pola Biblioteca Nacional de España céntrase nas Impresoras españolas dos séculos XVI ao XIX. Quérese poñer en valor o papel da muller no mundo do libro. A maioría delas eran viúvas ou fillos de impresores e que herdaron o negocio familiar. Por este motivo, e por non figurar máis que nos pés de imprenta e pola escasa consideración social, apenas son recoñecidas.
O traballo ben merece unha visualización pois resaltan que o rol da muller nas imprentas foi máis activo do que puidera parecer non só imprimindo libros senón difundido ideas.

O caso que nos ocupa agora é do de Pilar Sidarol. Pilar era ourensá e estaba casada con Pedro Lozano. Pedro Lozano era rexente da imprenta ourensá que era propiedade de Don Francisco Luís Compañel que era de Santiago e que, tras falecer, quedou como encargada do seu negocio a súa dona e os seus fillos que viñeron para Ourense onde permaneceron tan só un ano.  Pero Pedro Lozano  faise co negocio da viúva de Compañel adquirindo tamén a imprenta que tiñan en Santiago. Da súa imprenta sairá o Boletín Eclesiástico, o periódico a Lira del Miño, o Boletín Oficial de Bens Nacionais, etc. Tras a morte do impresor queda a súa viúva ao cargo da imprenta durante os anos 1863 a 1885 e no 1900 pasará a chamarse Fillos de Lozano.

Aínda que non consignemos máis da vida de Pilar Sidarol, bo é lembrar o seu nome  e o papel que desempeñou na difusión das publicacións periódicas da nosa cidade.
Vid: Memoria acerca de la imprenta y el periodismo en la provincia de Orense. Boletín nº 207-208 - (Carré Aldao, Eugenio.)
Vid: Biblioteca Nacional: http://www.bne.es/es/Micrositios/Guias/MujeresImpresoras/Introduccion/


16 octubre 2013

MENÇIA

Ben é sabido da comunidade xudea que había no século XV en Ourense e que se situarían de forma dispersa polas rúas «Plaza del Campo»,  «Rúa da Barreira», «Rúa da Carnicería», «Rúa da
Corredoira», «Rúa da Pixoteria»,  «Rúa da Praça»,  «Rúa do Canpo e Tendas»,
«Rúa dos Arcedianos», «Rúa dos Çapateiros» e a «Rúa Nova», -que foi a que contou cun maior número de xudeos e na que se localizaba a sinagoga e na que, posteriormente, tras unha normativa que obrigaba á separación da comunidade xudea se converteu na zona exclusiva dos xudeos.
Pois ben, no seu da familia do Mestre Abraao vivía Mençia que se converteu ao cristianismo o 9 de marzo de 1483. Dita conversión fixo que as autoridades ofrecesen a exención de todos os tributos e o disfrute de todos os privilexios e liberdades a quen casase con ela.

Vid: Antonio Rubio, Mª Gloria de, "La historia de las mujeres desde el IEGPS: proyectos y resultados. El caso de las mujeres judías" en VVAA, As mulleres na historia de Galicia, Santiago, Aldavira, 2012, pp. 107-108; Antonio Rubio, Mª Gloria de. "Distribución urbana de la minoría judía en Galicia: La judería" en http://estudiosgallegos.revistas.csic.es.



11 octubre 2013

SARA CAO VARELA

Sara Cao naceu en Ourense no ano 1919. Titulouse na carreira de Maxisterio e exerceu como mestra en varios colexios de Galicia como Lovios, Carqueixa en Sober e  nos colexios do Sagrado Corazón e San Antonio en Monforte, terra onde se afincou e onde lle dedicaron unha rúa. Destaca Sara Cao no terreo da poesía, escribindo en galego e en castelán. Caracterízase a súa poesía pola sinxeleza e a espontaneidade.
Vid e foto: La Voz de Galicia

08 octubre 2013

MARÍA CONCEPCIÓN GARRIDO FERNÁNDEZ

Naceu, segundo o seu expediente universitario no que consta a partida de nacemento o 21 de marzo de 1910 en Ourense, na casa número tres da Rúa da Unión da cidade. O seu pai era Anselmo Garrido Cedrón, natural de Rioseco de Valladolid, que, chegado a Ourense abríu un comercio. Era un home amante da arte como o demostra que ofrecese o seu escaparate comercial para expor obras artísticas como a de Concepción Laguardia. Pero faleceu prontamente, á idade de 44 anos, o 14 de novembro de 1913. A nai de Concepción Garrido era María Soledad Fernández Rodríguez que era de natural de Ourense. 

Realizou os estudos de bacharelato no Instituto de Ourense. Fixo o exame de ingreso o 25 de xuño de 1921. Cursou de xeito oficial desde 1921 ata 1927 e no seu expediente consta que sacou dezasete sobresalientes e seis premios, unhas cualificacións brillantes. Tramitou o certificado e a expedición de título o 24 de maio de 1928.

Matriculouse na carreira de Ciencias da Universidade de Santiago no ano 1927-1928 pero tan só realizou un curso. Pasou a exercer no maxisterio tras realizar os cursiños en 1931. En 1933 estaba na escola de Escornabois en Trasmiras e, en 1934, foi para a escola de Rouzós. Despois exerceu en Alongos.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento e A.H.U.S, Expedientes Académicos. Vid tamén hemeroteca.