Etiquetas

10 septiembre 2012

AS LEITEIRAS OURENSÁS

Situémonos no Ourense do segundo decenio do século XX. Por aquel entón produciuse un conflito protagonizado polas leiteiras ourensás que protestaron contra o concello. O incidente sucedeu no mes de novembro de 1918 cando estas expendedoras de leite non concorreron ao mercando en sinal del protesta contra as medidas acordadas polo Axuntamento. Así que non había suficiente leite para abastecer ás numerosas persoas que, durante a crise da gripe, estaban sometidas a un réxime lácteo. A situación creada provocou algún altercado, pois segundo a prensa local La Región:  “Las pocas lecheras que ayer vinieron fueron hostilizadas y coaccionadas por las que no querían entrar en el pueblo, y alguna llegó a ser agredida”.
O motivo foi porque o concello ourensán instaurara a regulamentación do servizo de inspeccións do leite constituíndo unha Sección especial no Laboratorio Municipal de Hixiene. Neste departamento as leiteiras debían inscribirse nun libro de rexistro onde figurara o número de orde do expendedor, o nome e apelidos, o lugar de residencia e unha nota dos días en que eran recoñecidas as mostras de leite. A máis disto, tiñan a obriga de presentar no laboratorio todos os utensilios que utilizaban para o reparto para proceder a marcalos cunha medalla onde figurara o número de orde correspondente ao expendedor. Estas medidas contribuirían a garantir a confianza no leite que se distribuía, de tal forma que se algunha vez se recollía o leite en malas condicións quedaba figurado no control e multaríase á expendedora no caso de que volvera reincidir. O concello tamén dispuxo o pago dunha peseta pola marca da vasixa, e isto foi o detonante da protesta das leiteiras ourensás que pensaban que tiñan que aboar o pago cada mes, e non era así. Unha comisión deste grupo de mulleres acudiu á alcaldía porque non estaban dispostas a someterse ás esixencias da corporación e foron aconselladas a que parlamentaran coa autoridade municipal para que expuxeran as súas razóns. Aclarado e encarreirado o problema, de novo as leiteiras acudiron masivamente ao mercado inscribíndose algunhas no rexistro do Laboratorio e entregando as vasillas para que foran marcadas, así que as leiteiras estaban dispostas a seguir as normas aínda que circulaban faladurías de que a este colectivo se lle facía pagar uns tributos.
Pero outro problema co mesmo sector perfilouse anos máis tarde, en novembro de 1922, cando dende o concello se lles indicou que rebaixasen o prezo do leite a trinta céntimos. A situación tornouse tensa pois as leiteiras indicaron que estarían dispostas a tal redución sempre e cando tamén se lle esixira a rebaixa a outros artigos de primeira necesidade (aceite, pan, carne, bacallao e artigos de vestir). Véxase como era recollida esta información pola prensa local, neste caso, La Zarpa, que fiel á súa liña toma partido en favor das leiteiras: 
“Los guardias municipales y los de seguridad, cumpliendo órdenes del Alcalde, trataban de obligar ayer a las lecheras a vender la leche a treinta céntimos, llegando a cometer con ellas algunos atropellos.
Está visto que este Alcalde, cuando se dispone a hacer algo, es indefectiblemente una barrabasada. Para meterse con infelices mujeres y echárselas de autoridad no tiene empacho alguno
Esas pobres campesinas están dispuestas a rebajar el precio de la leche, en caso de que a los comerciantes se les exija la rebaja de otros artículos de primera necesidad como el aceite, el pan, la carne, el bacalao y artículos de vestir. Y tienen razón que les sobra”.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense (1900-1930), capítulo VIII, Tese de doutoramento publicada en formato dixital por Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Cid Galante, Rosa María, "Grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos e reivindicativos", Revista Minius, 14, 2006, pp. 57-72.


No hay comentarios:

Publicar un comentario