Etiquetas

14 julio 2012

MARÍA BREY MARIÑO

Naceu en Poboa de Trives, provincia de Ourense en 1910, cursou os primeiros anos de bacharelato no Instituto Provincial de Ourense e logo trasladouse a Bilbao (vid Muller e educación en Ourense (1900-1930) tese de doutoramento publicada polo Gabinete de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo). Estudou en Bilbao  Filosofía e Letras na vella Universidade Central. Entra en contacto coa Institución Libre de Ensino e relacionouse co máis selecto da intelectualidade do momento e, con 21 anos, saca a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA). A súa obsesión, xunto a outros bibliotecarios como María Moliner, Agustín Milleiros Carlo, Teresa Andrés Zamora, Francisco Rocher ou Asunción Martínez Bara, era a de "socializar a cultura" e con ese obxectivo involucrouse en varios proxectos republicanos.

Durante a guerra estivo sempre traballando no bando republicano e, acabada a contenda, decidiu quedar en España xunto ao seu marido. É entón cando as novas autoridades franquistas deciden iniciar contra ela un proceso de depuración que termina tachándoa de "vermella" e "ultraizquierdista".
'Esquerdista'

O informe completo, emitido o 25 de xaneiro de 1940, contiña nove acusacións sen fundamentos obxectivos e con acusacións de persoas anónimas que non podían ser refutadas por María Brey. "É unha esquerdista e nada cordial cos seus compañeiros", empeza este informe de depuración que recolle o testemuño, entre outros, do gobernador civil de Valencia: "Era notorio que era ultraesquerdista, tiña amizades íntimas cos vermellos e, mesmo, vivía en 'república de vermellos'".

Despois do proceso, María Brey é trasladada a Huelva ao peor destino de entón, unha biblioteca dunha delegación de Facenda. No 43 pide traslado para a Biblioteca das Cortes, pero a persecución xudicial non se detén. O seu posto é provisional e durará até 1961. Ese ano, cansa, xunto co seu marido, trasládanse a Nova York onde comezan a traballar para a Hispanic Society of America.
Deciden retornar a España, a pesar do seu expediente 'vermello' e de que en Estados Unidos podían gañar unha auténtica fortuna. De novo en Madrid, María Brey comeza a traballar de arquiveira na Fundación Lázaro Galdiano, unha insitución próxima ao Réxime.

Instalada en Madrid co seu marido inician unha tertulia na súa casa á que axiste o máis selecto da intelectualidade de entón: Manuel Azaña, María Moliner, Lázaro Carreter... Rodríguez Moñino morre en 1970. A partir de entón, a tertulia decrece e dedícase a ordenar e arquivar os seus libros. E é que María Brey Mariño, 'dona María' para toda unha xeración de bibliógrafos que hoxe son catedráticos e que frecuentaron a súa casa, chegou a almacenar xunto ao seu marido a maior biblioteca privada de España.

Dirixiu exposicións, congresos e reunións de investigación bibliotecaria, e publicou numerosos traballos. Traduciu autores franceses: a Lacroix, a Asselineau, a Uzanne; perseguiu a pista e os textos de escritores como a relixiosa Luisa de Carvajal, o cardeal García Hernández ou o sentido Juan Meléndez Valdés: colaborou nalgún catálogo de envergadura como o dos manuscritos poéticos españois de The Hispanic Society of America e puxo en castelán actual para moitos lectores o Libro de bo amor na súa querida colección de Odres Novos, que dirixiu con conciencia e entusiasmo. E ademais lía novelas policiacas e casou con Antonio Rodríguez-Moñino.

Alentou sempre a memoria do seu home, o seu recordo e a vixencia dos seus traballos e da súa forma de entender a literatura española; coidou dunha das bibliotecas mellor dotadas para comprender o noso pasado e defendeu, sempre co intelixente silencio da experiencia, unha maneira de ver os libros, os manuscritos e os papeis.

Tras a súa morte, en 1995, todos os fondos -máis de 17.000 obras, incluídos gravados de Durero e de Goya- pasaron aos fondos da Real Academia Española (RAE). Foi a súa gran contribución á cultura española a pesar de que seguiu sempre levando o sambenito de 'vermella'.


Vid: El País e El Mundo (Foto, El Mundo)

11 julio 2012

JULIA ANGELITA REY PUMAR

Naceu en 1918 en Ourense. Cursou estudos de música no Conservatorio Nacional de Madrid onde obtivo unhas brillantes cualificacións tanto en solfexo como en piano. Compaxinaba estes estudos cos de Bacharelato no Instituto Provincial de Ourense onde tamén se titulou.
Vid: Vida Gallega, xuño 1934.