Etiquetas

29 abril 2012

ROSA PONS I FÁBREGAS

O profesor Xosé Manuel Cid Fernández fai a portación desta muller no album de mulleres de Cultura Galega. Unha muller que tivo unha grande repercusión na educación da provincia de Ourense. Transcribimos aquí un resumo da valiosa información do profesor Xosé Manuel Cid. Rosa Pons naceu en Barcelona en 1902 e faleceu en Parada do Sil en 1988. Rosa veu á Ribeira Sacra en 1925. Lonxe de ser un castigo, que a ditadura de Primo de Rivera lle trataba de impor polo seu catalanismo, acabou por ser un premio para Parada de Sil e unha nova patria para ela. Aquí casou, tivo crianzas, viviu a súa xubilación e foi enterrada. En 2009, recibiu unha homenaxe por parte do Concello, déuselle o seu nome a unha praza e promoveuse a edición dunha biografía que tiven a honra de escribir. Rosa Pons, nunha escola rural, pouco comunicada cos centros de poder e de control, puido pór en práctica, a mediados dos anos vinte, a mellor pedagoxía do momento, prohibida no Estado español, pero estendida por toda Europa e outros puntos do planeta: a pedagoxía da Escola Nova. A súa formación na Escola Normal de Barcelona, pensada para un sistema educativo moderno, deulle unha bagaxe teórica e práctica para o exercicio da profesión, que, agás nalgúns casos de autodidactismo con experiencias illadas moi meritorias, non abundaba moito por Galicia. A súa foi unha experiencia renovadora que xerou entusiasmo nas nenas e na sociedade de arredor. Iso é o que fixo aínda máis meritorio o seu traballo. A súa estadía en Galicia vaise prolongar ata 1933. E serán os anos que van desde 1925 ata 1928 os máis frutíferos da súa carreira profesional en Parada de Sil. Durante uns anos non temos noticias súas, pero reaparece en 1932 e 1933. Isto pode ser explicado tomando en conta aspectos da súa propia vida privada que probablemente supuxeron unha paréntese na súa traxectoria profesional; casa en 1927, ten a súa filla Rosa en 1928 e o seu fillo Camilo en 1930. Entre 1925 e 1928 encontramos evidencias dunha práctica escolar que pode estar á altura das experiencias coñecidas dos grandes autores da Escola Nova. Coñecedora a fondo de Montessori e Decroly, Rosa Pons non deixa de adaptar estas ideas e métodos ao contexto concreto das súas nenas de Parada de Sil. Xogando con elas na neve, demostroulles aos poderes fácticos que as decisións pedagóxicas lle correspondían á mestra. Toda unha revolución, tanto polos métodos pedagóxicos, como polo feito de ser muller. O xogo non sería a única novidade integrada na práctica da súa forma de ensino. Como boa discípula da Escola Nova, utilizou as técnicas que mellores resultados estaban a dar por Europa: os cadernos de rotación, os centros de interese de Decroly, as saídas pola comarca para estudar o medio da contorna, a interdisciplinariedade, a correspondencia escolar con escolas de Catalunya, as exposicións e festas escolares, as cuestións ambientais, etc., todo tiña un espazo e un tempo no seu plan pedagóxico ao longo do curso. En 1932 e 1933 organiza as Misións Pedagóxicas, xunto co mestre Alfonso G. Rojo. Xuntan as dúas escolas, para tentar a graduación e a coeducación, como vantaxes pedagóxicas, inda rexeitadas en contextos rurais. En xuño de 1933, probablemente pensando no futuro da filla e do fillo, decide trasladarse a Barcelona. As crianzas ían ter a posibilidade de coñecer a nova realidade dunha gran cidade. A ela abríaselle a posibilidade de ver medrar os proxectos escolares do Padroado Escolar de Barcelona, nun contexto democrático favorable, cos dereitos lingüísticos recoñecidos. No Ramón Llull, primeiro, e no Isaac Albéniz, máis tarde, onde chegou a xubilarse como directora, tivo a oportunidade de vivir a educación como ela a soñara. Consérvanse uns extraordinarios cadernos de aulas, escritos en catalán polo seu alumnado durante os anos 1934 e 1936. No novo contexto de represión e censura do franquismo, traballou aqueles aspectos que o réxime non acada a ver como perigosos: o teatro foi o gran recurso de traballo non só escolar, senón tamén comunitario. Unha vez xubilada e de novo en Parada de Sil, fai traballo comunitario. Xuntou a veciñanza no gozo e preservación das festas e tradicións populares a través do Teleclube. Este foi premiado polo Goberno, por este motivo Manuel Fraga Iribarne, entón ministro da Gobernación, visitou Parada de Sil. OBRA: 1925: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil 1926: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil 1927: Cuadernos de rotación, Escola de nenas de Parada de Sil 1934: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona 1935: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona 1936: Cuadernos de rotación, Grupo escolar Ramón Llull de Barcelona Autor/a da biobibliografía: Xosé Manuel Cid Fernández en www.culturagalega.org

21 abril 2012

ANTONIA CONDE NIETO

Coñecida como Madre Salud. Naceu en Ourense, onde realiza os estudos para completalos logo en Madrid. En 1956 marchou a México e instalouse primeiro na Colonia Cuahtémoc como encargada da comunidade relixiosa e do Kinder Conchita. Iniciou a fundación do colexio Miraflores e entreou a súa vida á educación e ao ben dos demais. A relixiosa fundou no país azteca varios centros escolares, entre os que destacacan, ademais do mencionado Miraflores, os colexios Cuernavaca e Toluca, no Estado de México. conde nieto desempeñou ademais cargo de asesora no Colexio Reina Madre e no Carme Salles School e foi presidenta do Comité de Colexios particulares. Cando ocupaba este cargo, negociou co goberno mexicano para acadar melloras na educación. Tamén traballou en varios grupos de alfabetización e fundou obras sociais como colexios gratuítos: Anxelo Matute Vidal onde actualmente estudan 70 nenos.
Vid: Gran Enciclopedia Galega. Apéndices 2005-2010, vol. 37 p. 28.

15 abril 2012

ÁNXELES JORRETO VEIGA

Naceu en Ourense e en 1965 estableceuse en Vigo, cidade na que intensifica a súa produción artísitca a través da investigación de diversos materiais e buscando novas formas para inserir nos seus traballos, centrados principalmente na pintura. A súa formación foi autodidacta e realiza as súas primeiras exposicións en 1990 mentres se forma como conservadora preventiva de bens culturais no Museo Municipal Quiñones de León e promove varios cursos de pintura e artesanía. Exhibiu a súa obra en Vigo, Ourense, Pontevedra, Tui, Madrid, Bilbao, Milán...é membro da Asociación de Artistas Plásticos de Vigo, da Federación Internacional de Artistas Plásticos de Barcelona e socia fundadora da Asociación de Artistas Plásticos Galegos.  Segundo Pedro Solveira, a obra de Anxeles caracterízase pola súa espontaneidade, o pincel é libre e voa por un mundo vexetal que o invade todo. Francisco Pablos indica que os temas simples teñen certo intimismo a pesares do seu quente cromatismo.
Vid: Enciclopedia Galega, Apéndice 2000-2005, tomo 38.

08 abril 2012

FILOMENA ARIAS ARMESTO

Naceu en Ribas de Sil, Ourense en 1865 e faleceu en 1938. Foi coñecida como "a meiga de Torbeo" pois era curandeira e adiviña. Foi unha das precursoras da Mediciña Naturista. Practicou durante toda a súa vida a curación e á súa casa acudían xentes de toda Galiza, Castela  e Norte de Portugal. Entre 1936 e 1938 foi desterrada a Monforte de Lemos.
Dende o ano 2000 o Convivio Galaico-Portugués de Menciñeiros e Curandeiros vén celebrando encontros dedicados á súamemoria e en 2004 descubriu unha placa conmemorativa no lugar de Rairós en honra da curandeira.
Vid: Gran Enciclopedia Galega, apéndice 2005-2010, nº 42, p. 59.

04 abril 2012

MARÍA PILAR PRIETO ANTÓN

Naceu en Avión (Ourense) no ano 1953. Cursou estudos de Arquitectura e en 1977 comezou o seu labor investigador traballando en proxectos de iniciativa privada. Xefa da Unidade Departamental de Estudos e factibilidade en 1988 participa na reordenación urbana da cidade de México, concretamente nos Aneis Periféricos Arco Norte e Arco Oriente, Puentes, Paso a Desnivel e Reforma de Arquímedes Rubén Darío entre outras. É autora do libro Geometría III (Universidade La Salle) e intervén no proxecto e obra do edificio de Oficinas nos Campos Elíseos da Colonia Polanco (México, 1991) e en España no Centro de Rehabilitación Fisioterapeuta e Xeriátrico para a Unión Europea (Valencia). Dende 1991 imparte docencia na Universidade Nacional Autónoma de México. Recibiu o premio de Arquitectura en 2004.
O seu traballo e escritos foron publicados internacionalmente, incluíndo revistas como Volume, eVolo, Aglutinacións (Online), PIN-UP Magazine, libros da Tate Liverpool e do Ministerio de Vivenda de España e catálogos de exposicións da Fundación Marcelino Botín (como artista en residencia con Antoni Muntadas) e 2008 Culturas (Escenarios de Cambio) do Ministerio de Cultura de España. Desde 2004 María conduciu un proxecto de entrevistas sobre Arquitectura e Política cunha lista aberta de pensadores e artistas, entre eles Bruno Latour, Krzysztof Wodiczko, Chantal Mouffe (con Elise Youn), Olafur Eliasson e Elizabeth Grosz. Deu conferencias en Columbia University, Interactive Institute NVISION Studio, Medialab-Prado, a Escola de Arquitectura de Sevilla e a Fundación do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, e presentado o seu traballo de investigación no MIT, Berkeley, Yale, a Bauhaus-Universität Weimar, IUAV Istituto dei Storia dei Architettura (Aula Tafuri), a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e o Consello Superior de Investigacións Científicas-CSIC. María recibiu un Master of Science in Advanced Architectural Design-MSAAD da Graduate School of Architecture, Planning and Preservation de Columbia University e actualmente está a facer o seu doutoramento no Manchester Architecture Research Centre-MARC. Directora fundadora de ARCHITECTUREPUBLIC, unha axencia internacional de investigación para colaboracións arquitectónicas e editoriais, onde pretende instigar prácticas a man radicalmente e activamente para representar realidades vulnerables  na interacción entre o servizo público, a produción de coñecemento e a proxección da arquitectura.
Vid: Gran Enciclopedia Galega. Apéndice 2000-2005, nº 40, p. 147.
Vid: http://medialab-prado.es/person/maria_prieto
Foto: Propuestas in consultas