Etiquetas

27 marzo 2012

ANTONIA ORTÍZ CURRAIS

Antonia naceu en Corgo, Ourense, en 1886. Estudou maxisterio por libre na Escola Normal da Coruña e conseguiu o título de mestra superior. Isto permitíalle rexentar escolas completas e nas cidades. Procurou o acceso ao ensino mediante oposición entre 1907 e 1909 e tivo o seu primeiro destino na escola anexa á Escola Normal de Pontevedra en 1908. O salario de 825 pesetas anuais non lle chegaba para pagar a pensión, tal como nos manifestou en 1982, cando conversamos na súa casa de Ourense. Iso foi o que a motivou a prepararse para a inspección e chegou a ser a primeira muller en Galicia en conseguilo. O maxisterio, que nas primeiras décadas era unha profesión mal pagada, tería unha consideración social axeitada no pequeno paréntese da Segunda República, e volvería para atrás no franquismo. As 1000 pesetas anuais que cobraban en 1913 depreciáronse no final dos anos corenta, nos que o salario de entrada no maxisterio era inferior no seu valor relativo ao de principios de século. Antonia Ortiz era nesa altura inspectora, ocupaba un dos primeiros postos da escala, e cobraba 18 000 pesetas anuais.

Para progresar nesta carreira, comezou por matricularse na Escola de Estudos Superiores do Maxisterio, creada en Madrid en 1911, para dar un salto cualitativo na formación de profesorado de Escolas Normais e da Inspección, e titulouse en 1918. Ademais do profesorado altamente cualificado para formar pedagoxicamente aos futuros profesionais, nesta Escola destaca tamén o alumnado, chamado a desempeñar un papel fundamental no cambio educativo nas seguintes décadas. Así, por exemplo en Ourense, terían un papel na pedagoxía local no tempo da reforma educativa republicana figuras como Vicente Risco, Manuel Maceda, Concepción Ramón e a propia Antonia Ortiz.

Antonia Ortiz exerceu a inspección en Ourense, entre 1920 e 1956, ano en que se xubilou. Na primeira década era inspectora das escolas femininas de toda a provincia. Non escatimou esforzos para visitar as mestras dos lugares mais illados, trasladándose en burros ou cabalos naquelas rutas en que non circulaban os coches de liña. Nese contexto, marcado polas diferenzas sexoxenéricas no exercicio da docencia, destaca a organización dun curso de bordado, en 1929, en colaboración coa casa Singer. Dirixiu a cantina escolar de Ourense desde 1922 a 1936 e a de Ribadavia desde 1934.

Coa chegada da Segunda República, as posibilidades de desenvolvemento profesional aumentan e xa non é a única muller inspectora, ademais non ten que percorrer toda a provincia, senón que o repartimento é por comarcas, supervisando tanto escolas de nenas como de nenos e mixtas. Antonia Ortiz elixe Ribadavia, onde continúa coas súas preocupacións pola formación permanente do profesorado; así organiza a semana pedagóxica de 1934 e viaxa por Europa en 1936 cunha bolsa da JAE (Junta para Ampliación de Estudios) para coñecer os métodos da Escola Nova. Froito deste perfil renovador mostraba un gran respecto polos mestres da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), aos que consideraba “algo radicais, pero moi bos mestres”. A súa declaración a favor de don Raúl González, no Consello de Guerra polo que sería condenado inicialmente á pena de morte, custoulle o traslado a Lugo nos primeiros meses do franquismo. De volta en Ourense continuou traballando con profesionalidade ata a súa xubilación en 1956.

Autor/a da biobibliografía: Xosé Manuel Cid Fernández, vid: Cultura Galega. Album de mulleres

No hay comentarios:

Publicar un comentario