Etiquetas

27 marzo 2012

ANTONIA ORTÍZ CURRAIS

Antonia naceu en Corgo, Ourense, en 1886. Estudou maxisterio por libre na Escola Normal da Coruña e conseguiu o título de mestra superior. Isto permitíalle rexentar escolas completas e nas cidades. Procurou o acceso ao ensino mediante oposición entre 1907 e 1909 e tivo o seu primeiro destino na escola anexa á Escola Normal de Pontevedra en 1908. O salario de 825 pesetas anuais non lle chegaba para pagar a pensión, tal como nos manifestou en 1982, cando conversamos na súa casa de Ourense. Iso foi o que a motivou a prepararse para a inspección e chegou a ser a primeira muller en Galicia en conseguilo. O maxisterio, que nas primeiras décadas era unha profesión mal pagada, tería unha consideración social axeitada no pequeno paréntese da Segunda República, e volvería para atrás no franquismo. As 1000 pesetas anuais que cobraban en 1913 depreciáronse no final dos anos corenta, nos que o salario de entrada no maxisterio era inferior no seu valor relativo ao de principios de século. Antonia Ortiz era nesa altura inspectora, ocupaba un dos primeiros postos da escala, e cobraba 18 000 pesetas anuais.

Para progresar nesta carreira, comezou por matricularse na Escola de Estudos Superiores do Maxisterio, creada en Madrid en 1911, para dar un salto cualitativo na formación de profesorado de Escolas Normais e da Inspección, e titulouse en 1918. Ademais do profesorado altamente cualificado para formar pedagoxicamente aos futuros profesionais, nesta Escola destaca tamén o alumnado, chamado a desempeñar un papel fundamental no cambio educativo nas seguintes décadas. Así, por exemplo en Ourense, terían un papel na pedagoxía local no tempo da reforma educativa republicana figuras como Vicente Risco, Manuel Maceda, Concepción Ramón e a propia Antonia Ortiz.

Antonia Ortiz exerceu a inspección en Ourense, entre 1920 e 1956, ano en que se xubilou. Na primeira década era inspectora das escolas femininas de toda a provincia. Non escatimou esforzos para visitar as mestras dos lugares mais illados, trasladándose en burros ou cabalos naquelas rutas en que non circulaban os coches de liña. Nese contexto, marcado polas diferenzas sexoxenéricas no exercicio da docencia, destaca a organización dun curso de bordado, en 1929, en colaboración coa casa Singer. Dirixiu a cantina escolar de Ourense desde 1922 a 1936 e a de Ribadavia desde 1934.

Coa chegada da Segunda República, as posibilidades de desenvolvemento profesional aumentan e xa non é a única muller inspectora, ademais non ten que percorrer toda a provincia, senón que o repartimento é por comarcas, supervisando tanto escolas de nenas como de nenos e mixtas. Antonia Ortiz elixe Ribadavia, onde continúa coas súas preocupacións pola formación permanente do profesorado; así organiza a semana pedagóxica de 1934 e viaxa por Europa en 1936 cunha bolsa da JAE (Junta para Ampliación de Estudios) para coñecer os métodos da Escola Nova. Froito deste perfil renovador mostraba un gran respecto polos mestres da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), aos que consideraba “algo radicais, pero moi bos mestres”. A súa declaración a favor de don Raúl González, no Consello de Guerra polo que sería condenado inicialmente á pena de morte, custoulle o traslado a Lugo nos primeiros meses do franquismo. De volta en Ourense continuou traballando con profesionalidade ata a súa xubilación en 1956.

Autor/a da biobibliografía: Xosé Manuel Cid Fernández, vid: Cultura Galega. Album de mulleres

22 marzo 2012

DOLORES VILLAMARÍN OTERO

Dolores era a dona de Don Francismo Dopazo Rodríguez, Deputado provincial na corporación xestora que se fixo cargo da Deputación na etapa da Fronte Popular. Dolores voi detida en xuño de 1937 e estivo no cárcere de Bande, permañecendo alí case un ano. Os informes da Comisaría de Ourense facían referencia a ela como comunista extremista, que acudía ás manifestacións coa bandeira vermella, erguendo o puño e vestindo tamén de vermello.
Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en Juana López, J. e Prada Rodríguez, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX, Vigo, Ir Indo, 2011, páx. 183.

20 marzo 2012

DOLORES GONZÁLEZ BOUZAS

Naceu en Allariz o 1 de xaneiro de 1918. O seu pai era comerciante. No ano 1931 ingresou na facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, cando tiña 21 anos. Estudou pola opción oficial e licenciouse en 1944.

18 marzo 2012

ANTONIA GONZÁLEZ ALBARDONADO

Nace en Castrelo do Val o 16 de abril de 1923 no seu dunha familia de clase media sendo o seu pai funcionario de obras públicas. En 1940 Antonia ingresa na carreira de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago onde estudará catro cursos e licenciándose en 1944.
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Vigo, Universidade de Vigo, 2011.

17 marzo 2012

MARIA DO CEO

A música e a vida de María do Ceo transcorren nas dúas beiras do río Miño. Nada en Porto, trasládase de pequena a Galicia, onde cultivou o xénero portugués por antonomasia, o fado.
Portuguesa de nacemento, María do Ceo chega a Ourense con sete anos e desde entón reside na cidade das Burgas. Entrou no mundo do fado da man do seu pai, fadista de profesión, que lle fixo sentir a profundidade desta expresión musical tan xenuinamente portuguesa.
María do Ceo empezou a cantar en 1988, pero non foi até 1995 cando se creou Alfama, grupo ao que vai unido desde entón o seu nome e que a acompaña en cada un dos seus concertos.
Vid: Caixa Galicia

MULLERES RESISTENTES AO FRANQUISMO

Neste apartado poderiamos citar a moitas mulleres. Como se observa, no blog hai mención de gran número de ourensás que se opuxeron ao franquismo e aparecen na etiqueta de represaliadas. Nesta entrada citaremos a un grupo de mulleres que foron parte activa na resistencia ao franquismo xa que participaron no corte dos postes de liña telegráfica situados na estrada e rexistraron os automóbiles que entraban e saían a Ourense pola estrada Villacastín-Vigo. Foron un grupo de mulleres que logo foron xulgadas polos tribunais de guerra: Rosa Fernández Lorenzo, Nila Fontaíña Freire, Isolina González Fernández, Javiera González Fernández, Elisa Gutierrez Lorenzo, Eusebia Iglesias Borrajo, Carmen Nóvoa Pereira, Josefa Pereira Gutiérrez, Veneranda Santos, María Sequeiros González e Josefa Tesouro Picouto.
Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, p. 175.

GLORIA ARIAS

Natural de Ourense. Participou activamente no corte de liñas telegráficas e telefónicas no Xardín do Posío o 20 de xullo de 1936 evitando así que se transmitisen instrucións por parte dos golpistas aos postos da Garda Civil e ás alcaldías da provincia.
Outro grupo de mulleres foron parte activa cortando postes de liña situados a carón da estrada, eran: Rosa Fernández Lorenzo, Nila Fontaíña.
Vid: Prada Rodríguez, J. "As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, p. 175.

IRENE RODRÍGUEZ GARCÍA

Chamada polo alcume de "A Pasionaria de Ferreiros. Formou parte do grupo de mulleres raianas que tiveron un importante papel na supervivencia dos fuxidos. Foi trasladada á prisión de mulleres de Bande e Celanova.
Vid: Martíns Rodríguez, MºVictoria, "La represión franquista sobre as mulleres" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011, páx.159.

TERESA NOVELLE RODRÍGUEZ

Teresa Novelle Rodríguez naceu en Ourense polo ano 1892. Foi a muller do militante comunista Aniceto San José e vivían en A Coruña. Foi unha das mulleres que colaboraron nas redes clandestinas contra o franquismo que organizaban fuxidas polo mar. Cando tiña 48 foi xulgada en A Coruña por rebelión e foi condeada a 20 anos de prisión.
Vid: Martíns Rodríguez, MºVictoria, "La represión franquista sobre as mulleres" en De Juana, J. e Prada, J. (dir) As mulleres en Galicia no século XX,  Ir Indo, 2011,páx. 159.