De novo resaltamos a unha muller que sen ser natural de Ourense estivo exercendo aquí a súa profesión durante un tempo prolongado. Tratase de Josefa Segovia que nace en Xaén o 10 de outubro de 1891. A segunda de seis irmáns nun ambiente familiar de cultura e sensibilidade artística. En 1904 vai vivir a Granada en casa dos avós maternos onde frecuenta a Escola Aneja para preparar o exame de ingreso na Escola Normal.
Saca o título de mestra en 1909 con premio extraordinario. Volve a Xaén para preparar o exame-oposición na Escola Superior de Estudos de Maxisterio de Madrid. E no 1913-1914 obtén o título na Escola Superior de Madrid.
En marzo de 1915 dáse a coñecer en Madrid o destino de Josefa como profesora de Pedagoxía da Normal de Ourense. En abril toma posesión do cargo en Xaén e ponse en camiño para Galicia. É reclamada en Granada para formar parte dos tribunais da Normal en xuño. E en 1916 é nomeada Inspectora de Primeiro Ensino na provincia de Xaén.
Vid: Institución Teresiana
UNHA HOMENAXE ÁS NOSAS MULLERES
É un feito incuestionable que na historiografía contemporánea se suscitou un interese crecente polos estudos sobre a muller dende diferentes puntos de vista, o que permitiu reconstruír unha parte importante, ata agora silenciada, da nosa historia.
Se revisamos manuais de historia xeral, apenas aparecen mecionadas as mulleres. Pero, afortunadamente, isto vai cambiando.
Este blog pretende dar a coñecer a mulleres do noso contorno que tiveron relevancia pola súa traxectoria vital. Intenta poñer de relevo a aquelas mulleres ourensás, de antes e de agora, que fixeron e fan pegada na historia. Son nomes propios que debemos coñecer porque é un xeito de manifestar que a nosa provincia tamén participou na "visibilización" da Muller.
Nas mulleres citadas verémonos reflectidas ao compartir as súas inquedanzas, as súas ilusións, as súas loitas ...
Salientamos estas, aínda que, de ningún xeito, hai que esquecerse de tantas mulleres anónimas que en Ourense foron e son protagonistas na nosa vida cotiá e diaria.
Con probabilidade nunca este blog se completará de todo, pois cada día emerxen novos nomes propios dos que sentirnos orgullosos todos os ourensáns.
Moitas grazas a todo o mundo por interesarse por este blog que se fai con moito cariño e respecto.
Rosa María Cid Galante

0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada