Etiquetas

25 octubre 2011

TERESA CID RUMBAO

Teresa Cid Rumbao nai de Alfredo Conde. Esta información é un breve resumo das lembranzas de Alfredo Conde sobre a figura da súa nai relatadas na Revista Galega do Ensino.

Teresa naceu en Allariz no ano 1914. Cursou os estudos de Maxisterio na escola normal de Ourense, onde foi discípula de Vicente Risco e mais de  Bartolomé Mostaza, profesor que foi dela de literatura e do que conservou sempre unha memoria grata. Exerceu a súa profesión en lugares veciños a Allariz e mesmo tamén nalgún centro privado do centro da vila.

Estivo de mestra en Rebordelo, concello de Cotobade, unha aldeíña moi próxima a Carballedo, capital do concello, onde estaba a fonda de Pepe da Chan na que ela se hospedou antes de ocupar a casa-escola que lle correspondía. Os métodos pedagóxicos que empregaba eran tan novidosos que non tiñan cabida nun ensino público tan recalcitrante ás modernidades, por iso Teresa funda en Pontevedra unha escola privada  no que aplicar non só as pautas establecidas pola Montessori senón as de Piaget, Freire e algúns outros pedagogos.

Foi así como naceu o Colexio Estudio, así denominado en honor e mellor recordo do madrileño de igual nome, vinculado á Institución Libre de Ensinanza. Foi o primeiro centro mixto de carácter legal e custou non pouco conseguir que fose administrativamente admitido en tal e clarificadora condición.

Dende un comezo os rapaces dispuxeron de carballeiras nas que realizar os seus recreos, tiveron parcelas de terra nas que facer cultivos agrícolas ou criar animais. Cando non se estilaba moito dispoñer de laboratorios de física, de química e de ciencias naturais, os alumnos do Colexio Estudio dispuñan deles todos, pero tamén de aulas de cerámica e de traballos manuais, de música, de danza e de pintura. 

Co paso do tempo o colexio ía adaptándose ás novas normativas e xa na década dos setenta as profesoras da primeira etapa de EXB daban dúas horas de clase ao día e dedicaban o resto da xornada laboral a preparalas debidamente, mentres os seus alumnos tiñan profesores de xadrez ou doutras actividades, curiosamente chamadas extraescolares.

Dende un comezo houbo un psicólogo no cadro de persoal e todos os días un médico pasaba unhas horas no centro atendendo o seu estado e seguindo o desenvolvemento corporal dos rapaces. As clases de galego, que xa se viñan impartindo dende sempre, continuaron dándose no novo colexio acaso con maior intensidade. 

Cando non se sabía ben aínda que eran, no colexio xa houbo aula de informática dotada con ordenadores, na que os rapaces de entón empezaron a tomar contacto con eles e coas novas tecnoloxías. 
Dábanselles clases de gramática da imaxe e as clases de gramática ou de xeografía xenerativa, grazas á intuición da nosa nai, xa eran unha realidade no colexio.

Teresa tiña unha fonda preocupación polo preescolar, que consideraba fundamental na formación dun neno, por iso fixo posible que se encargara a Suecia unha aula especial na que desenvolver a psicomotricidade infantil.

Relato completo de Alfredo Conde:  MIÑA NAI, UNHA MESTRA DE VANGARDA  en REVISTA GALEGA DE ENSINO.
Foto extraída da publicación dixital de RGE.


23 octubre 2011

AURORA DE LA TORRE PARADA

Foi outra pioneira na nosa provincia. Naceu o 11 de maio de 1897 na Rabaza (Ourense) filla de propietarios, entendendo por tales aqueles que tiñan terras de labranza cedidas a xornal. Aurora en 1909, con 15 anos, inscríbese no Instituto Provincial para cursar por libre os estudos de Maxisterio e figura matriculada ata 1913. Preparouse no Colexio Modelo da cidade e obtivo moi boas cualificacións sendo premidada en varias materias. Unha vez finalizados os estudos solicitou traslado á Escola Normal de León para realizar os estudos superiores. Seguiu preparándose no Colexio Modelo e tanto nos exámenes como nos exercicios de reválida sacou sobresaliente, acadando, deste xeito, o título Superior de Mestra en 1914. 
Estaba casada co mestre de Paderne Benjamín Docasar Garza.

Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Publicación electrónica por Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. 2006.

04 octubre 2011

ERNESTINA OTERO SESTELO

Ernestina Otero naceu en Redondela no ano 1890 foi mestra e pedagoga. Mencionámola neste blog pois estivo a traballar unha década na nosa provincia polo que foi unha muller que aportou moito á cultura de Ourense.

Foi a maior de sete irmáns, e co esforzado apoio dos seus pais destacou no seu afán polo coñecemento e a formación. Realizou os seus primeiros estudos en Redondela e os de mestra elemental e superior en Pontevedra, finalizados en 1908. Foi unha das primeiras mulleres en obter o título o a Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid, na segunda promoción (1910-1913). En 1914 casa co farmacéutico redondelano Luís Pereira Míguez.

En 1908 conseguiu o título de mestra superior na Escola Normal de Pontevedra, posteriormente, ingresou na Escola Superior do Maxisterio de Madrid (1910-1913), onde recibiu a influencia da Institución Libre de Ensino, fundamentalmente de Luís de Zulueta. En 1914 foi nomeada profesora de pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra. 

Implicouse no fomento da asistencia dos nenos á escola, impulsou a creación de centros escolares, ampliou a educación de adultos, colaborou coas xuntas municipais na utilización dos campos agrícolas experimentais e dos talleres artesanais e industriais, e fomentou o estudo e investigación das características xeográficas e culturais de Galicia. 

Tamén colaborou tamén activamente co Seminario de Estudos Galegos e noutras iniciativas como a Escola Rural Galega. En 1933 asinou o manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía.

Coa Guerra Civil Española foi separada da cátedra e dada de baixa na escala (12 de xuño de 1937). Unha vez terminada a guerra, revisouse o seu expediente e volveu ao seu cargo pero con "traslado forzoso e inhabilitación para cargos directivos e de confianza". Así, empezou de novo en Ourense onde permaneceu dez anos e implicouse na vida cultural e social ourensá. O 1 de outubro de 1951 ocupou de novo a praza de profesora numeraria de pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra.

Vid: Puga Pereira, Manuel. Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga.
Olalla Márquez Losada, "Ernestina  Elena Otero Sestelo", Album de mulleres
Wikipedia: Ernestina