Etiquetas

15 junio 2011

SALUD TORRES DÍEZ

Salud naceu en Ourense ás dez da mañá do 12 de agosto de 1911 e era filla de Silvio Torres Bellido que era de Onil, Alicante, e de profesión cocheiro e de Julia Díez Borrajo que era de Coia, Allariz. O matrimonio vivía no número 93 da rúa do Progreso. Nesa rúa era onde Salud adoitaba a xogar e nunha ocasión, o 15 de febreiro de 1920, cando tiña oito anos, foi atropelada na Ponte Pedriña á saída da rúa do Progreso por un coche conducido polo banqueiro Señor Fuentes. O atropelo causoulle graves lesións polo que foi levada á Casa de Socorro e recoñecida polo Doutor Julio García. Feitas as curas Salud puido regresar ese mesmo día á súa casa. A noticia do atropelo saiu en toda a prensa local e galega pois, certamente, debeu ser alarmante.


(Fonte: Arquivo do Rexistro Civil)

En 1926 fixo o ingreso para o Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense pero non consta o seu expediente. 

Foi delegada de UXT e militante do Partido Comunista e participou nun mitin organizado polo Comité Provisional de la CGTU celebrado no teatro Principal en abril de 1934 e que estaba presidido polo deputado comunista Bolívar. En dito mitin  interveu xunto con Manuel Pousa, Rafael Ochoa, Benigno Álvarez, Manuel García Filgueira e Francisco Paladini. Asistiron ao evento as  organizacións campesiñas coas súas respectivas bandeiras e ao finalizar o acto cantaron os Coros proletarios a Internacional. 

Nesa época seu pai estaba delicado de saúde e faleceu en xullo de 1934 mentres Salud e Silvio estaban en plena militancia activa.

Salud foi detida xunto co seu irmán Silvio en outubro 1934 durante a folga xeral dese ano acusada de comunista e por incitar aos soldados á rebelión e foi sometida a un Consello de Guerra. No inicio da Guerra Civil detivérona e levárona ao cárcere de Celanova e o 29 de outubro de 1937 "paseárona" e fusilárona. Tiña vinte e cinco anos. O seu cadáver apareceu no lugar de Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). 

(Fonte: El Compostelano, 22 outubro, 1934. De Galiciana)

Claudio Rodríguez Fer dedicoulle o seguinte poema:

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Vid: Nomes e Voces e investigación en arquivos e  Hemeroteca.