Etiquetas

19 junio 2011

CONCEPCIÓN CAMBA SALGADO

Naceu en Ourense o 6 de abril de 1909. No ano 1921 matriculouse durante cinco cursos no Instituto , acadando o título de bacherelato no ano 1926 cunha cualificación notable. Posteriormente inscribiuse na facultade de Filosofía, cando tiña 17 anos, pero só nos consta que fixo un curso.

No ano 1932 contraeu matrimonio na Igrexa da Trinidade de Ourense con don Emilio Junquera que era almacenista e era fillo dunha distinguida familia do Ferrol e sobriño de Alfonso Junquera un almacenista na Praza Maior de Ourense.
 
Concepción Camba faleceu prontamente, en xullo de 1935. Organizouse o seu enterro no Posio a onde acudiu moito xente da cidade demostrando que a familia contaba coa simpatía de moita xente.


Vid: Cid Galante, Rosa María e Benso Calvo, Carmen, "Los expedientes de las estudiantes de Bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" en Revista de Educación, 26, 2007, pp. 437-470; e hemeroteca.

15 junio 2011

MARÍA DEL VALLE LOZANO

Coñecida coma María de Beiro. Naceu en Beiro no ano 1887. Casada de moi xoven, o matrimonio emigrou a Cuba, onde o marido acadou éxito coma empresario do ramo da alimentación. Nai de oito fillos, Manuel, poeta e xornalista fusilado en Ourense o 11 de Agosto do 1936 acusado de rebelión e tráfico de armas, Ernesto, mestre e tamén xornalista represaliado, Mercedes, que casou no 1939 con Celso Madriñán Neira, Maruja, de ideoloxía falanxista, Esther, Blanca, tamén casada no 1939 co pintor Manuel Prego de Oliver, Ricardo, asasinado en Valencia por un membro da Falanxe a piques de rematar a guerra, e Luis, falecido en accidente anos antes. 

De volta a España a familia aparece empadroada na segunda planta do antigo nº 15, hoxe 11, da rúa da Paz; anos máis tarde, xa na guerra, na rúa da Amargura, no campo das Mercés e fronte o antigo Hospital, dende onde escoitaban as detonacións dos fusilamentos no campo de Aragón. 

Afillada ó Partido Comunista, e polo feito de selo, foi detida o día 21 de Xullo de 1936 nas rúas de Ourense, día no que tamén deteñen ós seus fillos Manuel e Ricardo. María del Valle Lozano, de 49 años, foi internada no cárcere de Celanova durante 16 meses, dándolle o “paseo” de Bande a Xinzo da Limia, destorzo cerebral por fusilamento, di o Rexistro, o 29 de Outubro de 1937 en Lomba de Lamas, e a familia tres días na procura do seu corpo que apareceu enterrado en O Mosteiro, dous lugares preto de Xinzo da Limia. 

Foi asasinada xunto a unha moza de 19 años, Salud Torres. Aínda que segundo Sánchez Mazas, recollendo a testemuña dunha veciña de Celanova que o vira cos seus propios ollos, botáronlle gasolina e queimárona viva, alí mesmo, na praza fronte do convento, versión moi dubidosa.

O seguinte poema dedicoullo Carlo Rodríguez Fer a María de Beiro e a Salud Torres, as dúas fusiladas.

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Vid: Nomes e vocesLa Voz de Galicia, hemeroteca e Wikipedia

SALUD TORRES DÍEZ

Salud naceu en Ourense ás dez da mañá do 12 de agosto de 1911 e era filla de Silvio Torres Bellido que era de Onil, Alicante, e de profesión cocheiro e de Julia Díez Borrajo que era de Coia, Allariz. O matrimonio vivía no número 93 da rúa do Progreso. Nesa rúa era onde Salud adoitaba a xogar e nunha ocasión, o 15 de febreiro de 1920, cando tiña oito anos, foi atropelada na Ponte Pedriña á saída da rúa do Progreso por un coche conducido polo banqueiro Señor Fuentes. O atropelo causoulle graves lesións polo que foi levada á Casa de Socorro e recoñecida polo Doutor Julio García. Feitas as curas Salud puido regresar ese mesmo día á súa casa. A noticia do atropelo saiu en toda a prensa local e galega pois, certamente, debeu ser alarmante.


(Fonte: Arquivo do Rexistro Civil)

En 1926 fixo o ingreso para o Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense pero non consta o seu expediente. 

Foi delegada de UXT e militante do Partido Comunista e participou nun mitin organizado polo Comité Provisional de la CGTU celebrado no teatro Principal en abril de 1934 e que estaba presidido polo deputado comunista Bolívar. En dito mitin  interveu xunto con Manuel Pousa, Rafael Ochoa, Benigno Álvarez, Manuel García Filgueira e Francisco Paladini. Asistiron ao evento as  organizacións campesiñas coas súas respectivas bandeiras e ao finalizar o acto cantaron os Coros proletarios a Internacional. 

Nesa época seu pai estaba delicado de saúde e faleceu en xullo de 1934 mentres Salud e Silvio estaban en plena militancia activa.

Salud foi detida xunto co seu irmán Silvio en outubro 1934 durante a folga xeral dese ano acusada de comunista e por incitar aos soldados á rebelión e foi sometida a un Consello de Guerra. No inicio da Guerra Civil detivérona e levárona ao cárcere de Celanova e o 29 de outubro de 1937 "paseárona" e fusilárona. Tiña vinte e cinco anos. O seu cadáver apareceu no lugar de Lomba de Lamas (Xinzo de Limia). 

(Fonte: El Compostelano, 22 outubro, 1934. De Galiciana)

Claudio Rodríguez Fer dedicoulle o seguinte poema:

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Vid: Nomes e Voces e investigación en arquivos e  Hemeroteca.



13 junio 2011

A MODA E O MATRIMONIO

Vid: La Zarpa, 11-6-1926

ROSA JARES HERRERO

Naceu en Mourisca (Viana do Bolo) o 15 de febreiro de 1909. No ano 1928 matricúlase na carreira de Farmacia pero nos Rexistros de Matrícula so consta que realizou un curso por libre pero grazas á información facilitada poa súa neta, Marta Martínez, que se puxo en contacto con este blog, sabemos que Rosa Jares rematou a carreira de Farmacia en tempos da República (conservando a familia o seu título) e que se colexiou no Colexio de Farmacia co número 40 e que exerceu en Viana do Bolo, na farmacia situada na Praza Maior, ata os anos 1975-76 . Estaba colexiada co nº 40. Casou con Manuel Pérez Puga e tiveron catro fillos: María Rosa, José Manuel, Herminda e Concepción. 

Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (I e II), en Revista Minius.
Freire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p.59, 233. (Foto extraída de Freire Quintas)..
El Correo gallego, 20 de agosto de 1955.



10 junio 2011

ELENA MARTÍNEZ SUÁREZ

Era mestra e aprobou as oposicións a maxisterio en Madrid en 1929 e en 1930 estivo exercendo na escola de Poulo en Gomesende. Despois destinárona á escola de Allariz e en 1958 tivo unha homenaxe na vila xa que recibíu o Lazo da Orden de Alfonso X o Sabio. Este galardón outórgaselle a aquelas persoas xurídicas do territorio español que destacan no campo de cultura, educación, ciencia e docencia. Tamén levou varios premios por parte do I.N.P.

Vid: El Pueblo Gallego,17 de marzo de 1929, p. 11; El Pueblo Gallego, 13 de decembro de 1930, p. 8; la Región, 25 de febreiro de 1930, p. 8; El Pueblo Gallego, 18 de novembro de 1957, p. 11.


05 junio 2011

XOGADORAS DE TENIS OURENSÁS

Fonte: La Región, 11-06-1925

04 junio 2011

MERCEDES FEIJÓO SOTOMAYOR

Naceu en Ourense O 8 de marzo de 1895 e  era filla do propietario Urbano Feijóo Sotomayor, marqués de Santa Ilduara, que foi deputado pola provincia de Ourense e tamén  empresario en Cuba e integrante das FET de la Jons e sería nomeado embaixador en Monrovia no ano 57.

Mercedes era irmá de Elena, Ilduara e Carlota. Como a súa irmá Carlota ingresou nos estudos de Maxisterio no ano 1908 realizando os cursos por libre. Estivo matriculada no Instituto ourensán ata finalizar os estudos de maxisterio en 1913. Exerceu como mestra na provincia de Ourense e un dos seus destinos foi a escola de Cualedro.

Foi integrante da Sección Feminina con carnet. Era unha muller que se movía en círculos de distinción. Foi residir a Madrid onde tiña numerosas amizades e alí faleceu en xaneiro de 1951.



Vid: Cid Galante, Rosa, A muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento.